O Concello de Pontevedra mantén conxeladas as taxas e os impostos por oitavo ano consecutivo

53
Esta decisión permitiralles un aforro de preto de dous millóns de euros aos veciños e veciñas do municipio

O Concello de Pontevedra comunicou esta mañá, 27 de outubro, o acordo do Grupo de Goberno para a conxelación de todos os impostos e taxas que hai no municipio por oitavo ano consecutivo.

Cinco impostos e vinte taxas non recibirán ningún tipo de incremento de cara ao exercicio 2022. Así o sinalou o concelleiro de Facenda, Raimundo González. «É unha situación que levamos repetindo desde o ano 2014, momento no que non volvemos tocar ningunha taxa nin ningún imposto. Isto que quere dicir? Que se hai maior renda dos cidadáns e son conxeladas as taxas, que diminúe a presión fiscal. A presión fiscal que teñen os veciños e veciñas de Pontevedra ao respecto do Concello, con esta decisión, vese diminuída, máis aínda se vemos as cifras do último ano, no que houbo unha suba do 4 % do IPC. Entre setembro do ano 20 e do ano 21, houbo un incremento case superior ao dos últimos sete anos anteriores… e non sabemos aínda o que vai dar isto de si».

O edil de Facenda destacou o complexa actualidade económica mundial, sinalando factores e elementos como «os fretes dos barcos que están subindo de xeito exponencial, as materias primas van desbordadas, os produtos de primeira necesidade igual, gasolina gas, luz… Unha inflación que leva todo o camiño de ser aínda máis alta», afirmou González, que aproveitou a ocasión para recalcar o porqué desta decisión, definíndoa como unha «decisión política» a través dunha melloría na xestión dos recursos públicos, sen necesidade de subir taxas e impostos, mais este ano tendo o valor engadido da crise provocada pola Covid e outros factores xa comentados que «afectan aos cidadáns de maneira considerable».

O Concello afirma que con esta conxelación pon o seu gran de area para que os veciños do municipio non vexa tamén incrementada a presión nas súas contas pola parte pública local. No eido económico, canto lle suporá ao Concello esta decisión? Nas previsións manexadas pola entidade municipal, estímanse uns 30 millóns de euros en impostos, dos cales 20 millóns serían do IVE. Na práctica, aplicada a inflación do 4 %, poderíase falar de 1.400.000 euros. En taxas, que son 19,5 millóns de euros, a mesma porcentaxe serían 800.000 euros. «Canto lle estamos a aforrar aos pontevedreses? En números redondos, dous millóns de euros», sinala o concelleiro de Facenda. «En todo caso, si imos tentar continuar coas inspeccións fiscais que facemos todos os anos; ben actualización de censos, ben persecución de fraude, e, neste exercicio, faremos especial fincapé nas taxas de recollida de residuos sólidos urbanos e de sumidoiros. É probable, tamén, que se realice unha inspección do IAE naquelas empresas que facturen máis dun millón de euros».

Á hora de desagregar os impostos e as recadacións, o Concello indica que en impostos, 20 millóns serían do IVE, o de vehículos, algo máis de 4 millóns; o IAE, case 3 millóns de euros; a plusvalía, 1,7 millóns de euros; e o ICIO, 1 millón de euros.

Nas taxas, González desagregou «as máis fortes», sendo estas a recollida de sólidos urbanos, que son 6,2 millóns de euros; o abastecemento de auga, 4,8 millóns de euros; rede de sumidoiros, 3,5 millóns de euros; e a ocupación do solo por empresas de telefonía fixa, electricidade, etcétera, 1,1 millóns de euros. 

No referente á plusvalía, tendo en conta os últimos movementos de actualidade que a este imposto, González tamén quixo ofrecer algúns datos e consideracións. Nese sentido, o Concello de Pontevedra tiña contemplados, no exercicio do ano 2021, 1,7 millóns de euros. «Cómpre lembrar que no Concello a plusvalía leva por nome Imposto de incremento dos terreos de natureza urbana. É dicir, grava os terreos urbanos que se transmitan. É un imposto, que maioritariamente, caía sobre persoas que mercasen solares, terreos… construtores na súa maioría. E si, tamén, calquera cidadán que mercase unha vivenda de segunda man, mais estas serían cantidades moi pequenas. Na práctica, durante anos foi un imposto que tivo pouco seguimento, e que, aos poucos, si logramos ter un maior control sobre este, chegando a ser un imposto xeneralizado».

A recadación deste imposto sempre é «variable» ao depender do número de transaccións, polo que o Concello sempre foi «moi cauto» con este imposto, igual que co de construcións, «ao non depender dun censo, como pode ser o IBI». Doutra banda, tampouco se lle aplicaba o máximo tipo impositivo, o 30 %, senón que quedaba —e queda— no 21 %. 

Sobre como afectará a nova sentenza sobre este imposto á cidade, González amosouse cauto e afirmou que non sabe aínda «como nos afectará». É comprensíbel que afecte, mais está por ver o xeito e as cifras concretas.