Deportes mellorará as condicións de illamento e abrigo da pista polideportiva do CEIP Manuel Vidal Portela coa instalación dunha fronte de cortiñas
127
O departamento que dirixe o socialista Tino Fernández investirá 12.638,45 euros na dotación desta estrutura, que se executará no lado oeste do recinto e terá unhas dimensións de 18 metros
A actuación, que levará a cabo Punto Deporte Asesores SL, permitirá pechar a pista polo seu lado oeste (zona de acceso desde o colexio) cun faldón protector que freará a entrada de choiva
A Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde destinará unha achega de 12.638,45 euros á execución dunha obra para dotar a pista polideportiva cuberta do CEIP Manuel Vidal Portela dunha fronte de protección formado por cortiñas. Esta actuación, que levará a cabo a asesoría técnico deportiva Punto Deporte, permitirá mellorar as condicións de illamento do recinto, sobre todo de cara á época invernal, ao proporcionar aos seus usuarios (tanto deportistas como alumnado do centro educativo) un maior abrigo ante as inclemencias meteorolóxicas.
Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “a intervención realizarase no lado oeste da pista, que é a zona de acceso desde o colexio, e pretende darlle continuidade ás estruturas xa existentes na súa cabeceira e no lateral que dá á rúa Salustiano Portela Pazos coa instalación dun faldón de 18 metros de lonxitude composto por un esqueleto de ferro e panel celular translúcido que partirá da cuberta”. “Este faldón -sinala o edil socialista- freará, en gran medida, a choiva lateral que entra no recinto por ese lado”.
A obra completarase coa instalación de catro cortiñas que darán a posibilidade de pechar a pista polideportiva por ese lado oeste, de tal xeito que o normal desenvolvemento de actividades deportivas ou escolares non se vexa afectada nos días de peor meteoroloxía. Segundo apunta Tino Fernández, “as cortiñas de lona de pvc impermeable farán posible que se manteña a versatilidade deste recinto, que dá servizo como patio cuberto do CEIP Manuel Vidal Portela e como infraestrutura deportiva (empregada, entre outros clubs, polo Baloncesto Arxil), podéndose abrir ou pechar facilmente en función do uso que se lle queira dar e a meteoroloxía de cada momento”.
O proxecto inclúe a subministración e instalación de cortiñas con riel de aluminio, rodas de Saeco dobres cada 50 centímetros, con lona tauliner con tensores cada 100 centímetros e lona de pvc de 900 gramos/m2 100% impermeable, así como de tres estruturas de 9,75 x 1,76 metros cada unha con panel celular translúcido de 20 milímetros de espesor.