A Vida é Movernos pechará 2021 coa Navidance Week, un grande evento de danza urbana que ofrecerá workshops de mestres de talla mundial

387
  • Esta primeira edición do Galidance Intensive, organizada pola Concellería de Deportes e a escola de danza Plié Dance School, celebrarase durante os días 27, 28 e 29 de decembro
  • Desenvolveranse catro workshops diarios de hora e media impartidos por Dii Feeling, Carlos Díaz, Albert Sala, Marthe Vangeel, Duki, Evelio, Jana Feeling, Safu, Oriana Meléndez e Javi Berga

Aínda coa mel da clase maxistral ofrecida polo carismático Rafa Méndez nos beizos, o proxecto A Vida é Movernos volve anunciar un novo taller de danza urbana para pechar este 2021 cheo de actividades e talleres para tódolos gustos e idades: a Navidance Week, organizado dentro do programa da Concellería de Deportes en colaboración coa escola Plié Dance School. Trátase da primeira edición do evento Galidance Intensive (Galicia International Urban Dance Camp) que acollerá Pontevedra, desenvolvéndose baixo teito (en principio, as instalacións do Recinto Feiral) os días 27, 28 e 29 de decembro con catro workshops diarios de hora e media de duración impartidos por profesores recoñecidos a nivel nacional e internacional.

Así, entre os nomes propios que protagonizarán estas exclusivas 18 horas de formación figuran bailaríns e coreógrafos da talla de Dii Feeling (que bailou con artistas como Nathy Peluso ou Agoney e que ensinou no programa de televisión ‘Fama, ¡a bailar!’), Carlos Díaz (que competiu en campionatos internacionais de hip hop), Albert Sala (coreógrafo en programas como ‘Factor X UK, Dancing with the stars’ e ‘So you think you can dance’), Marthe Vangeel (compoñente da Scandalize Crew e reputada instrutora de dancehall), Duki (finalista da versión húngara de Got Talent), Evelio (concursante en The Dancer), Jana Feeling (destacada bailarina de hip hop), Safu (que bailou xunto a artistas como Becky G, Anitta, Sebastián Yatra e Sweet California e participou en videoclips de C. Tangana, Rels B e Arón Piper, ademais de pasar por ‘Fama, ¡a bailar!’), Oriana Meléndez (concursante de ‘Fama, ¡a bailar!) e Javi Berga (The Voice Spain, Becky G…).

As aulas maxistrais do Navidance Week foron presentadas esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a directora de Plié Dance School, Pilar Torelli, e a co-directora da escola, Milena Torelli, que estiveron acompañados por un grupo de rapazas de formación profesional da mesma. Tal e como subliñou o edil do PSOE, “é a primeira vez que se organiza un evento destas características en Pontevedra, cun ‘dream team’ de mestres de danza e coreógrafos que, ademais de contar con recoñecemento nacional e internacional, teñen o respaldo dunha marea de milleiros de fans nas súas redes sociais (@ssssafu, @evelioxnc, @marthevg, @javi_berga, @carlos.diaz.gandia…), polo que a promoción e o impacto destes workshops entre a comunidade da danza urbana están máis que garantidos”.

Tino Fernández sinalou que, despois de organizar con moito éxito talleres de ioga, pilates, bodyfulness, risoterapia, hip hop, marcha nórdica, ximnasia na rúa ou percuterapia, “A Vida é Movernos segue dando pasos da man deste tipo de actividades que non son tan coñecidas e practicadas polo común da xente, pero que teñen un alto espectro de mercado, sobre todo entre a xente nova, como este evento de danza urbana que vai ser o que peche o calendario de 2021”. “A idea fundamental é que a xente se anime a saír ás rúas, a practicar exercicio físico, a ver deporte, a sorrir e volver desfrutar dos espazos públicos. Neste caso, por cuestións meteorolóxicas, por ser en decembro, decidimos facelo a cuberto”, explicou o socialista.

Unha oportunidade única sen moverse de Galicia

Segundo precisou Pilar Torelli, “Galidance Intensive é un evento de danza urbana creado para reunir profesores de ámbito nacional e internacional que ofrecen tres días intensivos de formación, con catro aulas diarias de hora e media, dúas pola mañá e dúas pola tarde, comezando ás 10:00 horas, facendo un parón para comer ás 13:00 horas e continuando ás 15:00 para rematar ás 18:00 horas”. “O obxectivo desta iniciativa -afirmou a directora de Plié Dance School- é darlle á xente de Galicia a oportunidade de que non teña que moverse a outros lugares alonxados como Madrid ou mesmo fóra de España para poder recibir clases impartidas por profesores recoñecidos a nivel mundial como Carlos Díaz, Duki, Marthe Vangeel… E darlle tamén á xente de fóra de Pontevedra a oportunidade de que veñan nunha época tan marabillosa como o Nadal,  poidan coñecer a cidade e queden uns días por aquí. Ademais de movernos e facer deporte, compártese un ambiente moi ameno, non competitivo, que xera vínculos entre profesores e alumnos e entre os propios alumnos, que poderán facer amigos, desconectar e levarse unha formación moi importante, de alto nivel”.

Torelli indicou que os talleres “están recomendados para persoas cun mínimo de dez anos de idade, sen límites, pero que teñan coñecementos previos de danza, porque son aulas de nivel intermedio-avanzado, é dicir, que, aínda que non son para principiantes, poden seguirse tendo un pouco de base”. Entre as disciplinas de danza urbana que se impartirán inclúense hip hop, comercial, dancehall e heels dance (baile con tacóns).

Para participar nesta actividade de A Vida é Movernos, que tamén conta con publicidade específica nos perfís de Instagram @pliedanceschool e  @galidanceintensive, será necesario reservar praza previamente antes do 27 de novembro a través do whatsapp 604 066 791 ou do email hola@pliedanceschool.net (os interesados recibirán completa información unha vez contacten cos organizadores), establecéndose un aforo máximo de 250 participantes. A Navidance Week ten as seguintes ofertas e prezos: Basic, de 70 €, que inclúe dúas aulas de mañá e dúas de tarde de hora e media cada unha nun día solto; Full Pack, de 150 €, que abrangue tódalas clases impartidas (con 18 horas de formación), e Premium, de 165 €, que inclúe o Full Pack máis merchandising do evento e descontos en hoteis e visitas guiadas pola cidade.