A Vida é Movernos e Asampo volven unir forzas nunha Andaina Violeta contra a violencia machista

264
  • Este roteiro adaptado terá lugar o vindeiro domingo 28 de novembro, saíndo da Praza de España ás 11:30 horas e realizando unha ruta urbana dun kilómetro e 360 metros
  • O percorrido estará sinalizado con 37 frechas de cor violeta co nome de cada unha das mulleres que foron asasinadas en 2021, a súa idade, a data do feminicidio e a localidade na que aconteceu

Tralo éxito de participación da camiñada inclusiva celebrada o pasado 13 de novembro, na que se implicaron numerosas entidades e colectivos socio sanitarios, o programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, volve unir forzas coa Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) para organizar un novo roteiro reivindicativo coincidindo coa semana do 25N: a Andaina Violeta contra a violencia machista. Trátase dun percorrido urbano adaptado que terá lugar o vindeiro domingo 28 de novembro e que sairá da Praza de España ás 11:30 horas, percorrendo unha distancia dun kilómetro e 360 metros polas seguintes rúas e espazos: Michelena, Fernández Villaverde, Soportais, Praza da Ferrería, Paseo de Antonio Odriozola, Laranxo, Praza da Leña, Padre Sarmiento, Gregorio Fernández, Praza da Pedreira, César Boente, Serra, Celso García de la Riega, Rúa da Ponte, San Telmo, Praza do Peirao, Galera, Arcebispo Malvar e regreso á Praza de España.

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Saúde, Tino Fernández, avanza que “esta Andaina Violeta terá unha mensaxe reivindicativa moi  visual e contundente, posto que o camiño estará sinalizado con 37 frechas de cor violeta cos nomes das 37 mulleres asasinadas este ano en España a mans do terrorismo machista, os anos que tiñan cando as mataron, a data do feminicidio e a localidade na que aconteceu”. “As frechas non serán retiradas ata as 22:00 horas -sinala o edil do PSOE-, de xeito que se alguén non pode asistir á camiñada en horario oficial, poida completar o percorrido noutro momento da xornada”. 

Asemade, tal e como apunta Fernández, á chegada da andaina á Praza de España farase lectura dun manifesto “no que amosaremos que xa estamos fartos e fartas de gardar silencio ante os asasinatos machistas” e, posteriormente, “pediremos un minuto de aplausos en lembranza de tódalas vítimas”.