O Observatorio Urbano sitúa a Pontevedra como a única grande urbe galega que aumentou o número de afiliados á Seguridade Social nesta pandemia

157
  • O informe elaborado polo Grupo de Investigación da Universidade de Vigo G4 Plus e difundido pola Concellería de Promoción Económica inclúe un anexo sobre o impacto da Covid-19
  • O traballo do grupo que dirixe o profesor Pedro Figueroa constata que a nosa cidade foi tamén a que rexistrou un menor impacto negativo na creación de sociedades mercantís

A Concellería de Promoción Económica e Turismo e o Grupo de Investigación da Universidade de Vigo G4 Plus, que encabeza o profesor e investigador Pedro Figueroa, veñen de publicar o informe do Observatorio Urbano de Pontevedra 2021, no que se recollen e divulgan os datos relativos a un conxunto de indicadores socioeconómicos esenciais para coñecer a evolución da nosa cidade e facilitar unha mellor toma de decisións aos axentes públicos e privados no desenvolvemento urbano. Ao elaborarse nun contexto de expansión do coronavirus, o Observatorio, cuxas 320 páxinas son o resultado do tratamento de 1.473.827 valores e recollen 21.347 datos repartidos en dous bloques estruturais, 20 ámbitos, 69 variables e uns 210 indicadores distintos, tamén inclúe un informe anexo que analizar o impacto que a Covid-19 tivo nas sete grandes cidades galegas durante o primeiro ano de pandemia (2019-2020) e que pon de manifesto os bos resultados das medidas adoptadas polo Goberno Local para contrarrestar os efectos desta crise sanitaria e económica.

Así, tal e como salienta a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “en base a este informe, Pontevedra é a segunda das sete grandes cidades de Galicia que rexistrou un menor impacto na evolución da porcentaxe de parados derivados da situación xerada pola Covid-19, pasando de 5.508 persoas desocupadas en decembro de 2019 (10,10% sobre a Poboación Potencialmente Activa) a 6.220 en decembro de 2020 (11,41% sobre a PPA), o que supón un incremento do 12,9%, situándose  unicamente por detrás de Vigo (que tivo un incremento do 11,7%) e a moita distancia de Ferrol (22,3%) ou Santiago (19,3%)”. No que atinxe á evolución do número de contratos, Pontevedra pasou de 37.026 en 2019 a 26.385 en 2020, o que supuxo un impacto negativo do 28,74%, situándose nunha posición intermedia entre as sete grandes cidades: Vigo con -21,71% rexistra o menor impacto e no extremo oposto atópase Santiago (-41,98%). Na nosa cidade, o maior impacto de xeito comparado co ano anterior rexistrouse nos meses de abril e maio, nos que o número de contratos asinados descendeu case un 70% respecto aos mesmos meses do ano anterior. 

Entre os datos máis salientables deste informe anexo, Yoya Blanco constata que “Pontevedra é a única grande cidade das sete de Galicia que tivo un incremento no número de afiliacións á Seguridade Social no ano 2020 con respecto ao 2019 (un 1,35% máis)”, situándose o resto das urbes en cifras negativas, acadándose en Vigo un -2,53% e en Santiago un -2,99%. “A pesar do impacto da Covid-19 -subliña a edil do PSOE-, Pontevedra mantívose practicamente tódolos meses do ano 2020 como a cidade con mellor evolución no número de afiliacións respecto aos mesmos meses do ano anterior”. 

Tamén no que se refire á creación de sociedades mercantís, sempre en base aos resultados do informe do Observatorio, Pontevedra é a grande cidade galega onde o impacto da Covid-19 foi menor, cun resultado negativo do 14,10%, pasando de 156 en 2019 a 134 en 2020, mentres que A Coruña ou Santiago se atopan no extremo oposto, con descensos entre o -29% e o -22%.

