Bota a andar en Pontevedra a 14ª Culturgal como espazo de reencontro e dinamización do sector cultural galego

    7
    • A feira, que retoma a presencialidade tanto nos stands – que abrirán mañá sábado – como nas actividades que comezan esta tarde no Espazo Foro, empregará a Culturgal TV para chegar aos públicos da diáspora
    • Ao longo da fin de semana organizaranse máis de 100 actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profe-sionais
    • Nesta xornada do venres, dirixida especialmente a profesionais no Espazo Foro terá lugar a presentación do Informe do Sector Cultural do Concello de Pontevedra

    Nun acto inaugural institucional ao que asistiron – por orde de intervención – Victor López García, presidente da Culturgal, Carmela Silva Rego, Presidenta da Deputación de Pontevedra, Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo. Férnandez Lores, dábase por iniciada a actividade da Feira de Industrias Culturais Galegas, Culturgal que regresa ao formato presencial no 2021, aínda que atendendo a petición dos stands, a apertura destes terá lugar mañá e hoxe a programación estará concetrada no Espazo Foro onde ao longo da tarde, terán lugar entre outras, a presentación do Informe do Sector Cultural do Concello de Pontevedra

    Centraron as intervencións a intención manifesta das 3 administracións asistentes de seguir traballando xuntas a prol da cultura e os agradecementos ao esforzo da Asociación Culturgal e sacar adiante a pasada e actual edición, nunha situación complicada que fixo aínda máis necesaria a dinamización da cultura e a creación de espazos de encontro entre creadores, artistas e programadores e por poñer en valor dende hai anos a cultura galega dentro do País e fóra das súas fronteiras – cousa que lle valeu o recoñecemento do Ministerio de Cultura – e achegala aos públicos da diáspora.

    O Alcalde de Pontevedra afirmou que “Culturgal é o reflexo mesmo de Pontevedra. Hai unhas semanas presentamos o Informe da Cultura, que traemos esta tarde ao Culturgal e que permite revelar que é o 2º sector do noso municipio que máis emprego crea. É un orgullo estar hoxe aquí e unha sorte recuperar a esencia desta feira, que é punto de encontro de creadores, distruibidores e  consumidores.  Dende a cidade deixamos claro todos estes complicados meses que era posible sacar adiante unha programación cultural de calidade baixo o paraugas da seguridade, porque non hai pandemia que borrre a pegada que a cultura deixa nas nosas mentes”

    Lores pechou a súa intervención poñendo o foco no descenso do uso da lingua galega, especialmente por parte da xuventude e convidou ás institucións a “facer algo para frear este descenso pequeno pero sistemático. Non podemos estar tan felices ante esta situación”

    Ao remate das intervencións tivo lugar unha visita á Sala de Exposicións para presentar  aos artistas que estarán estes días dando a coñecer o seu traballo e ao recinto feiral onde se estaban a acondicionar o stands de cara a súa apertura mañá sábado e domingo de 11 a 21h.