Os talleres do Laboratorio da Infancia proseguen esta semana e en decembro nunha decena de centros educativos

67
  • O Pazo da Cultura acolle a primeira reunión da mesa de traballo Lab Sociedade, na que María Lorenzo, Xaime Domínguez, Ada Otero e Aurora Coego analizaron aspectos que poden contribuír a mellorar a vida ads persoas nos eidos da igualdade, a inclusión e a diversidade funcional

Os talleres do proxecto Laboratorio da Infancia, impulsados pola Concellería de Educación dentro das accións da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra ‘Más Modelo Pontevedra’ (Edusi) , retoman a súa actividade esta semana e ata finais de decembro coa participación dunha decena de centros escolares. Xa para a xornada de mañá está previsto un novo obradoiro de Escalada no Pavillón Multiúsos da Xunqueira ás 11:20 horas cun grupo de 23 rapaces de 4º curso do CEIP San Martiño de Salcedo, mentres que tanto o mércores 24 como o xoves 25 (tamén ás 11:20 horas) serán grupos 5º e 6º do CEIP Daría González (de 10 e 9 nen@s respectivamente) os que protagonicen unha ruta polos Muíños do Batán, na parroquia de Salcedo, e o venres 26 ás 10:50 horas un grupo de 25 alumn@s de 3º curso do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús o que realice unha andaina por un treito do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Tomeza.


Os talleres, desenvolvidos pola empresa Marexada e financiados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), proseguirán o martes 30 de novembro ás 11:20 horas, cunha nova actividade de Escalada no Pavillón da Xunqueira para 24 rapaces do CEIP Marcón; e o mércores 1, o xoves 2, o venres 3 e o xoves 9 de decembro, con grupos de entre 24 e 25 alumnos de 1º e 2º curso do CEIP Vilaverde-Mourente que efectuarán camiñadas polo citado treito xacobeo e polo roteiro dos Muíños do Batán. O venres 10 de decembro serán outros 25 alumnos do CPR Sagrado Corazón os que completen o percorrido polo Camiño de Santiago.


O luns 13 de decembro e o mércores 15 terán lugar novas saídas polos Muíños do Batán con 17 rapaces de 1º curso e 13 de 2º do CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, o martes 14 un taller de Escalada no Multiúsos da Xunqueira con 25 nenos e nenas de 1º do CEIP de Parada (Campañó), o xoves 16 un Observatorio de Aves nas marismas de Alba con 14 escolares de 2º do CEIP Plurilingüe Froebel e o o venres 17 e luns 20 dúas saídas pola ruta dos Muíños do Batán con sendos grupos de 24 rapaces de 2º do CEIP Marcos da Portela.


O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, lembra que “entre os obxectivos destes obradoiros figuran a educación e concienciación ambiental, a sustentabilidade e economía circular, con talleres con contido pedagóxico que expliquen os valores do mundo rural e natural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados ao redor de Pontevedra, especialmente o que se está conformando a través da Edusi con cofinanciamento Feder na Fracha, pero tamén ao resto de espazos naturais e parques forestais da cidade”. “Buscamos ademais a educación e concienciación deportiva -subliña o edil socialista-, potenciando os recursos deportivos e tamén do medio natural, con talleres vinculados á práctica deportiva e á vida saudable (entre outros, talleres de remo/ piragüismo no Lérez ou de escalada no Pavillón da Xunqueira, remodelado dentro do mesmo marco)”.


Continúan as mesas de traballo co Lab Sociedade

Ademais de plasmarse nunha serie de talleres deportivos, medioambientais, etnográficos ou culturais que a empresa Marexada puxo en marcha para tódolos colexios públicos, o proxecto Laboratorio da Infancia tamén contempla a elaboración dunha estratexia educativa dirixida ao alumnado de Primaria por parte da firma adxudicataria Taller Aberto, incluíndo un plan de acción que contribúa ao seu mellor desenvolvemento. Dita estratexia será froito dun debate en cinco grupos de traballo interdisciplinares ou Labs centrados nun tema concreto: Lab Espazo Público, Lab Medio Ambiente, Lab Sociedade, Lab Vida Saudable e Lab Cultura.


Tino Fernández precisa que estas mesas de traballo xa se iniciaron a pasada semana co Lab Espazo Público e “continuaron esta tarde no Pazo da Cultura cun encontro do Lab Sociedade, no que participarán María Lorenzo Rial, profesora e investigadora na área de Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra; Xaime Domínguez Toxo, pedagogo especialista en discapacidade visual, que formou parte dos equipos educativos da Once de atención presencial a alumnos cegos no proceso de escolarización e que coordina proxectos de investigación en inclusión social centrados na infancia e na accesibilidade á cultura, patrimonio e espazos de interese natural; Ada Otero Huertas, coordinadora do Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra (Cides), e Aurora Coego Trinidad, responsable do programa CaixaProinfancia da Fundación La Caixa e do proxecto Lecxit da Fundación Meniños”.

