O programa Ponteandadas volve colgar o cartel de prazas esgotadas para o roteiro deste domingo 7 de novembro polo contorno do encoro do Pontillón do Castro

21

O enorme interese das rutas saudables organizadas pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde no marco do programa Ponteandadas segue a rachar tódalas expectativas. A saída deseñada pola firma Naturgaliza (a penúltima desta quenda) para este domingo 7 de novembro, cun percorrido polo contorno do encoro do Pontillón do Castro (co punto de encontro na pista de piragüismo de Verducido) volveu a colgar, ao igual que as anteriores camiñadas, o cartel de prazas esgotadas.


O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lembra que “cada ruta conta cun máximo de 200 prazas, o que pon de manifesto a demanda deste tipo de actividades, enmarcadas no proxecto de recuperación da vida activa e o exercicio ao aire libre A Vida é Movernos”.


Como vén acontecendo, a camiñada desenvolverase seguindo un estrito protocolo anti Covid, con grupos dun máximo de 20 participantes, recepción dos asistentes nun circuíto valado e medidas de prevención (xel desinfectante, luvas…), mascarilla obrigatoria, distancia mínima de dous metros e a necesidade de respectar as indicacións dos monitores, de non adiantalos e de manterse sempre no mesmo grupo. A ruta estará ademais marcada e indicada con frechas amarelas e contou con monitores titulados e servizo de ambulancia.

O programa Ponteandadas terá o seu colofón o 21 de novembro cunha nova saída polo parque forestal da Tomba. Todos aqueles interesados en participar xa poden comezar a xestionar as súas inscricións con Naturgaliza a través da dirección de correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou o whatsapp 625 48 26 36.