Pont-Up Store chega esta fin de semana cun intenso programa de actividades e unha carpa na que se presentan 40 emprendementos

86
  • O Pont-Up Store desembarcará o próximo venres na Praza de España de Pontevedra para mostrar todos os emprendementos que non puidemos coñecer na pasada edición e ademais 12 novas empresas que decidiron abrir as súas portas ou relanzar o seu negocio en plena crise da Covid-19. En total presentaranse 40 empresas que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas; pero tamén unha extensa programación arredor da cultura emprendedora e, por primeira vez, un espazo virtual denominado dixital_pontup, que permitirá vivir o encontro e acceder aos stands de modo online, e que continuará activo máis alá do evento

Despois de ter que adiar a súa VII edición o ano pasado por mor da evolución da pandemia da Covid-19, o Pont-Up Store, o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular, abrirá o seu recinto na Praza de España de Pontevedra esta fin de semana para desenvolver entre o venres e o sábado un programa pensado desde a ilusión e a valentía que supón emprender en tempos de pandemia. O programa foi presentado esta mañá no Teatro Principal de Pontevedra coa participación da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco Rial; o tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Tino Fernández González; o deputado provincial de Economía, Carlos López Font; o vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo, Jorge Soto Carballo; e o director do encontro, Pedro Figueroa Dorrego, que comezou a súa intervención destacando a principal novidade desta edición, o espazo virtual dixital_pontup, que supón un paso de xigante e unha aposta de futuro para o traballo da comunidade emprendedora galega. 

Trátase dunha aplicación desenvolta por Xeométrica (empresa participante na segunda edición do Pont-Up Store e que na actualidade pertence ao Grupo Coterena), que foi posible grazas á achega de 6.000 euros por parte da Concellaría de Promoción Económica de Pontevedra. Segundo subliñou Figueroa, “tras un ano tan complicado para os emprendementos como foi 2020, estes novos tempos obrigáronnos a repensar e innovar para xerar dinámicas positivas que motiven e axuden a visualizar ás novas persoas emprendedoras”, o que levou á equipa a poñer en marcha unha plataforma interactiva, co deseño dun aplicativo que permite a organización de diferentes eventos e actividades vencelladas co novo emprendemento. 

WhatsApp Image 2021 09 21 at 13.33.08

A plataforma dixital_pontup “fai posible que estas accións innovadoras e emprendedoras poidan ser visitadas non só desde calquera lugar, senón tamén en calquera momento, outorgando ademais unha maior proxección ás mesmas e un maior valor engadido aos seus patrocinadores”, apuntou Figueroa, quen tamén constatou que este espazo virtual permitirá, entre outras cuestións, contar cunha programación propia durante todo o ano para a realización de foros, xuntanzas, intercambios de experiencias ou actividades sectoriais dedicadas ao novo emprendemento; a integración no aplicativo dunha zona de exposicións destinada a navegar por stands virtuais e interactivos que conterán os proxectos de emprendemento seleccionados na edición e que permitirá visualizar unha recreación dixital e interactiva da súa tenda , contactar en tempo real por medio de videochamadas ou efectuar compras; incrementar a visibilidade e difusión dos proxectos e os patrocinadores en cada evento ou actividade; e integrar no aplicativo unha zona virtual para presentar os relatorios, mesas redondas e outras actividades grupais que acontezan no evento ou ben aquelas que se poderían celebrar durante todo o ano e dedicadas a sectores concretos (alimentación, tecnoloxía, cultura, lecer…). 

Figueroa sinalou que “este innovador proxecto permitirá a partir da positiva experiencia destes últimos anos, dar un salto exponencial no apoio ao novo emprendemento, propoñéndose como epicentro dixital da crecente comunidade emprendedora”. Na súa opinión, “esta ferramenta permitirá á cidade de Pontevedra e ao Campus CREA da Universidade de Vigo posicionarse como líderes na organización de eventos dixitais en xeral e nos relacionados co mundo do emprendemento en particular, permitindo visitar o Pont-Up desde calquera lugar, percorrer virtualmente as tendas dos emprendementos seleccionados, comunicarse con eles e facer operacións comerciais cos mesmos, tanto neste Pont-Up como en calquera evento que no futuro se organice a través desta plataforma”. O dixital_pontup porase en marcha o próximo venres, acompañando a apertura do encontro presencial.

