Oito empresas presentan ofertas para executar o proxecto para ampliar a rede de campos de petanca de Pontevedra e nove aspiran a realizar a reforma integral do Parque Maruxa Mallo

155

O Concello de Pontevedra pechou esta mañá o prazo de presentación de propostas para executar os proxectos de ampliación da rede de campos de petanca do municipio e de reforma integral do Parque Maruxa Mallo, para os que remitiron as súas ofertas oito e nove empresas respectivamente. Segundo avanzou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o mércores da vindeira semana serán convocadas as mesas de apertura de plicas, nas que se procederá a abrir o sobre A, de documentación administrativa, criterios de adxudicación e xuízos de valoración (noutra xornada abrirase o sobre B, relativo ás ofertas económicas presentadas)”.


En concreto, os nomes das empresas que optan a realizar o proxecto impulsado polas concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible para dotar a rede de campos de petanca do municipio de nove novas pistas son: EC Casas, Constructora E Ingeniería Messi, Emdesfor 2002, Garocaprim, Narom SL, Naturgalia, Sodein Soluciones Integrales e Zona de Obra O Rosal. No que atinxe ao proxecto de reforma integral impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para executar un conxunto de actuacións de mellora paisaxística e da seguridade das zonas verdes e deportivas do Parque Maruxa Mallo, situado entre as rúas Diego Sarmiento Acuña, Virxinia Pereira e Pintora Maruxa Mallo, as nove firmas aspirantes serían: Cespa, EC Casas, Constructora E Ingeniería Messi, Ecogarden Galicia, Emdesfor 2002, Narom SL, Naturgalia, Sodein Soluciones Integrales e Zona de Obra O Rosal.


Tal e como lembra Tino Fernández, o Concello efectuará un investimento global de máis de 130.000 euros “en aumentar de xeito exponencial a rede de pistas de petanca de Pontevedra, que entre finais de ano e comezos de 2022 pasará das 17 actuais a 26 (incluíndo diversas melloras)”. “As novas pistas -subliña o edil do PSOE- estarán emprazadas no contorno da igrexa de Monte Porreiro (2), en Pontevedra Leste (na rúa dos Soutos, barrio da Parda), Mourente (Cons), Ponte Sampaio (A Ballota), Verducido (inmediacións da igrexa), Estribela (do lado do parque infantil de Marqués de Valterra) e Marcón (na zona do campo da festa)”.

A intervención que se porá en marcha no Parque Maruxa Mallo antes de que remate o ano suporá un investimento de case 70.000 euros e traducirase na optimización da seguranza no noiro existente a través da instalación dun valado de aceiro galvanizado e madeira, evitando caídas dos nen@s e adult@s que circulan polo contorno e xogan na cancha de fútbol, e na eliminación da contaminación acústica mediante o cambio do actual peche da devandita pista de fútbol por un pechamento anti sonoro ao longo de todo o perímetro (tamén se pintará a mesma e instalaranse novas porterías). En base á memoria valorada redactada polo enxeñeiro de Montes Diego Pereira, a formulación deste proxecto busca acadar unha mellora do valor paisaxístico deste espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega, que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada.


Segundo constata o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “o proxecto tamén procura o incremento da capacidade de acollida e confort do parque coa reforma dos bancos, dotándoos de respaldo, a colocación de papeleiras e a substitución da deteriorada fonte, e a súa conversión nun punto de socialización comunitaria, ao crear lugares de encontro e realización de actividades de lecer a través da instalación de zonas de estancia con mesas e bancos corridos de madeira no contorno da pista de fútbol”. Asemade, incorporaranse os novos criterios de deseño dos parques e xardíns para que se garantan unhas óptimas condicións sanitarias dentro da nova normalidade provocada pola pandemia da Covid-19.