O programa Ponteandadas volve esgotar as prazas para participar na camiñada de clausura do vindeiro domingo 21 polo parque forestal da Tomba

31

Despois de acadar o seu récord de participación na saída desenvolvida o pasado 7 de novembro polo contorno do Pontillón do Castro (Verducido), o programa Ponteandadas volveu colgar (xa desde o venres) o cartel de prazas esgotadas para a camiñada que se realizará o vindeiro domingo 21 de novembro polo parque forestal da Tomba e que servirá de colofón á edición deste ano. Deste xeito, o roteiro de clausura do programa impulsado pola Concellería de Deportes e a firma Naturgaliza, no marco do proxecto A Vida é Movernos, acadou o máximo de 200 inscricións, o que garante unha nova participación masiva na última xornada de bo tempo antes da chegada das choivas.


“Estamos absolutamente encantados coa resposta e interese que este programa de rutas saudables está a despertar entre a cidadanía pontevedresa, en especial nun momento tan importante como este, no que a xente precisa retomar a normalidade, o contacto cos demais e o exercicio físico ao aire libre. Isto supera tódalas expectativas. Antes da pandemia o cupo de prazas era de 300 persoas e estamos convencidos de que nestes momentos poderían chegar a cubrirse”, sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.


A saída deste domingo polo parque forestal da Tomba partirá ás 10:00 horas desde a praza de San Pedro de Campañó (nas inmediacións do Hotel Campaniola) e desenvolverase, como as anteriores, en base a un estrito protocolo anti Covid, con grupos dun máximo de 20 participantes, recepción dos asistentes nun circuíto valado e medidas de prevención (xel desinfectante, luvas…), mascarilla obrigatoria, distancia mínima de dous metros e a necesidade de respectar as indicacións dos monitores, de non adiantalos e de manterse sempre no mesmo grupo. A ruta estará ademais marcada e indicada con frechas amarelas e contou con monitores titulados e servizo de ambulancia.


O calendario de andainas de Ponteandadas 2021 levouse a cabo desde o mes de setembro, con camiñadas polas marxes do Lérez (Mourente/Bora), o Gafos (Cabanas, Salcedo), o parque forestal da Fracha, o encoro do Pontillon do Castro (Verducido) e, agora, o parque forestal da Tomba.