Unha edición feminina, sostible e que medra no rural
O director do Pont-Up Store tamén destacou que esta edición do Pont-Up estará claramente liderada polo emprendemento feminino, que supón un 55% das empresas que van dar a coñecer as súas iniciativas, e tamén é decididamente sostible con case un 100% das iniciativas aplicando criterios de sustentabilidade de forma transversal ou como sinal de identidade. Ademais, constátase o crecemento do emprendemento radicado en vilas e aldeas que supón xa un 40%, fornte o 60% que se asenta nas cidades, e, entre estas últimas, Vigo é o polo emprendedor por excelencia dentro da provincia de Pontevedra que protagoniza o 50% das iniciativas.

Unha carpa con 40 emprendementos
En total van participar nesta edición 40 startups galegas; 35 serán empresas con stand, e outras 5 empresas desenvolverán actividades demostrativas na carpa. Entre elas hai un grupo de emprendementos que decidiron lanzarse ao mercado en datas recentes, a pesares de todos os atrancos impostos pola pandemia. A pesar de que a crise provocada pola Covid-19 obrigou a pechar moitos negocios, tamén espertou a audacia de moitos emprendementos que se atreveron a lanzar os seus productos e servizos no medio dun contexto altamente incerto pero con novas necesidades que poden ser aproveitadas. O Pont-Up Store decidiu premiar ese emprendemento valente, abrindo nesta edición unha convocatoria extraordinaria especialmente dirixida a persoas emprendedoras que puxeron en marcha a súa empresa en plena pandemia (entre 2019 e 2021) e tamén a emprendementos que xa participaran en pasadas edicións e que presentasen unha innovación destacable para afrontar con éxito a situación xerada pola Covid-19. O resultado son 12 empresas con negocio de nova implantación e unha que repite no encontro grazas ás innovacións aplicadas na xestión e produción da empresa. Entre as empresas seleccionadas dentro desta convocatoria, destaca a innovación tecnolóxica aplicada co obxectivo de resolver os problemas de espazo e mobilidade nas cidades; por un lado EVOURBE, vai presentar un sistema intelixente de xestión de aparcamento que nace co obxectivo de revolucionar o estacionamento urbán; e por outra, VI&GO, lanza un proxecto de mobilidade sostible mediante suscrición de motos eléctricas e intelixentes e un sistema de carga de baterías. 

O sector da alimentación tamén aproveita a marea con novos negocios que xurden para cubrir ocos que aínda contan con pouca oferta. Así, NAMELAKA prepara xeados insólitos e postres artesanais con sabores disruptivos; LA VANETTA ofrece alimentación e restauración vegana e de proximidade; NELA BIOSENSE dedícase a elaborar de xeito artesanal produtos de alimentación e coidados, e ESSENZO CACAO tráenos un Chocolate Bean to Bar feito á man en Galicia. Dentro das liñas de negocio con compromiso ambiental foi seleccionada BENESTAR MARKET, un espazo online onde comprar productos naturais e sostibles e zero waste. E tamén entraron nesta convocatoria extraordinaria dúas empresas do ámbito cultural que ofrecen solución e alternativas á difícil situación que está a atravesar o sector. Dunha banda, O GALPÓN LAB, unha asociación sen ánimo de lucro que busca dar apoio a artistas emerxentes para promover a creación artística e o intercambio cultural no ámbito de Pontevedra; e doutra banda FESTIGALEIROS, unha ferramenta online para atopar feiras, festivais e festas en Galicia. 
O sector da decoración, a artesanía e o mobiliario dirixido a públicos específicos é outra das actividades que colle folgos en tempos de COVID. VAIDHÉ comercializa produtos con historia, artesanía, deseño e souvenirs especiais, LITTLE L é unha marca orientada ás crianzas que fabrica mobiliario e materiais educativos baseados en Montessori, Waldorf e o libre movemento; e ENXEBRE é unha firma de moda e decoración con produtos galegos e inspirados en Galicia.


Por último, LAS FLORES DE GRETA, xa participara no encontro con deseños de moda e complementos elaborados mediante a técnica do Ecoprint, co que traspasan pigmentos naturais de follas e flores ás súas pezas. Agora, regresa ao Pont-Up Store achegando avances notables no desenvolvemento desta técnica, incorporando algodón orgánico para poñer no mercado unha produción máis sostible e tamén cun modelo de negocio máis dixital. 

