O Concello lanza unha enquisa coa que os veciños de Monte Porreiro poderán participar no estudo previo de revitalización do barrio

156
Demetrio Gómez, concelleiro de Obras e Mobilidade, destaca a importancia das aportacións da veciñanza ao proxecto municipal
A enquisa está dispoñíbel na mesma portada da web oficial do Concello de Pontevedra

O responsábel de Obras e Mobilidade do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta mañá de luns, 8 de novembro, unha enquisa publica destinada aos veciños de Monte Porreiro. 

O obxectivo da enquisa formará parte do estudo previo para a revitalización urbana de Monte Porreiro proposto desde o Concello. «Pretendemos que esta enquisa faga unha radiografía ampla do sentir dos veciños e as veciñas sobre o seu barrio. Referido en múltiples aspectos, ao espazo público, si, mais tamén ás súas vivendas, servizos e á utilización que a veciñanza fai do propio barrio», explicou Gómez.

Na actualidade, o estudo está en proceso de creación e así será até o último terzo do ano 2021, para estar listo e elaborado a principios do ano 2022, coa idea de poder optar ás axudas dos fondos europeos Next Generation para a rehabilitación de vivendas e rehabilitación urbana. «Este traballo ten que contar necesariamente cunha parte de análise e propostas feitas polos propios veciños e veciñas, e aí é onde intervén esta enquisa. Por suposto, tamén estamos a traballar en propostas e análises técnicos que, en conxunto, derivarán nunha proposta inicial de revitalización do barrio e un encaixe preliminar nas posíbeis axudas». 

A enquisa está accesíbel desde xa na páxina web oficial do Concello, na súa portada e a través desta mesma ligazón. Nun principio, estará habilitada ao longo de entre dúas e tres semanas.