O espectáculo do atletismo regresa á Illa das Esculturas o domingo 7 de novembro da man da elite galega do campo a través

56

Tralo éxito de participación do Medio Maratón, o espectáculo do atletismo regresará á nosa cidade o vindeiro domingo 7 de novembro. É farao a un contorno natural tan privilexiado como o da Illa das Esculturas, coa celebración do Campionato Galego de Campo a Través, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra, a Concellería de Deportes e a Federación Galega de Atletismo.


A proba desenvolverase en categorías absoluta, sub 23 e sub 20 por equipos masculino e feminino; sub16 e sub18 individual e por equipos masculino e feminino, e de relevos absoluta mixta. Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “tratarase pois de tres campionatos Xunta de Galicia de Campo a Través que darán comezo ás 10:00 horas, sendo a primeira carreira do encontro a de relevo absoluto mixto, na que os clubs poderán formar equipo con dous atletas masculinos e dous femininos que pertenzan ás categorías sub20 ou superiores, coas limitacións de permitir entre os catro integrantes a tan só un atleta estranxeiro ou que pertenza a un club filial”. “A primeira posta -sinala o edil socialista- a realizará unha muller e rematará un home. O resto dos relevos alternaranse, de xeito que todos completen unha volta de aproximadamente 1500 metros”.


Segundo indica o director deportivo da Sociedade Ximnástica, Santi Ferrer, “unha vez rematada as remudas, comezarán o resto das probas, por orde de menor a maior, polo que primeiro competirán os sub16 e sub18 nunha competición individual, en distancias de 2500 metros aproximadamente para as mulleres sub16, 3000 metros para os homes sub16 e mulleres sub18 e 4000 para os sub18 masculino”. “Nas categorías sub20 e sub23 e absoluta (estes últimos competirán xuntos) -aclara Ferrer- puntuarán só por equipos. Para que puntúen como colectivo teñen que presentarse como mínimo catro atletas e como máximo seis”.

O horario provisional quedaría do seguinte xeito:

10:00 horas: Mixto M-H 6000 m aprox.
10:30 horas: Sub16 M 2500 aprox.
10:55 horas: Sub16 H 3000 aprox.
11:20 horas: Sub18 M 3000 aprox.
11:45 horas: Sub18 H 4000 aprox.
12:10 horas: Sub20 M 4000 aprox.
12:35 horas: Sub20 H 5000 aprox.13:00 horas: Abs-Sub23 M 6000 aprox.
13:30 horas: Abs-Sub23 H 8000 aprox.


Santi Ferrer sinala que “para puntuar, terán que chegar á meta como mínimo catro compoñentes do equipo, e unha vez que cheguen tódolos atletas, atribúeselle a cada un deles un número de puntos que coincide co posto que ocupe (sen contar os deportistas que non formen equipo)”. Deste xeito, sumaranse os puntos dos catro mellores clasificados de cada club e gañará o equipo que obteña o menor número de puntos. En caso de empate, este resolverase a favor do equipo no que o seu cuarto clasificado chegara máis cerca do vencedor da proba. Como os atletas sub23 e absolutos compiten xuntos, os de categoría menor poden puntuar no equipo absoluto se así se fai constar na inscrición.


O prazo de presentación de inscrición aínda permanecerá aberto ata as 20:00 horas do luns 1 de novembro a través do sistema online da Real Federación Española de Atletismo (RFEA). Non obstante, rematado o prazo ordinario, abrirase outro extraordinario que estará dispoñible ata as 14:00 horas do xoves 4 de novembro.


Entregaranse medallas aos tres primeiros clasificados a nivel individual nas categorías sub16 e sub18 e trofeos aos tres primeiros equipos de cada categoría. Tódolos participantes teñen que cumprir o protocolo Covid-19 establecido pola Federación Galega de Atletismo e o seu incumprimento derivará nunha descualificación. Entre as normas establecidas figuran que:


– Os atletas teñen que portar a máscara en todo momento, excepto á hora de correr. Un xuíz lles indicará na liña de saída cando poden retirar o tapabocas e ao chegar á meta daranlles outra máscara.


– Hai que gardar a distancia de seguridade de 1,5 metros en todo momento, incluído no transcurso da proba.

– As saídas realizaranse de forma individual ou en grupos de 10, con intervalos de 20 segundos entre cada un.
Non obstante, os organizadores están pendentes da aprobación do novo protocolo entre a Federación Galega de Atletismo e a Xunta de Galicia, o que podería traducirse na introdución de medidas máis laxas debido á finalización do Estado de Emerxencia Sanitaria decretado polo goberno autonómico.


Os vixentes gañadores deste Camionato Galego de Campo a Través, nas súas distintas categorías, serían os seguintes:


Sub16:

– Iván Rego Veigas (Escola Atlética Lucense)

– Xela Martínez (Escola Atlética Lucense)

– Por equipos gañou tanto en categoría masculina como feminina o Ourense Atletismo.


Sub18:

– Pedro Vázquez (RC Celta)

– Carla Guisande (CSR Beade)

– Por equipos gañaron o RC Celta en homes e a Escola Atlética Lucense en mulleres.

Sub20:

– O equipo que gañou en categoría masculina na edición de 2020 foi o Atletismo Narón, mentres que na feminina non houbo equipos presentados.


Sub23:

– Non se presentaron equipos

Absoluta:

– A Sociedade Ximnástica de Pontevedra gañou en categoría masculina por equipos e o ADAS Proinor en categoría feminina.

– O vixente campión galego por equipos en relevos é tamén a Sociedade Ximnástica de Pontevedra.