Quince días para rematar a reconstrución de dous muros de contención en Fonte Santa

11

A concelleira Eva Vilaverde visitou esta mañá os traballos que permiten ampliar as vías de acceso ás vivendas, soterrar servizos eléctricos, mellorar a rede de pluviais e reasfaltar.

A concelleira de Sostemento de espazos urbanos, Eva Vilaverde visitou esta mañá o desenvolvemento dos traballos de emerxencia que o Concello executa no barrio de Fonte Santa dende hai unhas semanas. As obras que realiza a empresa E.C.Casas ten un custe de 180.000 euros e consiste na reparación de dous muros de contención do barrio e dos servizos que por eles pasaban.

As obras tiveron que ser realizadas polo procedemento de emerxencia ao terse caído un dos muros de contención. Na visita técnica municipal realizada á zona, comprobouse que outro dos muros levantados en estado precario tamén tiña visos de virse abaixo.

A concellaría que xestiona Eva Vilaverde acordou a tramitación dun procedemento de emerxencia para a reparación de ambos muros, un deles de máis de 100 metros lineais.

O traballos consisten na reposición dos muros, o soterramento dos servizos eléctricos e a canalización das augas pluviais. A creación dos muros permite ampliar as vías de acceso chegando a duplicar as entradas ás vivendas que en moitos casos tiñan dificultades para manobrar cos vehículos.

A intervención, que está moi avanzada, rematará no prazo de 15 días se segue a acompañar o tempo, e concluirá coa reconstrución dunha escaleira que permeabilizará os tránsitos interiores das vivendas, a pavimentación da vía e a colocación de varandas.