Neste Lab Sociedade do Laboratorio da Infancia analizáronse todos aqueles aspectos que poden contribuír a mellorar a vida das persoas no que atinxe á inclusión, á igualdade de xénero e á diversidade funcional. En concreto, a mesa centrouse en temas como: o estado xeral da educación para a igualdade en tódolos planos, comunicación da situación da infancia entre as administracións e a poboación, recursos dispoñibles para programas sociais, as tecnoloxías como medio de loita nas desigualdades (ben mediante o acceso universal a elas, ben como instrumento para combatelas mediante estratexias de comunicación-acción), perspectiva de xénero nos programas sociais destinados á infancia, conexións escola-institucións en relación ao ámbito social, realidade da pobreza infantil, problemas específicos en confluencias de xénero, exclusión e diversidade funcional, a inclusión no espazo público, programas públicos de traballo coa infancia sobre xénero, igualdade e inclusión, lecer nos colectivos con diversidade funcional, accións específicas en materia de xénero e procesos participativos arredor das decisións de actuación nos temas de xénero, inclusión e diversidade.

 
“A idea é que sexan distintos grupos de traballo (adultos) e ‘asembleas-taller’ (nenos e nenas de 8 a 12 anos) os que formulen os obxectivos dunha estratexia para mellorar a calidade de vida dun colectivo vulnerable que necesita de protección, seguridade e condicións de vida axeitadas para a súa formación integral como persoas adultas. Os argumentos xirarán arredor da relación entre a infancia e cada un deses temas clave, coa finalidade de establecer un diagnóstico, un prognóstico e unhas medidas a tomar que quedarán reflectidas nun Plan de Acción”, explica o tenente de alcalde.


Cada un dos grupos centrarase no estudo dun tema definido por un equipo de coordinación. Nestes temas clave, ademais da infancia, a educación será o grande eixo transversal que sustentará tódolos debates (en tódolos grupos haberá sempre unha persoa relacionada con este ámbito), sendo ao tempo abordados con perspectiva de xénero e carácter inclusivo.


Os seguintes encontros de traballo que se celebrarán serán o 24 de novembro, do Lab Espazo Público; o 29 de novembro, tamén do Lab Sociedade; o 2 e 9 de decembro, da mesa de Medio Ambiente; o 9 e 16 de decembro, do Lab de Vida Saudable, e o 13 e 20 de decembro, da mesa de Cultura. Estas mesas de traballo ou labs reuniranse no Pazo de Cultura (seminarios) para tódalas datas do calendario, a excepción dos días 29 de novembro e 2 de decembro, en que se celebrarán na planta baixa da Casa da Luz (Praza da Verdura).


A continuación detállanse os perfís profesionais das persoas que participarán nos distintos Labs:


LAB ESPAZO PÚBLICO: 
–Mar Penela López: arquitecta pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Valladolid, cun Mestrado en Investigación Arquitectónica. Desde 2017 imparte formación centrada na Arquitectura e a Educación. 
–Luis Arceo Vilas: licenciado en Filoloxía Hispánica e diplomado en Maxisterio, leva 26 anos impartindo ensinanzas desde 2º de Bacharelato a Educación Primaria. Relator de cursos de Formación do Profesorado e con experiencia en dirección de centros, actualmente é director do CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos de Pontevedra. 
–Gracia Amandi Joglar: arquitecta pola Escola Ténica Superior de Arquitectura de Coruña coa especialidade de Urbanismo. Traballou desenvolvendo proxectos de vivenda en México, República Checa e España, o que a levou a formar parte do Comité Redactor das Normas do Hábitat Galego en 2008. En 2004 funda en Pontevedra, co seu socio Jorge De Uña, o estudio Uña + Amandi Arquitectura. 
–Rogelio Carballo Solla: arquitecto e presidente de Confapa Galicia desde 2016 e da Fanpa Pontevedra desde 2013, onde proporciona apoio ás Anpa facendo actividades de formación, defendendo os intereses do sistema de ensino público, representando a nais e pais nas instancias administrativas e xestionando servizos e proxectos de mellora educativa. 


LAB SOCIEDADE: 
–María Lorenzo Rial: doutora en Equidade e Innovación en Educación. Actualmente é profesora e investigadora na área de Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra. É docente nos graos de Educación Infantil e Educación Primaria e no Mestrado de Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria e no Mestrado para Profesorado de Educación Secundaria. 
–Xaime Domínguez Toxo: pedagogo especialista en discapacidade visual, formou parte dos equipos educativos da Once de atención presencial a alumnos cegos no proceso de escolarización. É coordinador de proxectos de investigación en inclusión social centrados na infancia e na accesibilidade á cultura, patrimonio e espazos de interese natural. Tamén formou parte da Comisión Braille Española, coordinando metodoloxías e didácticas arredor da lectoescritura táctil. 
–Ada Otero Huertas: licenciada en Dereito. É formadora en temas de xénero e diversidade sexual especializada na realidade trans. Conta con experiencia na formación e concienciación de profesionais de todo tipo (sanitarios, psicólogos, policías, docentes…) en cuestións de xénero e diversidade. Na actualidade leva a coordinación do Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra (Cides). 
–Aurora Coego Trinidad: educadora social cunha traxectoria de máis de 15 anos de experiencia en entidades públicas e privadas, onde adquiriu experiencia en adolescentes e familias en situación de vulnerabilidade social e tamén no ámbito de persoas en risco de exclusión social e con mulleres vítimas de violencia de xénero. Actualmente é a responsable do programa CaixaProinfancia da Fundación La Caixa e do proxecto Lecxit da Fundación Meniños. 


