Preto de 20.000 viaxeiros utilizaron o renovado servizo do Bus Urbano ao longo do mes de outubro
60
Bus Urbano 6
Os datos amosan unha mellor recuperación no número de viaxes na cidade de Pontevedra que no resto de Galiza ou do Estado logo da pandemia
En palabras do edil de Mobilidade, o servizo está funcionando «ben» e «responde ás necesidades da veciñanza da cidade»
O renovado servizo de Bus Urbano leva un mes de funcionamento na Boa Vila e amosa os seus primeiros datos de uso por parte da veciñanza. Preto de 20.000 viaxes —19.629— foron realizadas durante este primeiro mes de servizo.
O Concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, foi o encargado de ofrecer os datos facilitados pola empresa responsábel de ofrecer o servizo, sinalando un primeiro avance nas cifras de uso, sendo estas positivas, aínda que tamén lembrou a dificultade de comparar estes novos datos cos dous últimos anos, perante o condicionante da pandemia, que lastrou o uso do transporte durante todo o 2020.
Sexa como for, o concelleiro tamén sinalou que as comparacións tamén comportarían o contraste de dous liñas diferentes, pois as renovadas liñas son distintas ás que había no ano 2019 e 2020, polo tanto «os datos poden ser collidos con pinzas». Porén, a comparación dos datos do mes de outubro do 2021 amosan que a caída da utilización do transporte urbano público a respecto dos datos prepandemia aínda está en proceso de recuperación.
Así, no ano 2020 produciuse unha caída en Pontevedra do 31,5 % respecto do ano 2019. En 2021 houbo unha recuperación con respecto a 2020 do 19,16 % mais aínda tería que subir outro 18,63 % para igualar as cifras do ano 2019. Ora ben, as cifras locais amosan un positivismo claro ao comparalas coas do Estado ou do resto da Galiza (segundo o INE), pois no Estado produciuse unha caída entre 2019 e 2020 do 44,27 % no número de viaxes, e do 40,78 % en Galiza.
En Pontevedra, polo tanto, a situación é mellor ca do resto do país e do Estado, posto que a caída foi menor e a recuperación moito máis acusada.
Ofrecendo os datos da cidade por separado, tamén é posíbel ofrecer algúns datos de interese. Xuntando as dúas liñas urbanas, para as 19,69 viaxes foron expedidos 7.020 billetes efectivos, utilizada a TPG 12.605 veces e só a TPV (a antiga tarxeta) 4 veces.
Nese sentido, xa sería posíbel falar dun éxito da migración de usuarios dun servizo a outro, amosando unha rápida adaptación ás novas tarxetas de transporte. Porén, se o comparamos con outros anos, o uso da tarxeta no ano 2021 foi menor (64,24 %) que nos anos 2020 (73,03 %) e 2019 (70,27 %) polo que tal e como trasladou o concelleiro de Mobilidade, «aínda hai marxe de mellora e de seguir mellorando neste eido».
«Estamos diante dunhas liñas novas que teñen marxe de mellora, e agardamos chegar a unha maior utilización da tarxeta tal e como tiñamos antes da pandemia. Con iso e coa idea de que aínda estamos nun proceso de adaptación da veciñanza ás liñas novas, podemos dicir que temos uns bos datos de transporte público pois están ben deseñadas e responden as necesidades de Pontevedra», finalizou o edil.