Talento ‘a patadas’ no Pavillón dos Deportes

269
  • A cidade celebrará entre o sábado 30 de outubro e o luns 1 de novembro o XXIII Campionato Internacional Cidade de Pontevedra, organizado polo Club Mace Sport
  • O evento, no que colaboran a Concellería de Deportes e a Deputación, conta cun milleiro de taekwondistas inscritos en categorías Precadete, Alevín, Júnior, Cadete, Absoluta e Máster

O Pavillón Municipal dos Deportes prepárase para acoller entre o sábado 30 de outubro e o luns 1 de novembro potencia, precisión e talento ‘a patadas’ coa celebración do XXIII Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra. No evento, organizado polo Club Mace Sport en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación Provincial e as federacións galega e española da disciplina, participarán máis dun milleiro de taekwondistas de categorías Precadete, Alevín, Júnior, Cadete, Absoluta e Máster, que exhibirán a súa velocidade, destreza e precisión nunha das competicións máis espectaculares do noso calendario deportivo.

Trátase dun campionato de combate puntuable para o ránking galego e para idades de formación infantil, Precadete e Máster, e tamén de técnica de ránking nacional puntuable para o Campionato do Mundo e de técnica infantil. Nel participarán, ademais de deportistas de toda Galicia, taekwondistas de clubs procedentes de diferentes puntos da península, como Castela A Mancha, Cataluña, Alicante, Asturias, Madrid, Bilbao, Tenerife ou Portugal.

O Cidade de Pontevedra foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Esperanza Meilán; a directora de Banca Persoal de Abanca, Bárbara González, e o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso. O máximo responsable do club pontevedrés destacou que, alén da elevada particpación, “este é o primeiro grande campionato de taekwondo que se celebra aquí en Galicia, con tódalas garantías, seguindo o método de puntuación co que se compite nas Olimpíadas e cun sistema de vídeo-repetición dos mellores que existen, con catro cámaras para poder ver as imaxes desde catro ángulos diferentes, o que non se fai noutros eventos na nosa comunidade, só en Pontevedra”.

“O Campionato vaise transmitir en directo, vía streaming. Haberá seis pistas de competición e, como novidade este ano, facilitarémoslles ademais aos deportistas dúas pistas de combate-adestramento e outras dúas de adestramento”, apuntou o presidente do Mace Sport.

Tino Fernández explicou que, ao pouco de chegar á Concellería de Deportes no ano 2011 foi convidado por primeira vez a este torneo, que naquel momento se desenvolvía no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe, “abarrotado de xente pola mañá e pola tarde”, quedando impactado “pola cantidade de persoas que practicaban taekwondo e paixón que lle puñan deportistas e organizadores”. “Naquel momento, eu díxenlle a Miguel -sinalou o tenente de alcalde- que o taekwondo merecía ter a visibilidade que dá celebrar as cousas no Pavillón Municipal dos Deportes e, desde entón, sempre tentamos que a proba se fixese alí. Creo que o taekwondo ten unha enorme potencia como deporte, como espectáculo e tamén como ensinanza de vida, porque ensina a vivir e comportarse dun xeito determinado… Este ano, cumprindo a miña promesa, voltamos á casa do taekwondo, o Pavillón dos Deportes, e estou orgullosísimo e encantado de que así sexa, de que se supere o milleiro de participantes e de que se siga innovando”.

“Na cidade, o taekwondo é unha relixión e Miguel o sumo sacerdote”

Fernández está convencido de que “a organización vai ser perfecta, un absoluto éxito”, xa que “detrás de Miguel e da súa xente hai un montón de voluntarios, pais e ánimos que permiten que as cousas saian ben”. “En Pontevedra, o taekwondo é unha relixión e Miguel o seu sumo sacerdote”, aseverou o edil do PSOE.

O deputado provincial Gorka Gómez agradeceu “o esforzo do Mace Sport para facer posible este evento, sobre todo nun contexto tan complexo”, xa que hai que lembrar que “en 2019 este Campionato Internacional se celebrou con máis de 1.500 participantes chegados de moitísimos países”, e agora “superamos o milleiro de deportistas”, tendo en conta que “non se pode chegar a moitos países porque as circunstancias aínda resultan complexas para viaxar cos protocolos que hai establecidos para a práctica deportiva”. 

O responsable de Deportes da Deputación sinalou que “estamos nunha provincia e un concello que son referentes nacionais no eido deportivo, tanto no que se refire á organización de eventos como no que atinxe ao nivel dos seus clubs en diferentes modalidades deportivas”. “Estamos na cidade do deporte e na provincia do deporte, con moitos deportistas que son olímpicos e referentes nacionais”, asegurou Gómez, quen tamén fixo fincapé nas sinerxías que este Campionato xera nos ámbitos da economía e o turismo.

O xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia cualificou ao Campionato Cidade de Pontevedra como “un sentimento, máis que como un evento deportivo”, froito do traballo da “familia Mace Sport, Sara, Ángela e Miguel”, que é “unha garantía” e que organiza todo “con moito cariño, desde o sentimento de que o taekwondo é unha familia”. Daniel Benavides animou aos organizadores a seguir adiante e a “ter forza”, porque “fan feliz a moita xente moi especial”.

De nenos e nenas de 7 anos a adultos de máis de 65

A presidenta da Federación Galega de Taekwondo subliñou a importancia dun evento que “supón case unha volta á normalidade, cuns protocolos aprobados e estudados en consenso coa Xunta e coa Secretaría Xeral para o Deporte, que se van cumprir seguro, xa que o Club Mace Sport sempre colaborou e o fixo estupendamente ben”. Esperanza Meilán, que é responsable do departamento de Técnica a nivel de arbitraxe, explicou que “hai un 50% de mozas que participan (nesta categoría), tanto a nivel deportivo como arbitral”, unha porcentaxe que se incrementa en Combate, posto que “se trata dun deporte olímpico”. “Competirán nenos e nenas desde os 7 anos -apuntou Meilán- e, en Técnica, adultos de máis de 65, o que amosa que é un deporte para tod@s”.

A directora de Banca Persoal de Abanca felicitou ao Mace Sport por esta nova edición do Cidade de Pontevedra, “unha felicitación que este ano adquire un maior significado porque se retoma a celebración deste evento despois dun ano de interrupción a causa dos problemas sanitarios derivados da Covid-19”. Bárbara González salientou “a boa acollida do Campionato, congregando a máis dun milleiro de deportistas de tódalas categorías e idades, desde os máis pequenos ata os máis veteráns, desprazados aquí procedentes de tódalas cidades de Galicia e tamén desde outras comunidades e países”. “Desexámoslle ao Mace Sport o maior dos éxitos neste campionato, que servirá unha vez máis para situar taekwondo pontevedrés no lugar que se merece”, engadiu.

As competicións distribuiranse durante as tres xornadas do Campionato do seguinte xeito: 

  • Sábado 30 de outubro: mañá, de 9:00 a 14:00 horas: combate Infantil, Júnior Feminino e Precadete feminino e masculino; e tarde, de 15:00 a 19:30 horas: combate Júnior masculino.
  • Domingo 31 de outubro: mañá, de 9:00 a 14:00 horas: combate Cadete masculino e feminino; tarde, de 15:00 a 19:30 horas: combate Absoluto, Máster 1 e Máster 2 (masculino e feminino en tódalas categorías).
  • Luns 1 de novembro: Técnica e Freestyle