O Concello habilitará prazas especiais de aparcadoiro nas rúas periféricas ao edificio da Xunta para os citados á vacinación

810
A sinalización será instalada este venres e todo aquel que acuda a súa cita terá 15 minutos de uso destas prazas, que non poderán ser utilizadas para outro tipo de estacionamento
As rúas habilitadas para os vehículos dos citados serán: Luís Braille, Alfonso X, Antonio Taboada Nieto e Iglesias Vilarelle

O pasado mércores, 17 de novembro, o Concello mantivo unha reunión con representantes do Sergas co obxectivo de organizar todo o operativo exterior do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra, ao longo dos próximos 15 días nos que se habilitará un espazo no seu interior para a vacinación masiva da poboación proposta desde o organismo público.

«Tal e como levamos desde o inicio da pandemia, a colaboración do Concello coa Xunta no tema das vacinacións segue a ser un asunto prioritario, polo tanto tratamos de ofrecer todas as alternativas posibles e, de novo, con este operativo, puxémonos a disposición para o operativo e para o que precisase a xerencia sanitaria neste proceso de vacinación», explicou a concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde. «Na reunión do mércores analizamos todos os posibles problemas que puideran xurdir de problemas de tráfico ou acceso ao recinto».

Deste xeito, o Concello de Pontevedra decidiu que as rúas periféricas do edificio da Xunta terán reservadas as prazas de aparcadoiro, libre ou de servizo, para os asistentes da vacinación. Esta nova indicación será sinalizada e de obrigado cumprimento nas rúas Luis Braille, Alfonso X, Antonio Taboada Nieto e Iglesias Vilarelle (na marxe dereita da vía).

As prazas reservadas para a vacinación Covid terán 15 minutos de reserva mañá e tarde, entre as 9 e as 14 horas e das 16 ás 21 horas. Os tempos foron establecidos segundo a información ofrecida pola Xunta, pois agora xa non será preciso quedar no recinto logo da vacinación, xa que foi eliminado ese período de espera dun cuarto de hora, polo que se espera unha celeridade maior na saída e entrada de xente, de xeito case continuo, situación que tamén debería ser trasladada ás prazas de aparcadoiro. 

image
Mapa do operativo de tráfico e aparcadoiro para o espazo de vacinación.

Doutra banda, Vilaverde aclarou que as prazas reservadas para usuarios con mobilidade reducida seguirán sendo de uso exclusivo para estas persoas, non serán habilitadas para citados para a vacinación. Ademais, a rúa Espincelo, que dá acceso ao propio edificio administrativo, terá restrinxido o acceso agás carga e descarga. Porén, o Concello tamén lembra e recomenda a posibilidade de facer uso do aparcadoiro soterrado baixo o edificio administrativo, con entrada pola rúa Blanco Amor, que tamén cun número de prazas reservadas e gratuítas para persoas con mobilidade reducida. 

«Temos xa prevista toda a sinalización, que será instalada este venres. Queremos recomendar a todo o mundo que se achegue que non o faga a través do centro da cidade, senón que acceda pola zona norte ou use o tramo de autoestrada da zona sur, por Josefina Arruti», puntualizou a edil. «Por último, sinalar unha cuestión primordial, unha petición que facemos e é a petición de puntualidade a todos os citados, seguindo o horario establecido para a vacinación. Nin adiantarse, nin atrasarse. Así poderemos evitar aglomeracións en horas puntas. É importante que ninguén acuda antes das 9 da mañá, pois até esa hora non van comezar as vacinacións, polo que non gañarán tempo nin rematarán antes, e único que conseguirá é que se ralentice o proceso».

O Concello tamén informou da presencia policial permanente na zona, para comprobar e controlar os estacionamentos dos vehículos, amais do corpo de Protección Civil para ordenar e axudar na entrada ao edificio.