O proxecto de renovación do céspede artificial do campo de fútbol 11 da Xunqueira darán comezo o luns da vindeira semana e Deportes agarda que poidan rematarse nun prazo de dous meses

115

A Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, iniciará o vindeiro 29 de novembro as obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol 11 número 2 do Complexo Municipal Manolo Barreiro, un proxecto que o seu departamento adxudicou por unha partida económica de 285.773,04 euros. O edil do PSOE agarda que “se a meteoroloxía e os subministros o permiten, as actuacións (adxudicadas á firma Limonta Sport Ibérica SLU) poderían estar rematadas en menos de dous meses, cara febreiro ou marzo”.


Tal e como sinala Tino Fernández, “o campo de fútbol Xunqueira II de fútbol 11 de herba sintética foi inaugurado en setembro de 2008 e, debido ao tempo transcorrido, próximo aos doce anos, e ao seu intenso uso, ten esgotada a súa vida útil, presentando na actualidade unhas condicións que fan necesaria a súa substitución por outro de última xeración para poder obter unhas boas prestacións deportivas, con garantías de calidade e fundamentalmente de seguridade para os deportistas”. “A actuación a levar a cabo -subliña o edil do PSOE- xustifícase tanto polo estado da superficie de xogo actual sobre a que se pretende actuar como pola economía da súa implantación e a mellora tecnolóxica do sistema a aplicar. O campo ten unha frecuencia de uso alta, por enriba das 60 horas semanais, e emprégase tanto a nivel amateur, en categoría Sénior, como a nivel nacional en categorías base. Precísase un pavimento deportivo que supere os parámetros de durabilidade mais esixentes e que teña ademais unha resposta deportiva das máis altas prestacións: cumprimento da norma UNE-EN 15330-1:2014 e homologación, tanto do sistema a instalar (marca Fifa Recomended) como da obra executada con nivel Fifa Quality”.


O campo de fútbol ten unhas dimensións entre as liñas brancas que delimitan o terreo de 100 x 62 metros, sendo a superficie total do céspede de 105 x 65 metros (incluíndo as marxes das bandas e dos fondos). O seu eixo lonxitudinal está sensiblemente orientado norte-sur. A superficie de xogo está constituída na actualidade por unha soleira de aglomerado, sobre a que vai directamente unha alfombra de céspede artificial fibrilado de polietileno de 60 mm, recheo de area e caucho, que ten esgotada a súa vida útil: a fibra do céspede presenta un forte desgaste e o terreo de xogo actual non cumpre cós requirimentos esperables para estas superficies (elasticidade, fricción, absorción de impactos, bote do balón, rodamento do balón, resistencia ó movemento, etc).


A escorrentía das augas prodúcese cara as bandas e das medicións topográficas obtidas despréndese que a pendente actual do terreo de xogo é dun 1% cara a ditas bandas laterais. Existe certo encharcamento de auga cando se producen choivas intensas, sobre todo preto das bandas.

As actuacións


Unha vez retirado o céspede antigo, comprobarase a regularidade superficial e o estado da superficie. Regarase a superficie para detectar defectos na ‘planeidade’ e realizarase un levantamento taquimétrico con suficentes perfís transversais e unha nube de puntos, verificando así a pendente coa que conta o campo de fútbol e detectando as irregularidades zonais.


A continuación, procederase ao fresado de certas áreas do campo de fútbol e, tras dito fresado, barrerase a superficie, aplicarase un rego de adherencia e botarase unha capa de mestura bituminosa en quente, con estendedora e posterior compactación para tratar de mellorar as caídas nas zonas onde se retén máis a auga. De seguido, instalarase unha base elástica prefabricada cun grosor mínimo de 14mm, que xunto co céspede e o recheo haberán de cumprir os criterios de calidade de Fifa Quality.


Segundo avanza Tino Fernández, “trala colocación da base elástica prefabricada instalarase un céspede artificial de última xeración testado en laboratorio consonte aos criterios Fifa Quality: a fibra será monofilamento de polietileno 100% en cor verde, con tratamento anti UVA resistente ao calor e ao xeo”. Para o recheo empregarase area de sílice (>96%), redondeada, lavada, seca e limpa de impurezas e materia orgánica, e gránulos de caucho reciclado SBR, de cor negra. “Incluiranse as marcas do campo de fútbol 11 e de dous campos de fútbol 7, cumprindo coa regulamentación da RFEF”, apunta o concelleiro de Deportes.


O campo será obxecto de homologación pola Fifa con nivel Fifa Quality, para o que deberán efectuarse os correspondentes traballos de campo pola entidade acreditada pola Fifa. Ademais, a empresa adxudicataria eberá prestar o servizo de mantemento durante o período de garantía dun ano. As tarefas de mantemento a realizar serán aquelas de periodicidade anual, entre outras a verificación do encolado de xuntas e substitución no seu caso, limpeza anual e profunda do terreo de xogo con maquinaria específica (removendo o recheo, aireándoo e descompactándoo), o recheo segundo necesidades, e o control de calidade deportiva e informe anual de rego.
Os canóns de rego serán substituídos por outros emerxentes, realizando as acometidas á rede de rego existente, e tamén se substituirán as electroválvulas por outras novas.

Tino Fernández constata que “os proxectores actuais de haloxenuros das catro torres de iluminación do campo serán substituídos por 12 proxectores led en cada unha das torres”. “Finalmente -engade o edil do PSOE- substituiránse as porterías de fútbol 11 e fútbol 7, colocando unhas novas realizadas en aluminio extrusionado con novas cimentacións e as ancoraxes necesarias. Colocaranse igualmente catro novos banderíns de córner e banquiños para os xogadores suplentes”.


O tenente de alcalde precisa que “os clubs usuarios deste terreo xa se atopan recolocados noutros campos de fútbol (comunicóuselles esta mesma mañá)” e que “as obras de renovación do céspede serán as que se realicen con maior urxencia”, deixando para o final as melloras relativas á iluminación.