O novo parque de calistenia e actividade física saudable da Illa das Esculturas custará máis de 100.000 € e estará rematado antes de final de ano

601
  • A Xunta de Goberno Local deu esta semana luz verde á memoria valorada e o prego de prescricións técnicas do proxecto redactados polos técnicos do Servizo Municipal de Deportes 
  • O moderno equipamento deportivo instalarase nas inmediacións da pasarela peonil, na entrada á zona verde a través do Paseo de Rafael Areses, nunha área duns 300 metros cadrados

O novo parque de calistenia da Illa das Esculturas está un chanzo máis preto de facerse realidade despois de que a Xunta de Goberno Local lle dese luz verde esta semana á memoria valorada e o prego de preinscricións técnicas elaborados polo Servizo Municipal de Deportes. O proxecto, que suporá un investimento de 103.315,85 euros, traducirase na instalación dun moderno equipamento de actividade física saudable ao aire libre nas inmediacións da pasarela peonil (na entrada á zona verde a través do Paseo de Rafael Areses), nunha área de terra compactada estabilizada cunha capa de cemento cunhas dimensións aproximadas de 300 metros cadrados.

A infraestrutura deportiva permitirá complementar as actividades aeróbicas que se poden desenvolver actualmente neste espazo con outras de mantemento e incremento da forza xeral e específica dos grandes grupos musculares, incidindo así na mellora da calidade de vida da poboación en xeral. Entre as actividades que se poderán practicar no novo parque inclúense exercicios de calistenia, parkour, workstreet, HIIT (High Intensity Interval Training), cross training, bootcamp, traballo de forza, mobilidade articular e cardio.

Tal e como apunta o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “dotarase ao parque de equipamento especializado para desenvolver actividade física ao aire libre que combine traballos funcionais de forza co propio corpo (tradicionalmente coñecidos como traballos calisténicos) con exercicios de forza dirixida por elementos deseñados para grandes grupos musculares, así como doutros complementarios de uso individual como gomas elásticas, tirantes musculares, cintas de adestramento en suspensión, cordas ou sacos de boxeo”. “Estará deseñado para unha práctica deportiva inclusiva -salienta Fernández-, posibilitando o uso de persoas con mobilidade reducida, e terá un carácter polivalente, tanto no que se refire ao tipo de actividade física a realizar como no que atinxe aos rangos de idade, abranguendo as necesidades da xente moza, apaixonada por modalidades tan de moda como a calistenia, o parkour, o workstreet, o adestramento interválico de alta intensidade, o cross training ou o bootcamp, como as dos nosos maiores, que buscan mellorar a súa calidade de vida con traballo de forza xeral e específica e mobilidade articular”.

O edil do PSOE agarda que, tendo en conta que o proxecto xa está en Contratación para entrar en fase de licitación e de que as obras teñen un prazo de execución dun mes desde o seu inicio, os pontevedreses poidamos contar con esta demandada infraestrutura “antes de que remate o ano”.

O deseño dos espazos contempla dúas áreas diferenciadas:

  • A zona dedicada aos traballos de forza mediante sistemas funcionais e/ou calisténicos, estará composta alomenos polas seguintes unidades e estruturas: 
  1. Estrutura con pesos do tipo ‘kettlebell’ que, dun xeito seguro, tanto para o practicante como para o mantemento da instalación, garantan a súa durabilidade. Deberán estar fixas á estrutura e dispoñer dun sistema magnético que evite e free/desacelere a súa caída.
  2. Estrutura con elementos de suspensión (tipo TRX) fabricados en poliuretano elastómero plástico, que deberán ofrecer a posibilidade de traballo en tres ou máis alturas diferentes. 
  3. Elemento con cordas para trepa e realización de diversos exercicios. As cordas estarán feitas de PA (poliamida) estabilizada aos raios UV, con reforzo interno de cable de aceiro. 
  4. Estruturas para desenvolvemento de traballos calisténicos composta de: estación de dominadas con escaleira vertical (para facilitar o seu uso por unha maioría da poboación, as barras de dominadas terán un diámetro entre 30 e 35 mm); estación para traballo de presa inclinada equipada con barras laterais que ofreza diferentes alturas e posicións para as mans e os pes e unha barra superior para traballos en suspensión; escaleira horizontal superior con estruturas que faciliten o acceso a actividade aérea (tipo chanzos ou steps); parede de rede para o traballo de escalada en corda de aceiro reforzado cunha barra superior ríxida; estación de flexións con distintas alturas; banco de abdominais con asideiros; barras baixas paralelas con arcos transversais de diferentes alturas;  barras paralelas de media altura; estrutura múltiple formada por un mínimo de catro pórticos unidos entre si por barras lonxitudinais, provista de barra de dominadas e postos verticais provistos de diversos tipos de ancoraxe para elementos deportivos (cintas elásticas, tirantes musculares, pesas, sacos…). A estrutura estará deseñada de tal xeito que, a lo menos, permita o traballo simultáneo de 8 persoas. 
  • O espazo para traballos aeróbicos estará formado por:
  1. Dúas bicicletas estáticas con cadeira de caucho de poliuretano axustable en alomenos dez alturas, para garantir o uso con parámetros biomecánicos normais de persoas con alturas entre 1,50 e e 2,05 metros. A mecánica e electrónica do equipamento deberá posibilitar a regulación da resistencia mediante a pantalla e/ou aplicación en dez niveis. Contarán cunha pantalla táctil LCD de 7” que proporcionará información de tempo, velocidade, cadencia, distancia, vatios e calorías. Estarán rematadas con material moi resistente a impactos, axentes sólidos e auga e actos vandálicos. O manillar posibilitará diferentes posturas e estilos de condución e deberán permitir a conexión vía bluetooth con calquera dispositivo para proporcionar información instantánea dos datos que aparecen na pantalla e regular a resistencia.
  2. Unha bicicleta elíptica con reposapés, mecánica e electrónica que permitirá a regulación da resistencia mediante a pantalla e/ou aplicación, pantalla táctil LCD de 7” que proporcione información de tempo, velocidade, cadencia, distancia, vatios e calorías, e como no caso das bicis, posibilidade de conexión vía bluetooth con calquera dispositivo.

Este equipamento mediante bluetooth e aplicación específica supón un elemento de control e supervisión, xa que debe permitir non só ver os datos, senón tamén almacenalos, ao tempo que se converte tamén nun elemento dinamizador e motivador, posibilitando compartir os datos da actividade en liña. Tódolos elementos deberán contar cunha placa indicativa das actividades/exercicios que se poden desenvolver, os grupos musculares que se traballan, complementada, ou nalgún caso substituída, por un código QR que dé acceso a unha aplicación personalizada que detalle os posibles exercicios, de distintos niveis de dificultade, a desenvolver en cada un dos equipamentos, vídeos demostrativos, un mapa con localización de equipamentos semellantes, información complementaria, plans de adestramento e calquera outra función que engada valor engadido ás persoas usuarias. 

Ademais, instalarase un panel indicativo do conxunto, onde se reflictan as normas xerais de utilización do parque, así como a imaxe corporativa do Concello e un código QR que dé acceso á antedita aplicación informática.

Tino Fernández avanza que o da Illa das Esculturas “será o primeiro dos dous parques de actividade física saudable que o Concello executará na cidade, xa que temos previsto construír outro que ocupará unha superficie de entre 100 e 150 metros cadrados no barrio de Mollabao”.