Pontevedra entrará no Nadal o día 3 co acendido da iluminación das festas

54

A Ferraría volverá a acoller o Poboado de Nadal até o 5 de Xaneiro, e disporá dun punto de venda de árbores vivas na praza de Ourense que estará na fin de semana do 3 ao 5 de decembro.

Recupérase a recepción dos Reis Magos, nesta ocasión na praza de España, e a Cabalgata que sairá dende a rotonda da avenida de Lugo con Virxinia Pereira.

O vindeiro 3 de decembro Pontevedra entrará de cheo no Nadal co acendido da iluminación das festas. A concelleira de Festas, Carme da Silva, explicou esta mañá na presentación do programa de actividades que a Ferraría volverá a ser o centro neurálxico co Poboado de Nadal, pero o espírito das festas chegará a todos os barrios e parroquias do concello con espectáculos, obradoiros… E sempre seguindo as directrices que marque a autoridade sanitaria ao respecto da prevención da Covid.

O día 3 de decembro arranca o Tempo de Nadal en Pontevedra co acendido da iluminación de Nadal na praza de España a partir das 18.00 horas. Este acendido irá acompañado dun concerto da Banda de música de Pontevedra e un espectáculo itinerante de cabalos de luz polas rúas do centro da cidade.

Á mesma hora abrirase o Poboado de Nadal instalado na praza da Ferraría. Disporá dunha vintena de postos que irán cambiando ao longo das datas de Nadal para ofrecer variedades distintas de produtos durante o período festivo. O Poboado de Nadal estará aberto do 3 de decembro ao 5 de xaneiro.

Como novidade, a Praza de Ourense acollerá do 3 ao 5 de decembro un mercado de árbores vivas, unha decisión da Concellaría de Festas ante a demanda de persoas que cada vez solicitan unha árbore viva para decorar os seus fogares no Nadal. En colaboración coa Concellaría de Montes ofrécese a posibilidade de recoller as árbores ao final das festas para plantalas no monte comunal de Tomeza e darlle continuidade ás árbores de Nadal.

A partir do día 20 comeza unha intensa programación de rúa con actividades, espectáculos, obradoiros… por todas as rúas da cidade e con distintas propostas dende o concerto de Xeración sónica até a actuación do Mago Antón en Montero Ríos. Ademais, esta programación complétase con actividades en todos os centros culturais dos barrios e das parroquias do Concello.

A Concellaría de Festas recupera a Cabalgata de Reis na rúa. Explicou Carme da Silva que as súas Maxestades de Oriente farán varias modificacións na súa visita. A primeira a recepción será na praza de España e non no Pazo de Mugartegui como era tradicional. O propósito do cambio é facilitar as esperas e garantir as medidas de prevención da Covid.

Ademais, a Cabalgata arrancará da rotonda da avenida de Lugo con Virxinia Pereira, ampliando o percorrido e dando a posibilidade de que haxa máis espazo para gozar da visita dos Reis Magos.

https://www.pontevedra.gal/arquivos/Tempo-de-NADAL-folleto-2021.pdf