Igualdade e o CIM abren o prazo para inscribirse no Obradoiro de Autodefensa para Mulleres organizado con gallo do 25N

15

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra xa teñen aberto o prazo para inscribirse no Obradoiro de Autodefensa para Mulleres ante situacións violentas, que se celebrará o sábado 11 de decembro na Sala Almofrei da Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2). O taller, que forma parte do programa de actividades conmemorativas e reivindicativas organizado con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, será impartido en dúas sesións, pola mañá e pola tarde, en horarios 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, polo especialista da Federación Galega de Loita (FGL) Manuel Herbón Arias, pertencente ao Corpo Nacional de Policía.


Segundo subliña a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o obradoiro está deseñado “como forma integral de empoderamento ante situacións de risco, achegándolles ás participantes un compendio de conciencia, confianza, seguridade e técnica”. Este taller, que conta coa colaboración da Federación Galega de Loita e da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), está destinado a mulleres a partir dos 16 anos (as menores precisarán dun permiso), que poderán inscribirse a través do número de teléfono do CIM (986 86 48 25) ou do enderezo electrónico igualdade@pontevedra.eu. O aforo máximo dependerá das normas sanitarias en vigor na data de realización da actividade.


Durante este curso intensivo, Manuel Herbón, que ten o título de instructor de Defensa Persoal Feminina, pretende achegar unha serie de pautas e ferramentas tanto preventivas como defensivas ante situacións de risco que se poden dar cada día. Aínda que a seguridade ao 100% nunca existe, o plan de formacion impartido neste Obradoiro de Autodefensa permitirá incrementar esta porcentaxe ao máximo posible, incluíndo unha parte preventiva, para reducir riscos con medidas de sentido común, e outra activa, ante posibles agresións.