O PonteInGames (PING) reunirá a amantes e referentes galegos dos videoxogos no Pazo da Cultura durante os días 2, 3 e 4 de decembro

49
  • O evento, patrocinado pola Concellería de Promoción Económica, incluirá charlas divulgativas, torneos de diferentes xogos e emisións en directo de equipos, exhibicións e streamers
  • O acto inaugural contará con música en directo dun grupo que tocará temas históricos dos videoxogos e cunha exhibición de Onente, un dos mellores equipos de Fifa de Europa

Amantes e referentes galegos do mundo do gaming daranse cita no Pazo da Cultura os días 2, 3 e 4 de decembro na primeira edición do PING (PontevedraInGames), un evento impulsado pola produtora Vamos a Primera e patrocinado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo co que Pontevedra aspira a converterse en capital autonómica dos videoxogos e cuxo completo programa de actividades incluirá torneos, charlas e emisións vía streaming. Os eventos do PING están orientados a tódolos públicos, contemplando alternativas para os máis pequenos (obradoiros), os mozos e mozas (streamers e torneos) e a xente adulta (exposicións, conferencias e competicións).

O programa porase en marcha o xoves 2 de decembro a partir das 19:00 horas cun acto de apertura e presentación que terá música en directo da man do grupo Son do Gaming, que tocará temas históricos dos videoxogos, e unha exhibición de clubs Pro Fifa 22 na que Onente, un dos mellores equipos de Fifa de Europa, se enfrontará á Selección Galega (nunha sesión inaugural que se desenvolverá ata as 21:30 horas). A cita continuará durante toda a xornada do venres 3 de decembro, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas, cunha oferta que abrangue o obradoiro ‘Bluescola’, con Polygonestudios; as conferencias ‘Tu idea + Comtecart=Proxecto’ e ‘Creando Videoxogos Educativos’, da man de Beatriz Legerén (da Universidade de Vigo) e Miguel Areán; torneos de Mario Kart, Age of Empires II e Rocket League, e o programa en directo ‘Gaming Show Streaming Finais Torneos’.

A xornada de clausura do sábado 4 de decembro, que terá o mesmo horario que a do venres, abrirase con tres conferencias: ‘Devuego, unha plataforma de apoio aos #videojuegosespañoles’, protagonizada por Yova Turnes; ‘A Localización de Videoxogos: do texto á pantalla’, a cargo de Ramón Méndez, e ‘O Videoxogo como elemento cultural’, con Carlos Pereiro, Galo e Jacobo Martínez. Entre os eventos destacados do día figuran un directo da streamer galega Spirit e outro titulado ‘O coleccionismo geek: o Mario da 64 xa vale máis que un bitcoin’, con Rubén Vázquez e Martín Losada; torneos de Smash Bros e Fifa 21, e o programa ao vivo ‘Gaming Show Streaming + Recuncho Gamer’.

O programa de eventos deste primeiro PonteInGames, presentado hoxe pola mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; a ‘alma mater’ destas xornadas e responsable de Volvemos a Primera, o produtor Pablo Cacheda, e os membros do seu equipo Lucía Porto (produción) e Víctor Couto (axudante), tamén incluirá a exposición permanente de videoxogos e consolas antigas do Muvi (Museo do Videoxogo). Tal e como subliñou Yoya Blanco, “a programación do PING fixo especial fincapé en reunir tres grandes ramas dos videoxogos, que son a parte divulgativa/educativa, con charlas e conferencias polas mañás; o ámbito da competición, con torneos de diferentes videoxogos, e o eido do streaming, a través de equipos, exhibicións e streamers en directo”.

Enorme colaboración de empresas e equipos e asociacións locais

“Hai que agradecer a implicación e participación de destacados referentes galegos do universo dos videoxogos neste PonteInGames, no que colaboran empresas locais e equipos e asociacións de gaming. Tódolos eventos organizados -afirmou a edil do PSOE- serán de balde, con aforos limitados, pero sen inscrición previa. Os de carácter competitivo terán premios achegados por empresas e comercio locais e, ademais, haberá detalles de tendas, bonecos…”.

Blanco considera que se trata dunha cita “imprescindible para os amantes dos videoxogos, que poderán divertirse competindo nos seus xogos favoritos e escoitar a expertos de primeiro nivel”, polo que “estamos convencidos de que atraerá á nosa cidade a un montón de xente do noso contorno e do resto de Galicia, de que chegou para quedar e de que acabará consolidándose e crecendo con novas edicións”. Aínda que o PING conta cun sistema de inscrición previa para garantir prazas en determinados en eventos ou torneos a través da dirección de coreeo electrónico volvemosaprimeraproducciones@gmail.com (por exemplo, a exposición do Muvi terá quendas dun máximo de dez persoas), as portas do PonteInGames permanecerán abertas para que calquera que se achegue ata o Pazo da Cultura neses días entre e desfrute.

Segundo apuntou Pablo Cacheda, “aínda que polas restricións non sexa a primeira edición máis aberta do mundo e os aforos sexan limitados, á hora de deseñar o programa do PING queriamos rachar un pouco co estereotipo de que os videoxogos son só para nen@s, xa que de feito coido que estamos ante a cuarta xeración de xente que xoga a eles, e convidar a pasar a todo aquel que queira pasar”. “Un pai ou nai pode deixar ao seu neno xogando aos videoxogos -sinalou Cacheda- e, á vez, dispoñer dunha programación alternativa para desfrutar. Hai cousas moi chulas para ir mesmo para quenes non saben nada de videoxogos, como é o caso da exposición do Muvi”.

Tal e como aclarou o impulsor do PING, “quitando os casos de comunidades potentes, como a do Smash Bros, que xa o vai facer mediante unha plataforma online e nas que si que é importante anotarse previamente, resultaba moi complicado establecer unha inscrición previa para que a xente se anotase, polo que os torneos de xogos como o Fifa ou o Age of Empires II organizaranse directamente desde o Pazo ás 16:00 horas”. “O que si que é importante nestes casos -matizou Pablo Cacheda- é estar desde o inicio da tarde. O que chegue ás 18:00 horas é moi posible que non se poida anotar nun torneo”.

Cacheda indicou que os streamings serán difundidos a través da canle de Youtube do Concello de Pontevedra e vía Twitch, xa que “os videoxogos teñen que estar en Twitch”, habilitando unha canle específica para PonteInGames. Neste sentido, lembrou que a meirande parte das persoas que participan no PING teñen canais propios de Twitch, polo que “a idea é que os eventos e competicións sexan ‘reestrimeados’ nelas, ofrece un potencial brutal”. “A streamer galega Spirit, que é de Vigo, ten case 11.500 seguidores en Twitch e vai vir aquí a facer un streaming como se estivese na súa casa… A xente non é moitas veces consciente do potencial que os videoxogos teñen a nivel social e económico”, afirmou.