Pontevedra comeza a elaborar a súa estratexia educativa esta semana cos primeiros encontros de traballo de expertos do Laboratorio a Infancia

237
  • O Plan de Acción trazado a través deste proxecto será froito do debate de cinco grupos de traballo interdisciplinares ou Labs: Espazo Público, Medio Ambiente, Sociedade, Vida Saudable e Cultura
  • As primeiras mesas de debate, conformadas cada unha por catro expertos na materia, terán lugar no Pazo da Cultura e a Casa da Luz entre o xoves 18 de novembro e o luns 20 de decembro

Ademais de plasmarse nunha serie de talleres deportivos, medioambientais, etnográficos ou culturais que a empresa Marexada acaba de poñer en marcha para tódolos colexios públicos, o proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento europeo dos fondos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI), tamén contempla a elaboración dunha estratexia educativa dirixida ao alumnado de Primaria por parte da firma adxudicataria Taller Aberto, incluíndo un plan de acción que contribúa ao seu mellor desenvolvemento. Dita estratexia será froito dun debate en cinco grupos de traballo interdisciplinares ou Labs centrados nun tema concreto: Lab Espazo Público, Lab Medio Ambiente, Lab Sociedade, Lab Vida Saudable e Lab Cultura.

Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “á marxe dos talleres que xa se iniciaron, o do Laboratorio da Infancia, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), é un proxecto máis ambicioso, que podería definirse como un espazo de traballo no que non hai nada establecido a priori e no que serán distintos grupos de traballo (adultos) e ‘asembleas-taller’ (nenos e nenas de 8 a 12 anos) os que formulen os obxectivos dunha estratexia para mellorar a calidade de vida dun colectivo vulnerable que necesita de protección, seguridade e condicións de vida axeitadas para a súa formación integral como persoas adultas”. “Os argumentos -sinala o edil do PSOE- xirarán arredor da relación entre a infancia e cada un deses temas clave, coa finalidade de establecer un diagnóstico, un prognóstico e unhas medidas a tomar que quedarán reflectidas nun Plan de Acción”. 

Cada un dos grupos centrarase no estudo dun tema definido por un equipo de coordinación. Nestes temas clave, ademais da infancia, a educación será o grande eixo transversal que sustentará tódolos debates (en tódolos grupos haberá sempre unha persoa relacionada con este ámbito), sendo ao tempo abordados con perspectiva de xénero e carácter inclusivo.

Os primeiros encontros de traballo que se celebrarán serán o 18 e 24 de novembro, do Lab Espazo Público; o 22 e 29 de novembro, do Lab Sociedade; o 2 e 9 de decembro, da mesa de Medio Ambiente; o 9 e 16 de decembro, do Lab de Vida Saudable, e o 13 e 20 de decembro, da mesa de Cultura. Estas mesas de traballo ou labs reuniranse no Pazo de Cultura (seminarios) para tódalas datas do calendario, a excepción dos días 29 de novembro e 2 de decembro, en que se celebrarán na planta baixa da Casa da Luz (Praza da Verdura).

A continuación detállanse os perfís profesionais das persoas que participarán nos distintos Labs:

LAB ESPAZO PÚBLICO: 

Mar Penela López: arquitecta pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Valladolid, cun Mestrado en Investigación Arquitectónica. Desde 2017 imparte formación centrada na Arquitectura e a Educación. 

Luis Arceo Vilas: licenciado en Filoloxía Hispánica e diplomado en Maxisterio, leva 26 anos impartindo ensinanzas desde 2º de Bacharelato a Educación Primaria. Relator de cursos de Formación do Profesorado e con experiencia en dirección de centros, actualmente é director do CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos de Pontevedra. 

Gracia Amandi Joglar: arquitecta pola Escola Ténica Superior de Arquitectura de Coruña coa especialidade de Urbanismo. Traballou desenvolvendo proxectos de vivenda en México, República Checa e España, o que a levou a formar parte do Comité Redactor das Normas do Hábitat Galego en 2008. En 2004 funda en Pontevedra, co seu socio Jorge De Uña, o estudio Uña + Amandi Arquitectura. 

Rogelio Carballo Solla: arquitecto e presidente de Confapa Galicia desde 2016 e da Fanpa Pontevedra desde 2013, onde proporciona apoio ás Anpa facendo actividades de formación, defendendo os intereses do sistema de ensino público, representando a nais e pais nas instancias administrativas e xestionando servizos e proxectos de mellora educativa. 

LAB SOCIEDADE: 

María Lorenzo Rial: doutora en Equidade e Innovación en Educación. Actualmente é profesora e investigadora na área de Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra. É docente nos graos de Educación Infantil e Educación Primaria e no Mestrado de Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria e no Mestrado para Profesorado de Educación Secundaria. 

Xaime Domínguez Toxo: pedagogo especialista en discapacidade visual, formou parte dos equipos educativos da Once de atención presencial a alumnos cegos no proceso de escolarización. É coordinador de proxectos de investigación en inclusión social centrados na infancia e na accesibilidade á cultura, patrimonio e espazos de interese natural. Tamén formou parte da Comisión Braille Española, coordinando metodoloxías e didácticas arredor da lectoescritura táctil. 

Ada Otero Huertas: licenciada en Dereito. É formadora en temas de xénero e diversidade sexual especializada na realidade trans. Conta con experiencia na formación e concienciación de profesionais de todo tipo (sanitarios, psicólogos, policías, docentes…) en cuestións de xénero e diversidade. Na actualidade leva a coordinación do Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra (Cides). 

