Edugal regresa ao Recinto Feiral nunha 10ª edición con máis de 50 expositores e un programa con showcooking, mesas redondas e obradoiros

103
  • O evento será inaugurado o vindeiro mércores nun acto no que participarán o presidente de Aempe, José María Corujo, e a edil de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco
  • Entre as actividades inclúense charlas de orientación universitaria e emprendemento, talleres de dixitalización, emprego e igualdade e demostracións técnicas de fisioterapia 

A reapertura ao público do Recinto Feiral para a celebración de grandes eventos trae consigo o regreso dunha das súas feiras máis senlleiras: a décima edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia ‘Edugal 2021’, que se desenvolverá os días 20, 21 e 22 coa participación de máis de 50 expositores. O programa de actividades deste ano incluirá mesas redondas, conferencias, obradoiros e showcooking, nunha feira que axudará aos estudantes a decidir eficazmente o seu futuro formativo e profesional e no que está representada practicamente toda a oferta de centros educativos e formativos, empresas e entidades que dan resposta ás necesidades dos alumnos que precisan elixir o centro no que formarse para acceder ao mercado laboral.

O salón, organizado pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e a Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa Deputación e a Universidade de Vigo, pretende dar así continuidade á orientación académica, facilitar unha axeitada decisión sobre o futuro profesional e acadar unha maior calidade na formación. Edugal abrirá as súas portas o mércores 20 e o xoves 21 en horario de 10:00 a 18:00 horas e o venres 22 de 10:00 a 14:00 horas, contando con xornadas técnicas nas que se realizarán conferencias, charlas de orientación, obradoiros e demostracións dirixidas a estudantes que lles axudarán a ter máis claras as opcións formativas das que dispoñen; e visitas programadas para grupos escolares acompañados dun profesor ou titor (concertadas coa organización).

Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Universidades, Yoya Blanco, “este salón é unha aposta polo futuro inmediato da formación en Pontevedra e Galicia” e está orientado a alumnos e estudantes potenciais, “en especial de aqueles estudantes que estean finalizando a ESO, o Bacharelato ou ciclos formativos”; profesionais do ensino; centros educativos (universidades, facultades, escolas, institutos, centros de FP…); formadores para o emprego (orientadores, recursos humanos, consultores, formación continua a empresas…); empresa do sector público, “e ao público en xeral interesado en charlas formativas e información sobre formación e emprego”. “Un público potencial de máis de 10.000 persoas -apunta Blanco-, tendo en conta os mozos que comezarán estudos superiores ou profesionais e aqueles profesionais en situación de desemprego”.

Á cita, que terá entrada de balde, están convocados centros educativos públicos, concertados e privados, campus universitarios, centros de formación, fundacións, empresas con FP Dual, empresas de material escolar, compañías de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e robótica, startups, escolas de idiomas, formación no estranxeiro, danza e artes escénicas, conservatorios e Forzas Armadas Profesionais (Ministerio de Defensa). 

O programa de actividades

O programa de actividades de Edugal 2021 porase en marcha o mércores 20 de outubro ás 11:00 horas na Sala A cunha mesa redonda titulada ‘Camiño á empregabilidade’, presentada pola directora xerente da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo (FPGFT), Rosanna Lózpez Salgueiro, e na que participarán o director da Fundación Ronsel, Luis Deber, dous mozos/as e un mentor/a. Nesta mesa darase a coñecer o programa formativo da FPGFT para mellorar a empregabilidade de persoas menores de 30 anos.

A continuación, ás 12:30 horas, terá lugar a inauguración oficial de Edugal, protagonizada polo presidente de Aempe, José María Corujo, e a concelleira socialista Yoya Blanco, que dará paso a un Showcooking da Familia Profesional de Hostalería FP no stand da Subdirección Xeral de Formación Profesional. Ás 13:00 horas a Asociación Juan XXIII desenvolverá no seu expositor un obradoiro de Demostración de Técnicas de Fisioterapia e entre as 13:30 e as 14:00 horas haberá unha charla sobre o Procedemento de acreditación de competencias profesionais (ARA) impartida pola Subdirección Xeral de Formación Profesional – Secretaría Xeral de Educación e FP.

Na Sala B do salón celebraranse diversas charlas de orientación universitaria: ás 11:00 horas unha sobre Visión Infravermella a cargo da Escola de Enxeñería de Minas e da Enerxía; ás 12:00 horas unha titulada ‘Gústanos a Química’, impartida pola Facultade de Química; ás 13:00 horas unha de ‘Traducir e interpretar no século XXI, da man da Facultade de Filoloxía e Tradución, e ás 16:00 horas outra de Risografía, organizada pola Facultade Belas Artes.

A xornada do xoves 21 de outubro abrirase na Sala A ás 10:00 horas coa actividade Erasmus Plus, sobre a internacionalización da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e proseguirá ás 10:45 horas cun relatorio a cargo de Laura Sáez Rodríguez, U-TAD, acerca de As Profesións STEAM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas). A seguir, ás 11:30 horas celebrarase un Obradoiro de Habilidades Blandas e Dixitalización no que se presentará a Guía de Habilidades Blandas a través dunha charla coa interacción dun robot dirixida por Modesto Gómez, coach experto en Marketing e desenvolvemento do talento (actividade da FPGFT), e ás 12:30 horas dará comezo outro showcooking e a mesa redonda ‘Que podes estudar na Formación Profesional Galega?’, impartida pola Subdirección de Formación Profesional.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas desenvolverase a charla ‘Ilerna Online e o éxito da FP a distancia’ e ás 17:00 horas un Obradoiro de Formación, Emprego e Igualdade, presentado por Rosanna López Salgueiro, moderado pola consultora de Igualdade María Buceta e no que intervirán representantes da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Empresarias Galicia e Aempe, dous formadores, dous orientadores e dúas mozas e mozos. Na Sala B están previstas novas charlas de Orientación Universitaria: ás 10:00 horas ‘Crea o teu perfil de Instagram con HTML’, impartida pola Escola de Enxeñería de Telecomunicacións; ás 11:00 horas ‘May the fire with you’, da Escola de Enxeñería de Minas; ás 12:00 horas ‘Gústanos a Química’, da Facultade de Química; ás 13:00 horas ‘Fai Historia con nós’, da Facultade de Historia, e ás 16:00 horas ‘Risografía’, da Facultade de Belas Artes.

