Rematada a regularización dos vaos municipais con máis de 1.000 instalados

30

O servizo de Disciplina Urbanística ten pendente resolver 83 expedientes e requiriu a 250 particulares e comunidades de veciños para que o cambiasen, sen ter aínda resposta.

O vao número 1.000 foi colocado no Cemiterio de San Amaro.

A regularización xa non se fará de oficio, pero o Concello pide aos particulares que non se acolleran a que o fagan, xa que polo de agora a entrega a placa seguirá sendo de balde.

O Concello de Pontevedra vén de rematar o proceso de regularización dos vaos municipais. Neste período que abrangueu dende febreiro de 2018 até outubro de 2021, o departamento de Disciplina Urbanística do Concello entregou 1.002 placas de vaos co pertinente número de licenza, e ten pendente de resolver nos vindeiros días 83 expedientes máis. A modo de curiosidade, a placa número 1.000 entregouse ao Cemiterio de San Amaro.

En febreiro de 2018, o Concello mercara 1.400 placas de vaos que durante todo este período está a entregar de balde entre as comunidades de veciños e veciñas e os particulares. A día de hoxe, ademais dos 1.002 vaos entregados e dos 83 expedientes pendentes de concluír, están requiridos 250 particulares e comunidades que aínda non presentaron documentación ningunha no Concello.

Tamén existe unha bolsa duns 100 casos nos que foi imposible iniciar expediente por diversas deficiencias (de localización, de dirección…).

A día de hoxe, o Concello considera o proceso concluso pero segue instando a todas aquelas persoas que non teñan regularizado o vao do seu domicilio que se dirixan ás oficinas de Disciplina Urbanística, situadas na rúa dos Ferreiros, para tramitalo.

Polo de agora, a placa do vao oficial só se pode solicitar no Concello de Pontevedra que seguirá entregándoa de balde até o fin das existencias.

Cando o Concello iniciou a regularización dos vaos municipais, existía unha casuística moi variada: vaos con licenza pero que non pagaban, outros que pagaban pero que non tiñan autorización e mesmo que nin pagaban, nin tiñan autorización, mais si tiñan posta un sinal de vao. En total, eran 1.830 expedientes, algúns duplicados e,incluso, triplicados.

Coa aprobación do ano pasado da Mobilidade Amábel, estableceuse unha moratoria para a resolución de todos os procedementos dun ano. 

Dende o pasado 23 de outubro, non ter un vao actualizado segundo a normativa terá unha serie de consecuencias para os propietarios. En primeiro lugar, os vehículos que ocupen estes vaos non serán retirados e mesmo poderían ser iniciados procesos sancionadores por ter un vao non normativo ou ter unha sinalética inadecuada. Polo tanto, o Concello solicita a todos os veciños e veciñas que teñan unha sinalización antiga que procedan a retirala.