Pontevedra érguese contra a violencia vicaria na contundente campaña impulsada pola Concellería de Igualdade e o CIM con motivo do 25N

666
  • O programa de actividades presentado hoxe pola concelleira socialista Yoya Blanco inclúe a mostra fotográfica do taller Namórate de Ti en 16 comercios de Castelao e Cruz Gallástegui
  • Vítimas do terror vicario protagonizarán a lectura do manifesto reivindicativo. A Casa das Campás acollerá o día 24 ás 19:00 horas un faladoiro centrado neste tipo de violencia machista

“Acordaraste toda a vida!”, “Vaste enterar!”, “A culpa é túa!”, “Mala nai!”… “Vouche dar onde máis doe!”. A violencia vicaria é unha das expresións máis crueis e brutais do terrorismo machista. Concienciar á sociedade sobre este ensañamento e coacción que se exerce contra as mulleres, en moitos casos con fatais consecuencias para os seus fillos e seres queridos, e reivindicar a necesidade de plantarlle cara son os principais obxectivos da campaña impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A contundente mensaxe, plasmada a nivel creativo polo artista Tania Solla, visibilizarase graficamente nas rúas da cidade e os centros sociais das parroquias a partir de hoxe a través de mupis e colocación de cartelería, así como do despregue dunha pancarta (lona) no balcón da Casa Consistorial este mércores 10 de novembro ás 10:30 horas. O programa da campaña, que foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda, contempla a celebración dun Faladoiro sobre Violencia Vicaria, que terá lugar o mércores 24 de novembro ás 19:00 horas na Casa das Campás, e a lectura do manifesto do Concello no Pleno ordinario deste mes (22 de novembro) e no acto de Violencia Zero organizado pola Deputación Provincial o 25 de novembro, que correrá a cargo da filla dunha vítima de violencia de xénero.

Tal e como avanzou a edil socialista, a dramaturxia terá este ano moito protagonismo, xa que “o Principal será o xoves 18 de novembro pola mañá escenario dun pase da obra de teatro #2Pilgrims, de Redum Teatro (con Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo), e dun coloquio posterior, destinado a institutos de Pontevedra (abrirase ao público en xeral no caso de que sobren butacas); e o martes 23 de novembro ás 21:00 horas doutro pase gratuíto da obra Invisibles, da mesma compañía teatral, dirixida por Marián Bañobre, con Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, e gañadora de tres Premios de Teatro María Casares”. 

“O venres 12 de novembro inauguraremos, en compañía da fotógrafa e creativa Patricia Maquieira, a animadora sociocultural Tegra Gómez e as mulleres que participaron no obradoiro, a exposición fotográfica do obradoiro Namórate de Ti en 16 comercios situados nas rúas Castelao e Cruz Gallástegui. En concreto, esta mostra artística, cargada de sentimentos e emocións e protagonizada por mulleres vulnerables e vítimas do machismo, poderá contemplarse nos escaparates de Naty (tenda de roupa), Carlos Pons (perruquería), Doce Óptica, Alain Afflelou Óptico e Audiólogo, Cordal (agasallos), Tito de la Peña (perfumería), Desigual, Dicenfot SL, Chicco, Rafagat Ali Cheema, La Mattina, Belén García Íntimo, Clikrs, Decoración Cordal, Daser Fotografía e Atmósfera Sport”, explicou Yoya Blanco.

Curso de Autodefensa

O programa deseñado co gallo do 25N tamén incluirá un Curso de Autodefensa, que xa se celebrou en 2019 e en anos anteriores cun enorme éxito de convocatoria e de resultados e que se desenvolverá o sábado 11 de decembro na Casa Azul en dúas sesións en horario de tarde. Yoya Blanco indicou que “aínda que o acto de entrega de galardóns se realizará en marzo de 2022, este mes tamén se convocan os Premios Ernestina Otero Sestelo, un proxecto de coeducación no que a Concellería de Igualdade e o CIM estamos absolutamente implicados”.

A socialista Yoya Blanco afirmou que “debemos facer unha campaña activa, de loita, non podemos quedar paradas e temos que falar alto e claro”, polo que instou á cidadanía a “que loite contra a violencia de xénero e o terrorismo machista, que mata, que nos mata a todas e que mata aos nosos fillos e fillas”.

A directora do CIM de Pontevedra subliñou que a atención aos casos de violencia vicaria resulta moi complicada, xa que “a solución non depende de nós, senón dos Xulgados, de que sexan capaces de ver esa violencia e non queden só na violencia directa contra as mulleres”. “Estamos avanzando nese eido, porque os xuíces e fiscais teñen cada vez máis formación e son capaces de detectar estes casos cunha maior frecuencia, pero aínda queda moito camiño por andar. As últimas modificacións que houbo con respecto ás visitas dos menores no Código Penal e o Código Civil parece que supoñen un paso importante. Hai que ver agora como se poñen en marcha. Existe moito sufrimento que non se ve e que esas nais padecen tódolos días a raíz das visitas cos pais maltratadores”, asegurou Rosa Campos.

Segundo apuntou Campos, a filla da vítima de violencia de xénero que lerá o manifesto, que o fará “na súa dobre vertente, como vítima e como profesional da Igualdade, xa que é axente de Igualdade”, foi “fácil de convencer, enseguida dixo que si”, porque “esa situación que viviu a levou precisamente a entender e saber máis e a poder traballar con outras persoas para que outras mulleres conquisten a igualdade e non pasen polo que ela pasou”.