Emprendementos seleccionados en 2020
 En canto aos emprendementos que xa foran seleccionados para participar na edición de 2020, atopamos unha participación multisectorial con moita diversidade nas tipoloxías participantes pero que mantén como denominador común a innovación e a creatividade. A gastronomía é a actividade arredor da que xira a cooperativa A FACTORÍA DO LUME con elaboración artesá de salsas e productos picantes; e CHAC MOOL TAQUERÍA MEXICANA. Arredor da moda, os complementos, a xoiería e as tendencias estarán un numeroso grupo de empresas que destacan polo seu enfoque social: CONLOQUETENGOCONTRAFORMA OVELLA NEGRAAIFALACHES.GALBINK&PLUEFIO DE MARTIÉNAI DESEÑOSOFFCONNECTIONMII AND LOLI, e PANDA BOHÈME, marca de papelería para adultos. En torno aos diferentes ámbitos artísticos contaremos con XEITOSA PRODUCIÓNSBAIA FERNÁNDEZ DE LA TORRECREATIVAS GALEGAS, e LA PARABÓLICA. Coa sustentabilidade no cuore do seu negocio presentarán as súas propostas CORAZÓN DE CARBALLO GRANXA ESCOLA EUCA GREEN. No ámbito dos servizos para eventos estará PIXELECER AUDIOVISUAL. Coa actividade centrada no rural galego, participará SMARTWOOD, unha ferramenta orientada á mellora da produtividade e o rendemento das explotacións agrícolas e forestais. E coa vista posta na innovación a partir da tecnoloxía e o abastecemento enerxético e o marketing estarán WEET ENERGY & TELECOM, e a consultoría de innovación I+ADN con interesantes patentes en fase de comercialización. 

Programa de actividades na carpa
Algunhas das empresas que participan con stand desenvolverán tamén actividades demostrativas. É o caso de CREATIVAS GALEGAS que farán unha demostración en directo dos seus oficios e montarán unha pequena mostra da súa exposición de mascarillas chamada ‘Liberdade Enmascarada’, realizada por diferentes persoas creativas e que naceu no Museo do Pobo Galego en Santiago. XEITOSA PRODUCIÓNS programará miniconcertos en formato showcase das artistas que representan;  Julia de la Cal, de LA PARABÓLICA fará unha demostración de cestería contemporánea con fibras vexetais e materiais reutilizados; FENTO MODA SUSTENTABLE GALEGA, participa cunha charla sobre os impactos medioambientais e sociais do textil; CORAZÓN DE CARBALLO propón descubrir un sinfín de recursos naturais que a natureza nos ofrece e os usos que lles dá a tradición a estes recursos. Neste taller ensinarán como facer o noso propio instrumento coma o facían as nosas avoas e avós: un asubío de bugallo, que imita moi ben o canto do cárabo. Cada participante levará consigo coma lembranza o seu propio instrumento; BAIA FERNÁNDEZ fará unha pequena presentación do conto ilustrado: LAIA; un achegamento a esta personaxe que terá que descubrir por que ela é “un ser moi especial”. Unha historia de amizade, autoestima, desapego e empoderamento… coas marabillosas ilustracións ás que nos ten acostumadas o artista Leandro Lamas, que fará as delicias de maiores e crianzas; O GALPÓN LAB desenvolverá un laboratorio creativo para adultos e outro para nenas e nenos, nos que  se explorarán técnicas para espertar ou desbloquear a creatividade; e KOOMPANY organizará Brand SpeedDating “encontra a media laranxa da túa marca en redes sociais” como actividade de networking só para participantes desta edición.

Protocolo sanitario
A mascarilla será obrigatoria en todo o recinto, recoméndase usar xel desinfectante á entrada e durante a visita, e non estará permitido fumar. Por suposto, tamén será obrigatorio manter a distancia de seguridade en todo momento e seguir a dirección dos sinais do chan. Non se poderán tocar os obxectos expostos a menos que o permitan as emprendedoras e emprendedores de cada stand. A organización recomenda agardar se hai alguén realizando unha compra para evitar aglomeracións. 

Unha asociación recollerá o espírito destas oito edicións
Outra das novidades que presenta este ano o Pont-Up é a creación da Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store. Os seu obxectivo é aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo Pont-Up Store ao longo destas oito edicions, garantir a continuidade da celebración anual do evento e ́ apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia. A asociación nace cun espírito de colaboración e complementariedade con outras organizacións de apoio ao emprendemento. 

O Pont-Up Store está organizado polo grupo de investigación G4 Plus co patrocinio da Concellería de Promoción Económica, a Vicerreitoría da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes oito anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais.