O Mareantes Rugby Club animará a ponte de Tódolos Santos coa celebración do Samaín Fest

487
  • O evento organizado coa colaboración coa Concellería de Promoción Económica desenvolverase na Praza de España entre o mércores 27 de outubro e o luns 1 de novembro
  • O programa do festival inclúe unha variada e irresistible oferta gastronómica, coa mellor cervexa como protagonista, e concertos diarios brindados por grupos de música locais

A evolución da pandemia da Covid-19 impediu que o Mareantes Rugby Club Pontevedra celebrase nestes dous últimos anos a tradicional festividade de San Patricio, o que se traduciu nun considerable impacto económico para un equipo que viña cubrindo boa parte do seu orzamento grazas ás achegas obtidas a través deste evento. Agora que a situación epidemiolóxica mudou e que a emerxencia sanitaria decaeu en Galicia, o club pontevedrés decidiu aproveitar as datas de Tódolos Santos para mergullarse de cheo no Samaín Fest, un festival organizado coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo que animará esta ponte de Difuntos coa mellor música en directo e unha irresistible e variada oferta gastronómica, na que (seguindo o estilo do St Patrick’s Day) por suposto tamén estará presente a cervexa: rubia, tostada e a clásica Guinness negra.

Un dos principais atractivos desta festa, que se desenvolverá na Praza de España entre o mércores 27 de outubro e o luns 1 de novembro, serán os concertos diarios protagonizados por grupos locais. “Nun ano no que a cultura o pasou tan mal -sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco- resulta especialmente importante botarlles unha man, potencialos e axudarlles a que teñan actividade e a que a xente escoite a súa música. Ao tempo que se recadan fondos imprescindibles para un club tan senlleiro como o Mareantes, o evento é un grande exemplo de compromiso co talento local e a cultura desta cidade. Mesmo o orixinal cartel do festival foi elaborado por un pedazo de artista local como o pintor, debuxante e caricaturista Rafa Prieto”.

Así, no programa deseñado para este Samaín Fest contémplanse as actuacións de Le Tissier (mércores 27), Desconcerto (xoves 28), Gran Garaje (venres 29 ás 20:00 horas), Sr Nilson (venres 29 ás 22:00 horas), Jugones (sábado 30 ás 20:00 horas), Algo Pasa con Mary (sábado 30 ás 22:00 horas), Toniscash (domingo 31 ás 20:00 horas) e Son das Tabernas (domingo 31 ás 22:00 horas). Unha proposta de concertos que podería ampliarse o luns 1 de novembro, xornada de clausura na que a carpa pechará ás 18:00 horas e para a que se baralla a posibilidade de realizar unha sesión vermú patrocinada por Cinzano.

Tal e como subliña o presidente do Mareantes, Roberto Juncal, “este Samaín Fest resulta esencial para o club”, que o organiza “co obxectivo de financiar os gastos da tempada e, sobre todo, o noso ilusionante proxecto de escolas de categorías inferiores, no que estamos cen por cen volcados, que xa conta cuns 50 rapaces e do que vai depender o futuro e viabilidade do equipo a medio e longo prazo”. Pola súa banda, a vicepresidenta do club de rugby, Rebeca González, anima “a tódolos pontevedreses a que se acheguen nesas datas ata a Praza de España para desfrutar dun festival que se levará a cabo coas máis estritas medidas de seguridade e a maior das cautelas”. 

Non obstante, a socialista Yoya Blanco considera que “é o momento de ir regresando á normalidade, de que a xente desfrute e o pase ben e de que poida pouco a pouco volver sentirse como en 2019”. “Este Samaín Fest é un deses síntomas de normalidade que nos enche de ledicia ver nas rúas de Pontevedra”, apunta a responsable da Concellería de Promoción Económica e Turismo.