A Concellería de Benestar Social axuda a pais, nais e coidadores de nen@s a xestionar o estrés a través do curso-obradoiro de balde Criar Felices

25

Na súa convicción de que a educación é unha poderosa ferramenta para axudar a nenos e adultos a atopar un lugar na sociedade, saír de situacións de vulnerabilidade e participar plenamente na vida en comunidade, a Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, porá en marcha a vindeira semana o curso de balde Criar Felices. Este obradoiro foi impulsado co obxectivo de axudar a nais, pais e coidadoras/es de nenas e nenos de 0 a 6 anos a reducir os seus niveis de estrés na crianza dos pequenos, buscando o correcto desenvolvemento infantil, o coidado da saúde emocional dos proxenitores e a instauración de fundamentos estables nas familias.


Marcos Rey lembra que “toda a familia en si é un contexto educativo, no que nos atopamos con múltiples patróns, e con este curso imos centrarnos naquelas que posúen de menos recursos, xa que é responsabilidade dos poderes públicos apoialas coas medidas axeitadas, fomentando a conciliación e a corresponsabilidade entre homes e mulleres”. “Temos que ofrecerlles a todas e todos unha garantía de igualdade de oportunidades, xa que, con independencia do modelo de familia, debe existir un piar fundamental para a individualidade e un espazo privilexiado para a educación, a protección e a seguridade”, asegura o concelleiro do PSOE.

Os talleres serán impartidos pola empresa de coaching Fuera de Caja e desenvolveranse na Sala Valdecorvos da Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2) entre os días 3 de novembro e 20 de decembro, en 12 sesións con dúas quendas (de mañá e de tarde) e un máximo de 10 participantes por quenda. Segundo apunta Marcos Rey, “os asistentes a estas sesións aprenderán a reducir a sensación de estrés que experimentan, controlar mellor os seus nervios e ansiedade, desfacerse do sentimento de culpa, entender mellor as súas emocións, coidarse para ter máis enerxía e organizar mellor o tempo coas crianzas na casa”. “En definitiva -afirma o edil socialista- sentirse máis felices e realizados e compartir esa felicidade coas súas familias”.


O curso celebrarase tódolos luns e mércores, en horario de 10:30 a 12:00 horas na quenda de mañá e de 16:30 a 18:00 horas na quenda de tarde. Todas aquelas persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través do teléfono/whatsapp 607 323 458 ou no email marta@fueradecaja.es (aceptaranse inscricións unha vez iniciada a actividade).