O programa do venres 22 de outubro de Edugal abrirase na Sala A ás 10:00 horas coa presentación ‘Novos residuos… Novas solucións’, a cargo do CPR Eduardo Pondal de Cangas (Escola Asociada Unesco), e a celebración da mesa redonda ‘Profesionalización dos estudos en arte dramática: Dirección escénica e dramaturxia, Escenografía e Interpretación. Casos de éxito’, impulsada pola Escola Superior de Arte Dramática (Esad) de Galicia. Para as 12:30 horas están previstas a charla ‘Innovación, Internacionalización e Emprendemento na FP Galega’, impartida pola Subdirección Xeral de Formación Profesional – Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, e máis un Showcooking da Familia de Formación Profesional de Hostalería.

A Sala B acollerá entre as 10:00 e as 14:00 horas (momento da clausura de Edugal) novas charlas de Orientación Universitaria sobre ‘Fisioterapia en Lesións Deportivas’ (Facultade de Fisioterapia); ‘Materiais Intelixentes e Outras Curiosidades’ (Escola de Enxeñería de Minas e da Enerxía); ‘Gústanos a Química’ (Facultade de Química), e ‘Acceso e matrícula na UVigo’ (Sección de Información ao Estudantado, SIE).

A relación de expositores desta 10ª edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia está composta por:  

  1. AEMPE 
  2. AFN – AEROFLOTA DEL NOROESTE 
  3. ASOCIACIÓN JUAN XXIII 
  4. CENTRO EXAMINADOR OFICIAL DE CAMBRIDGE
    ASSESMENT ENGLISH EN VIGO 
  5. CONSERVATORIO SUPERIOR DE MÚSICA DE VIGO 
  6. EISV, ESCUELA DE IMAGEN Y SONIDO DE VIGO 
  7. EPA PONTEVEDRA (EDUCACIÓN PARA ADULTOS) 
  8. ESCOLA SUPERIOR DE ARTE DRAMÁTICA DE GALICIA 
  9. ESCOLA DE CANTEIRÍA – DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
  10. PLAN LABORA 2020 – DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA 
  11. ESCOLA SUPERIOR DE CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN
    DE BENS CULTURAIS DE GALICIA
  12.  ESCOLAS ASOCIADAS DA UNESCO 
  13.  FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL 
  14. FORMARTE ESCUELA DE MODA 
  15. FUERZAS ARMADAS 
  16.  FUNDACIÓN PÚBLICA GALEGA DA FORMACIÓN PARA O
    TRABALLO 
  17. IES CHAN DO MONTE (Marín) 
  18. IES GONZALO TORRENTE BALLESTER (Pontevedra) 
  19.  IES LUIS SEOANE 
  20. IES PADRE SARMIENTO 
  21.  IES VILALONGA (Sanxenxo) 
  22.  ILERNA ONLINE 
  23.  O GARAXE HERMÉTICO 
  24. RESA, RESIDENCIAS UNIVERSITARIAS 
  25. SUBDIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PROFESIONAL.
    CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN  
  26. CIFP MANUEL ANTONIO (Vigo) 
  27. CIFP VALENTÍN PAZ ANDRADE (Vigo) 
  28. CIFP A Granxa (Ponteareas)
  29. CIFP A Xunqueira (Pontevedra)
  30. CIFP Carlos Oroza (Pontevedra)
  31. CIFP Coroso (Ribeira)
  32. CIFP As Mercedes (Lugo)
  33. CIFP Someso (A Coruña)
  34. UNED
  35. UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
  36. UNIVERSIDADE DE VIGO E OS CENTROS:
  37. Campus de Ourense:
    FACULTADE DE HISTORIA
    – FACULTADE DE CIENCIAS EMPRESARIAIS E TURISMO
    – FACULTADE DE EDUCACIÓN E TRABALLO SOCIAL
    – ESCOLA SUPERIOR DE ENXEÑARÍA INFORMÁTICA
  38. Campus de Pontevedra:
    FACULTADE DE BELAS ARTES
    – FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN E DO DEPORTE            –  FACULTADE DE FISIOTERAPIA
    –  ESCOLA DE ENXEÑARÍA FORESTAL
    –  DIRECCIÓN E XESTIÓN PÚBLICA
  39. Campus de Vigo:
    ESCOLA DE ENXEÑARÍA DE MINAS E DA ENERXÍA
    – ESCOLA DE ENXEÑARÍA INDUSTRIAL
    – ESCOLA DE ENXEÑARÍA DE TELECOMUNICACIÓN
    – FACULTADE DE BIOLOXÍA
    – FACULTADE DE QUÍMICA
    – FACULTADE DE CIENCIAS DO MAR
    – FACULTADE DE CIENCIAS XURÍDICAS E DO TRABALLO
    – FACULTADE DE FILOLOXÍA E TRADUCIÓN
    – U-TAD Centro Universitario de Tecnología y Arte Digital
    – UE, UNIVERSIDAD EUROPEA 

Pódese obter máis información sobre o evento a través da páxina web www.edugal.es, mediante o correo electróncio edugal@aempe.com ou chamando ao teléfono 986 86 63 76.