LAB MEDIO AMBIENTE: 
–José Carlos Souto Otero: licenciado e doutor en Bioloxía. Desde xuño de 2018 é director do Campus Crea e do Green Campus da Universidade de Vigo. Actualmente é profesor titular e investigador na Escola de Enxeñería Forestal da UVigo en Pontevedra. Tamén coordina o proxecto europeo Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills for Innovation Oriented Network). 
–Manolo Domínguez Rei: licenciado en Bioloxía, posgrao en Xestión Ambiental e militante ecoloxista. Traballa desde 2001 en divulgación e educación ambiental en Ventos-Estudos Ambientais desenvolvendo programas na materia para colexios, concellos, Xunta e asociacións, abordando tanto actividades de coñecemento do medio como da xestión ambiental. 
–Sergio Meis Casalderrey: mestre diplomado en Educación Musical e graduado en Educación Primaria con máis de 14 anos como docente na escola pública. Actualmente é profesor de Primaria no CEIP Ponte Sampaio, tendo participado en cinco edicións do programa Pontenciencia da Concellería de Educación de Pontevedra. 
–Julio Valeiras Mota: biólogo e investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Participa no desenvolvemento de proxectos estratéxicos en España e Europa no ámbito das pescas e os ecosistemas mariños. Colabora en proxectos participativos de restauración ecolóxica e educación ambiental. Gran parte desta actividade a desenvolve na Sociedade Galega de Historia Natural, onde é delegado provincial en Pontevedra. 


LAB VIDA SAUDABLE: 
–Marián Fernández Villarino: doutora en Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun Mestrado en Alto Rendemento Deportivo pola Universidade Autónoma de Madrid e un Posgrao en Expresión Artística e Danza pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora e investigadora no departamento de Didácticas Especiais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra. 
–Gloria Landín Iglesias: licenciada en Medicina e Cirurxía, é especialista en Pediatría e Áreas Específicas. Desde 2007 é pediatra de Atención Primaria na Área Sanitaria de Pontevedra. 
–María José López Cal: mestra de Educación Física desde hai 5 anos, coordinando os proxectos deportivos do seu centro desde 2018. Na actualidade forma parte do equipo directivo do CEIP Plurilingüe A Reigosa, coordina o Proxecto de Vida Activa e Deportiva da Xunta e dinamiza actividades deportivas escolares en colaboración co programa Xogade. Tamén é adestradora e xuíza nacional de ximnasia rítmica con ampla experiencia nesta modalidade deportiva. –Silvia Massetti: estudou Maxisterio e continuou a súa formación no Instituto Arxentino de Nutrición, onde ademais de aprender a fisiopatoloxía dos alimentos, tamén descubriu a importancia da práctica da actividade física axeitada para cada idade e o aspecto biopsicosocial das persoas.


LAB CULTURA: 
–Eulalia Agrelo: directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración e vicedecana de Relacións Institucionais do Campus de Pontevedra. É doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora na área de Didáctica da Lingua e da Literatura da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, onde forma parte de distintos grupos de investigación. É especialista en literatura infantil e xuvenil e coordinadora do Congreso Internacional de Mediación Lectora. 
–José Manuel Rey García: director do Museo de Pontevedra, arqueólogo e especialista en xestión do patrimonio arqueolóxico e en arte rupestre prehistórica. Dirixiu o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro desde a súa inauguración no 2011 ata 2019. Tamén foi profesor-titor do centro asociado da Uned en Pontevedra. 
–Gonzalo Maceira Hermida: director da Escola de Artes Estudo Bonobo, onde se traballa por proxectos arredor de diversas disciplinas artísticas. Levou a dirección artística, produción e coordinación educativa do proxecto musical Furious Monkey House e do proxecto social Voces Ocultas, con adultos con diversidade funcional, en colaboración coas asociacions Amencer-Aspace, Xuntos Down e Amizade, entre outros. 
–María Covadonga Barreiro: doutora en Belas Artes pola UVigo, con Mención Internacional, e cun Mestrado en Dirección de Arte en Publicidade. É artista e profesora asociada no departamento de Escultura da UVigo. Desenvolve a súa docencia no Grao en Belas Artes e no Programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. Tamén é profesora auxiliar na Escola Superior Artística de Porto (Portugal), no Mestrado en Artes Visuais.