Benestar Social e Meniños poñen en marcha unha nova edición da campaña (en)Volve co obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente en situación ou risco de exclusión social quede sen agasallo de Nadal

142

A Concellería de Benestar Social, en colaboración coa Fundación Meniños, acaban de poñer en marcha unha nova edición da campaña (en)Volve, co obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente de Pontevedra en situación ou risco de exclusión social quede sen o seu agasallo de Nadal. Este ano, como nos anteriores, o departamento que dirixe o socialista Marcos Rey agarda “contar coa colaboración da cidadanía e que os pontevedresas se volquen cos que menos teñen nestas datas tan especiais”.

“Comézase con antelación -explica Rey- para poder planificar con tempo e facilitar que sexa unha campaña segura para tódalas persoas  implicadas”. Así, ao igual que na edición anterior, só se enviarán cartas vía whatsapp para evitar o contacto presencial coas familias ata o momento da entrega dos agasallos (adquiridos por un importe máximo de 40 euros).

Tal e como sinala Marcos Rey, “durante o pasado Nadal, grazas á campaña (en)Volve, 711 persoas colaboraron coa campaña participando como cómplices dos Reis Magos, e 633 nenos, nenas e adolescentes recibiron un agasallo novo na noite de Reis”, o que, coa promoción de que as compras se realizasen no comercio local, “supón unha estimación de 22.000 euros de ingresos para os establecementos comerciais de proximidade”. Non obstante, en base á enquisa efectuada por Benestar Social, un 99,5% das persoas participantes comprometéronse a participar noutras campañas e o 85,9% puntuaron cun 10 a campaña.

As instrucións para colaborar coa campaña (en)Volve son as seguintes:

1. Escolle un agasallo dos tres que estean na carta.

2. O prezo medio estimado por cada neno, nena ou adolescente é de 40 euros.

3. O agasallo pode ser dunha marca semellante á especificada na carta polo neno, nena ou adolescente. 

4. Unha vez mercado o agasallo, lévao a Casa Azul (rúa Sor lucía nº2. Fundación Meniños) nun prazo máximo de dúas semanas trala recepción da carta. 

5. Trae o número da carta xunto co agasallo (non é necesario que indiques o número no agasallo). 

6. Acompaña o tícket co agasallo por se fose necesario cambialo por estar defectuoso.

7. Non enviedes agasallos a través de mensaxería, xa que dese xeito non podemos localizalo e quedará sen entregar.

8. Anímate a mercar o agasallo no comercio local.

9. Se tés dúbidas, envía un whatsapp ao 678754933 ou 604081472. 

O formulario para inscribirse na campaña pode atoparse no seguinte enlace:
https://docs.google.com/forms/d/1sXTxf3w-NSRQyedYCfddvForSLjTHitq1LshEMQ-III/viewform?edit_requested=true