A United World Wrestling (UWW) ratifica oficialmente por carta que Pontevedra será sede do Campionato Mundial Júnior de Loita de 2024

46

A Federación Española de Loitas Olímpicas e Disciplinas Asociadas vén de recibir unha carta do presidente da United World Wrestling (UWW), Nenad Lalovic, na que lle ratifica oficialmente a concesión a Pontevedra da organización do Campionato Mundial Júnior de Loita que terá lugar entre os días 2 e 8 de setembro de 2024. Na misiva remitida polo máximo órgano de representación internacional deste deporte, Lalovic envía o seu agradecemento e felicitación ante o grande reto que España e Pontevedra están a piques de emprender e avanza que en breve será enviado tamén á Federación Española o contrato e os requisitos establecidos pola UWW para a celebración deste evento internacional. 


Esta boa nova recíbese tan só unhas semanas despois de que unha delegación do Concello de Pontevedra, encabezada polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, se desprazara até Belgrado, como parte do comité organizador do Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas sub-23 que acollerá a nosa cidade en outubro de 2022. Non obstante, ademais de recollerse o testigo de Serbia nesta viaxe, as conversas e encontros realizados no Belexpocenter de Belgrado pola comitiva española (da que formaron parte o presidente da Federación Española de Loita, Francisco Javier Iglesias; o presidente da Federación Galega de Loita (FGL), José Luis Olazábal; o director técnico da FGL, Pablo Pintos; o técnico da FGL Alexander Kachelaev, e un técnico do Servizo Municipal de Deportes) serviron para pechar a organización de dous novos eventos: a do Mundial de Grappling en categorías previas á Absoluta (Cadete e Júnior), tamén en 2022, e a do Campionato do Mundo U20 de Loitas Olímpicas de 2024, que acaba de ser confirmado.
Asemade, a delegación española tamén deu os primeiros pasos para presentar candidaturas para o Europeo Sénior de 2025 e o Mundial dese ano.


Na súa viaxe a Serbia, Tino Fernández tivo ocasión de manter frutíferas conversas tanto con Nenad Lalovic como con outros relevantes membros do Bureau da UWW, como Namig Aliyev, presidente da Federación de Loita de Azerbaiyán, ou Theodoros Hamakos, de Grecia (ámbolos dous con gran peso decisorio á hora de seleccionar as sedes dos torneos), así como co comisario da UWW Pedro Silva, que estivo recentemente en Pontevedra para elaborar os informes relativos á cita de 2024.