O Ganapán máis doce regresa esta fin de semana ao Mercado de Abastos con talleres de elaboración de muffins de aguacate e chocolate e natillas de plátano e un obradoiro

21

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, regresará a vindeira fin de semana ao Gastroespazo do Mercado de Abastos na súa versión máis doce. Así, os pequenos que participen nos obradoiros do Espazo Gastro o sábado 27 de novembro terán ocasión de preparar uns deliciosos muffins cunha receita única que combina chocolate con aguacate, mentres que os que asistan o domingo 28 de novembro poderán elaborar e saborear unhas natillas de plátano, unha sobremesa ideal para comer froita dun xeito diferente.


A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, sinala que “ademais de satisfacer o padal, a rapazada tamén tertá a posibilidade de dar renda solta á súa parte máis creativa e de educarse en valores a través do Espazo Crea”. “Na xornada do sábado 27 celebrarase un taller vencellado á conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que nenos e nenas deseñarán un crebacabezas con palabras máxicas como amor, respecto e igualdade, coas que lograremos acabar coa violencia de xénero”, subliña a edil do PSOE.


Para o domingo 28 está previsto un obradoiro de creación de pulseiras con botóns, unha bixutería ‘trendy’ moi fácil de realizar cuns poucos materiais.


Yoya Blanco indica que tódolos aqueles rapaces de entre 4 e 10 anos que queiran participar nesta nova fin de semana de O Ganapán deberán inscribirse previamente a través do correo oganapan@gmail.com até as 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades. “Haberá como de costume dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas. Que ninguén se olvide de traer a súa friameira para levar a casa eses doces tan suxestivos que van preparar”, recomenda a socialista.