Aurora Coego Trinidad: educadora social cunha traxectoria de máis de 15 anos de experiencia en entidades públicas e privadas, onde adquiriu experiencia en adolescentes e familias en situación de vulnerabilidade social e tamén no ámbito de persoas en risco de exclusión social e con mulleres vítimas de violencia de xénero. Actualmente é a responsable do programa CaixaProinfancia da Fundación La Caixa e do proxecto Lecxit da Fundación Meniños. 

LAB MEDIO AMBIENTE: 

José Carlos Souto Otero: licenciado e doutor en Bioloxía. Desde xuño de 2018 é director do Campus Crea e do Green Campus da Universidade de Vigo. Actualmente é profesor titular e investigador na Escola de Enxeñería Forestal da UVigo en Pontevedra. Tamén coordina o proxecto europeo Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills for Innovation Oriented Network). 

Manolo Domínguez Rei: licenciado en Bioloxía, posgrao en Xestión Ambiental e militante ecoloxista. Traballa desde 2001 en divulgación e educación ambiental en Ventos-Estudos Ambientais desenvolvendo programas na materia para colexios, concellos, Xunta e asociacións, abordando tanto actividades de coñecemento do medio como da xestión ambiental. 

Sergio Meis Casalderrey: mestre diplomado en Educación Musical e graduado en Educación Primaria con máis de 14 anos como docente na escola pública. Actualmente é profesor de Primaria no CEIP Ponte Sampaio, tendo participado en cinco edicións do programa Pontenciencia da Concellería de Educación de Pontevedra. 

Julio Valeiras Mota: biólogo e investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Participa no desenvolvemento de proxectos estratéxicos en España e Europa no ámbito das pescas e os ecosistemas mariños. Colabora en proxectos participativos de restauración ecolóxica e educación ambiental. Gran parte desta actividade a desenvolve na Sociedade Galega de Historia Natural, onde é delegado provincial en Pontevedra. 

LAB VIDA SAUDABLE: 

Marián Fernández Villarino: doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun Mestrado en Alto Rendemento Deportivo pola Universidade Autónoma de Madrid e un Posgrao en Expresión Artística e Danza pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora e investigadora no departamento de Didácticas Especiais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra. 

Gloria Landín Iglesias: licenciada en Medicina e Cirurxía, é especialista en Pediatría e Áreas Específicas. Desde 2007 é pediatra de Atención Primaria na Área Sanitaria de Pontevedra. 

María José López Cal: mestra de Educación Física desde hai 5 anos, coordinando os proxectos deportivos do seu centro desde 2018. Na actualidade forma parte do equipo directivo do CEIP Plurilingüe A Reigosa, coordina o Proxecto de Vida Activa e Deportiva da Xunta e dinamiza actividades deportivas escolares en colaboración co programa Xogade. Tamén é adestradora e xuíza nacional de ximnasia rítmica con ampla experiencia nesta modalidade deportiva. 

Silvia Massetti: estudou Maxisterio e continuou a súa formación no Instituto Arxentino de Nutrición, onde ademais de aprender a fisiopatoloxía dos alimentos, tamén descubriu a importancia da práctica da actividade física axeitada para cada idade e o aspecto biopsicosocial das persoas.

LAB CULTURA: 

Eulalia Agrelo: directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración e vicedecana de Relacións Institucionais do Campus de Pontevedra. É doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora na área de Didáctica da Lingua e da Literatura da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, onde forma parte de distintos grupos de investigación. É especialista en literatura infantil e xuvenil e coordinadora do Congreso Internacional de Mediación Lectora. 

José Manuel Rey García: director do Museo de Pontevedra, arqueólogo e especialista en xestión do patrimonio arqueolóxico e en arte rupestre prehistórica. Dirixiu o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro desde a súa inauguración no 2011 ata 2019. Tamén foi profesor-titor do centro asociado da Uned en Pontevedra. 

Gonzalo Maceira Hermida: director da Escola de Artes Estudo Bonobo, onde se traballa por proxectos arredor de diversas disciplinas artísticas. Levou a dirección artística, produción e coordinación educativa do proxecto musical Furious Monkey House e do proxecto social Voces Ocultas, con adultos con diversidade funcional, en colaboración coas asociacions Amencer-Aspace, Xuntos Down e Amizade, entre outros. 

María Covadonga Barreiro: doutora en Belas Artes pola UVigo, con Mención Internacional, e cun Mestrado en Dirección de Arte en Publicidade. É artista e profesora asociada no departamento de Escultura da UVigo. Desenvolve a súa docencia no Grao en Belas Artes e no Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. Tamén é profesora auxiliar na Escola Superior Artística de Porto (Portugal), no Mestrado en Artes Visuais. 

O cronograma de talleres do proxecto Laboratorio da Infancia tamén continuará esta semana da man da empresa Marexada coas seguintes actividades programadas:

-Mañá, luns 15 de novembro, un grupo de 25 alumnos de 4º curso do CEIP Álvarez Limeses participará entre as 10:50 e as 12:50 horas nunha camiñada por un treito do Camiño Portugués na parroquia de Tomeza (entre Talleres Tomeza e Vialia).

-O martes 16 de novembro, 23 rapaces de 6º curso do CEIP A Xunqueira I desfrutarán dun obradoiro de escalada no Pavillón Multiúsos da Xunqueira entre as 11:20 e as 12:50 horas.

-O mércores 17 de novembro, 9 nenos e nenas de 3º curso do CEIP Daría González farán unha ruta polos Muíños do Batán (Salcedo) entre as 11:20 e as 12:50 horas. Unha actividade que repetirán outros 9 compañeiros de 4º curso deste mesmo centro o xoves 18 de novembro.

-O venres 19 de novembro, un grupo de 25 alumnos de 3º curso do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra) protagonizará o roteiro xacobeo por Tomeza entre as 10:50 e as 12:50 horas.