Os trucos e saltos máis espectaculares chegan o sábado 30 outubro a Pontevedra coa celebración da 5ª Proba do Circuíto Galego de Skate Júnior

612
  • A competición, organizada pola Urban Culture en colaboración coa Concellería de Deportes, desenvolverase na modalidade de rampla e contará coa participación duns 45 skaters
  • A proba terá nomes do nivel de Valentina Planes, Luis Martínez, Luis Cabarcos, Lucía Couñago, Samu Piñeiro, Nico Romar, Xabela García, Elijah Varela, Marta Calvo, Manuel Soto e Xan Escudero

Uns 45 skaters de diferentes puntos da nosa comunidade, entre os que se atopan xoves promesas como Valentina Planes, que vén de ser terceira nas Urban World Series celebradas en Madrid este mesmo mes, e destacados deportistas que se atopan moi ben ‘rankeados’, como Luis Martínez, Luis Cabarcos, Lucía Couñago, Samu Piñeiro, Nico Romar, Xabela García, Elijah Varela, Manuel Soto, Marta Calvo ou Xan Escudero, participarán este sábado 30 de outubro en Pontevedra na 5ª Proba do Circuíto Galego de Skate Júnior. O evento, organizado pola escola de skate da Urban Culture Factory en colaboración coa Federación Galega de Patinaxe, a Concellería de Deportes e a Deputación Provincial, desenvolverase na modalidade de rampla, nas instalacións indoor (skate park Cuberto) que a Urban Culture posúe na avenida de As Corvaceiras (número 44) e con limitacións de aforo, xa que só se permitirá o acceso como público aos pais e adestradores dos rapaces que patinen en cada quenda.

A proba foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o responsable da organización e da escola da Urban Culture Factory, Toño Escudero; o adestrador e profesor de skate da escola e do equipo da Urban, Fernando ‘Tato’ Ezequiel Pinto, e os skaters Rodrigo Fontán (18 anos), Feljos Rondón (17), Yago Montejo (15), Nora de la Fuente (11) e Xan Escudero (11). Tal e como indicou o edil socialista, “as anteriores probas do Circuíto Galego de Skate Júnior tiveron lugar en Coruña e Vigo e tres delas foron en modalidade de street, polo que esta é a segunda proba do Circuíto que se celebra este ano nas Rías Baixas e a primeira que se celebra en modalidade de rampla nas Rías Baixas”. 

“A celebración de eventos como este -asegurou Tino Fernández- resultan especialmente importante nun contexto no que un deporte como o skateboarding está cada vez máis de moda, que vén de facer o seu debut como deporte olímpico nos Xogos de Tokio e que repetirá en París dentro de tres anos. Pontevedra converteuse ao longo dos últimos anos en pioneira e capital española, europea e mesmo mundial do piragüismo, o tríatlon, a loita ou o ciclocross, polo que non sería unha utopía que, coa nosa experiencia e os talentos emerxentes que temos, tamén o poidamos ser do skate”.

O tenente de alcalde agradeceulle á Urban Culture Factory que “nos permitise achegarnos a un deporte moi practicado en Pontevedra, pero polo que non se tiña apostado ata o de agora traendo competicións como esta”. “Estou seguro de que será a primeira de moitas que se irán traendo á nosa cidade -apuntou o concelleiro do PSOE- e que nos permitirán incrementar o nivel ata acadar as cotas que poidamos acadar. Nós sempre somos moi ambiciosos e, ao igual que organizamos un campionato galego, co tempo estaremos dispostos a celebrar probas de máis nivel se as federacións e os clubs confían en nós”.

Quendas duns 5 rapaces en tres niveis: iniciación, medio e amateur

Segundo explicou Toño Escudero, a participación nesta proba, para a que resulta preciso dispoñer de licencia federativa de competición, “desenvolverase en quendas duns cinco rapaces, que terán un tempo determinado para realizar os seus trucos e ser valorados polos árbitros (cada competición se vai puntuando en función da modalidade, ao xeito dunha liga, e aquel que obteña máis puntos converterase no vencedor do Circuíto), antes de retirarse das instalacións”. En función do nivel, haberá tres categorías distintas: iniciación mixta, media feminina e masculina e amateur feminina e masculina.

Escudero salientou que, tralo parón da competición por mor da Covid-19, “este ano os rapaces afrontan con bastante ilusión as probas que quedan, que son esta nosa de rampla e unha última prevista para o mes de decembro”. O responsable da escola de skate da Urban amosou o seu desexo de que para o vindeiro ano se poida contar cun espazo público para a práctica dun deporte “que está en auxe e que é moi completo para os rapaces”, xa que “nestes momentos somos as únicas instalacións existentes na cidade para poder patinar cando chove, algo bastante frecuente en Galicia”.

O adestrador ‘Tato’ Pinto afirmou estar moi ilusionado “pola organización desta proba na nosa escola, na que se volverán atopar os rapaces de toda a comunidade para compartir impresións, facer comunidade e amizades e quedar en contacto, que é o que máis se pode destacar deste tipo de probas”. Unha impresión que comparte o xoven skater Yago Montejo, que deixou claro que “o que a min me importa non é quedar o primeiro, senón facer amizades e divertirme, que é o principal, posto que, ao coñecer a outros skaters, podemos ir por diferentes partes de Galicia e quedar con eles para patinar todos xuntos”.

Tanto a escola como equipo da Urban Culture Factory están patrocinados por tendas da nosa cidade, o que, como salienta o tenente de alcalde, “fomenta esas sinerxías de colaboración tan importantes e incide nesa aposta do Concello polo comercio de proximidade”: Mission Surf Shop, Playground Store, Paralel Store e Nachitos Store.