A Concellería de Educación e Deportes pon en marcha unha nova edición das charlas sobre ‘Saúde, alimentación e actividade física’
70
A Concellería de Educación e Deportes desenvolverá durante este mes e os de decembro e xaneiro unha nova edición das charlas sobre ‘Saúde, alimentación e actividade física’, unha iniciativa educativa impulsada en colaboración coa SD Teucro coa finalidade de concienciar aos escolares de Educación Primaria no eido da defensa da saúde propia e colectiva. Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “unha alimentación pouco saudable e o non practicar actividade física con regularidade son as principais causas das enfermidades crónicas máis importantes e ambas son modificables”. “Estes hábitos -lembra o edil socialista- inícianse aos tres ou catro anos e establécense a partir dos once, cunha tendencia a permanecer ao longo da vida. A infancia é, por este motivo, un período crucial para actuar sobre a conduta alimentaria e o sedentarismo, xa que os costumes adquiridos nesta etapa van ser determinantes no estado de saúde do futuro adulto”.
A actividade, enmarcada dentro do programa A Vida é Movernos, está deseñada para o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria, a realizar no grupo/aula, e ten unha duración aproximada de 50 minutos. Os seus obxectivos pedagóxicos son:
– Asociar a saúde coa mellora da calidade de vida e non unicamente coa ausencia de enfermidade.
– Comprende-la relación existente entre a saúde e a conduta alimentaria e a práctica de exercicio físico.
– Valora-la actividade física como ingrediente dunha vida saudable.
– Adquirir habilidades para o autocoñecemento e a toma de decisións.
– Asumir a responsabilidade sobre as decisións persoais respecto ás condutas alimentarias e á práctica de exercicio físico.
– Amosar unha actitude crítica razoada fronte ás mensaxes que comporten hábitos pouco saudables, en particular os publicitarios.
A xornada da actividade consiste nunha charla-obradoiro na que se transmitirán os principais contidos conceptuais da unidade didáctica e se promoverá a conciencia por parte dos alumnos da necesidade de adoitar un estilo de vida saudable respecto dos factores de alimentación e actividade física. Entregarase a cada neno/a un kit de merenda saudable, así como material para traballar na aula ao profesorado.
Os centros educativos que xa confirmaron a súa participación neste programa son os CEIP San Martiño Salcedo, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, Praza de Barcelos, Vilaverde, Santo André De Xeve, Daría González Garcia e Cabanas, o CEP Marcos da Portela e o CPR San José. O primeiro dos talleres desta quenda terá lugar o xoves 11 de novembro ás 11:30 horas no CEIP San Martiño cun grupo de 24 alumnos de 3º curso.