A única, ademais de Santiago, con saldo migratorio positivo

Tal e como apunta a concelleira de Promoción Económica, “en 2020 as grandes cidades galegas rexistraron saldos migratorios inferiores aos de 2019, sendo A Coruña a que presenta unha maior redución do saldo migratorio (-3.659) e Ferrol e Pontevedra as urbes que teñen menores diferencias neste período (-259 e -332, respectivamente). “A pesar destas diferencias entre 2019 e 2020 -asegura Yoya Blanco- Santiago e Pontevedra son as únicas cidades que en 2020 conservan saldos migratorios positivos (503 e 204 respectivamente)”. 

Segundo o equipo dirixido por Pedro Figueroa, Ferrol, Santiago e Pontevedra son as cidades nas que en menor medida caeu o saldo interno (diferenza entre a inmigración interna e a emigración interna, intraprovincial e co resto de Galicia), atopándose Vigo e A Coruña no canto oposto da moeda, con elevados descensos deste saldo. No que se refire ao saldo externo (diferenza entre a inmigración externa e a emigración externa, co resto de España e co estranxeiro), Pontevedra é a única cidade das sete grandes que incrementou este saldo en 2020 respecto as cifras de 2019. O resto de cidades rexistran saldos inferiores aos do ano anterior.

Se atendemos ao saldo vexetativo, Pontevedra é das sete a que menor impacto presenta entre o saldo de 2020 (-257) e o de (-243), cunha diferencia negativa de tan só 14 persoas en plena pandemia.

O estudo realizado polo Observatorio Urbano recolle ademais que Pontevedra é a segunda cidade con maior crecemento en transaccións de vivenda nova (7,6%), situándose só por detrás de Santiago (31,5%) e por diante de Lugo e Ferrol (6% e 4,5% respectivamente). 

Un dos maiores descensos nas infraccións penais

De entre os poucos datos optimistas que nos deixou esta pandemia do coronavirus, o Observatorio Urbano pon de manifesto que entre os anos 2019 e 2020 descenderon as infraccións penais nas sete grandes cidades galegas, especialmente en Santiago e Pontevedra (-18,7% e -18%), así como o índice de infraccións (-19,1% e -18,2%, respectivamente), é dicir, as infraccións penais por cada 1.000 habitantes. As mellores cifras foron as relativas aos roubos con forza en domicilios ou establecementos, que se reduciron un 49%, e as subtraccións de vehículos, que descenderon nun 47%.

Outro indicador a ter en conta é o que recolle o número de persoas beneficiarias das Axudas de Inclusión Social (AIS), que só aumentaron en 2020 con respecto ao ano anterior en Vigo e Lugo, víndose reducido no resto de cidades e sendo A Coruña e Pontevedra as urbes onde menos caeu. Un descenso que pode explicarse pola substitución desta axuda polo Ingreso Mínimo Vital.

O Chup reduciu nun 27,52% o número de intervencións cirúrxicas

O informe do impacto da Covid-19 do Observatorio Urbano tamén analiza a evolución da actividade asistencial no Centro Hospitalario Universitario de Pontevedra (Chup) a partir da Memoria de Actividade da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés. Segundo indica, durante o ano 2020, a actividade asistencial no Chup experimentou en xeral un descenso en tódalas variables consideradas con respecto aos valores do ano anterior. Mostra disto son os descensos do 17,76% en ingresos totais, do 27,52% en intervencións cirúrxicas totais ou 17,17% en consultas externas. A mesma situación acontece con outras actividades rexistradas no Chup, con descensos xeralizados en tódalas categorías e só con algúns incrementos puntuais, como acontece no caso da actividade de laboratorio/microbioloxía (+28,26%) ou os partos totais (+2,41%).

O número de consultas realizadas tamén descendeu notablemente nos diversos centros de saúde da Área Sanitaria en case tódalas categorías no ano 2020 respecto aos rexistros do ano anterior, cun -37,19% en consultas de fisioterapia ou un -31% en consultas en odontoloxía. Pola contra, incrementáronse as consultas con traballadores sociais (+59,40%) e as consultas farmacéuticas (+24,35%). 

“En 2020 -afirma Yoya Blanco- descenderon as altas en tódalas categorías salvo tres respecto ao ano anterior: recén nacidos, uso de drogas/patoloxías mentais e traumas múltiples. Porén, as estadías medias incrementáronse na maioría das categorías de hospitalización”.