Pontevedra somérxese na reivindicativa semana do 25N coa lectura do manifesto institucional na voz de Andrea Campos, dous pases da obra de teatro Invisibles, un faladoiro sobre violencia vicaria e o acto Violencia Zero

28

Pontevedra somerxerase esta semana nun intenso programa de actividades reivindicativas organizadas desde a Concellería de Igualdade con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Entre os eventos previstos inclúese a lectura do manifesto institucional do Concello de Pontevedra, elaborado co consenso de tódolos grupos políticos, que terá lugar ao inicio do Pleno da Corporación municipal de mañá e que protagonizará a integradora social e promotora de igualdade de xénero Andrea Campos, filla dunha vítima de violencia machista. 


Ademais, o martes 23 de novembro ás 21:00 horas celebrarase no Teatro Principal un pase gratuíto da obra Invisibles, dirixida por Marián Bañobre, con Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez, e gañadora de tres Premios de Teatro María Casares, e o mércores 24 ás 19:00 horas desenvolverase na Casa das Campás un faladoiro titulado ‘Outras violencias machistas: a violencia vicaria’, moderado pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e no que intervirán a propia Andrea Campos; Lupe Ces, directiva de Agamme (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), e Eylin M. Colmenares, presidenta da asociación de axuda a mulleres vítimas de violencia XTodas.

A xornada conmemorativa do xoves 25, o Concello de Pontevedra estará presente na Praza da Peregrina ás 12:00 horas no acto Violencia Zero, no que se realizará unha nova lectura do manifesto a cargo de Andrea Campos. Asemade, para este 25N o Colectivo Feminista de Pontevedra convocou para as 19:00 horas unha concentración, con performance e lectura de manifesto na mesma Praza da Peregrina, e o Principal acollerá a obra teatral Comando Comadres ás 21:00 horas (con entradas á venda en Ataquilla).


O programa deseñado pola Concellería de Igualdade co gallo do 25N tamén incluirá un Curso de Autodefensa que se desenvolverá o sábado 11 de decembro na Casa Azul en dúas sesións en horario de tarde.