Pontevedra volve botarse ás rúas para queimar calorías da man do programa A Vida é Movernos

37

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, volveu enfundarse a roupa deportiva para participar das actividades ofertadas a través da iniciativa Ximnasia na Rúa, enmarcada no programa municipal A Vida é Movernos e que converteu a Praza de España nun auténtico ximnasio ao aire libre con 16 bicicletas estáticas, trampolíns, gomas, fitballs, bases de steps, baquetas, escenario, sistema de son e iluminación e un equipo humano conformado por oito persoas. A iniciativa, organizada en colaboración coas firmas Exalta Centro Deportivo e Nordés Sports SL,  permitiu aos pontevedreses gozar de tres horas de aulas entre as que se incluíron: bodyjump, unha actividade dirixida con soporte musical que se imparte sobre un mini trampolín, de alta intensidade, sen apenas impacto e cun gasto enerxético moi alto; gluteboom, un novo xeito de traballar para fortalecer glúteos, abdominais e pernas dunha maneira moi dinámica, que aumenta o gasto calórico considerablemente; fitball percussion, que fusiona á perfección a música, o exercicio físico e a percusión e que ten unha coreografía moi marcada que a converte nunha divertida actividade que mellora a coordinación, e spinning, coa instalación de bicicletas estáticas para acadar melloras a nivel cardiovascular ao ritmo da música mediante traballo interválico.


Os obxectivos deste evento de A Vida é Movernos eran os de combater o sedentarismo e facer chegar á poboación unha pequena mostra das actividades dirixidas que poderán atopar en calquera centro deportivo da cidade, axudando así a democratizar a práctica do exercicio físico entre a cidadanía sen limitacións no que a franxas de idade se refire. 


Para a súa organización contouse coas firmas Exalta Centro Deportivo, un espazo dedicado ao adestramento e a saúde con profesionais con ampla experiencia en ámbolos ámbitos desde hai máis de 20 anos, directamente ligados ao deporte de competición e en constante formación e adaptación ás novas tendencias sobre o adestramento e as problemáticas que o ritmo de vida actual provoca sobre a saúde; e Nordés Sports, unha empresa creada e dirixida polo ex ciclista Jesús González, especializada na organización de cursos de formación e eventos deportivos que complementa a súa oferta cun eficiente servizo de adestradores persoais e venta de produtos fitness (que colaborou na coordinación e promoción de diferentes campus de ciclismo e participou na Aula Ciclista by La Vuelta Ciclista a España, con charlas e pequenas xincanas en colexios designados para achegar o mundo do ciclismo aos máis pequenos).