O Concello achega a tecnoloxía LED ao 90 % do alumeado público no rural

52
Logos IDAE + fondos FEDER
A última Xunta de Goberno aprobou o inicio do expediente de contratación para a renovación das instalacións de luz en Alba, Campañó e Cerponzóns
A implantación desta tecnoloxía permite un aforro enerxético dun 75 % amais dun aforro económico de máis de 350 mil euros

O Concello de Pontevedra aprobou este luns, 29 de novembro, en Xunta de Goberno, o inicio do expediente de contratación para a renovación das instalacións de alumeado exterior nas parroquias de Alba, Campañó e Cerponzóns. Contará cun prazo de execución de seis meses e terá un importe de 1.203.795,91 euros.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quixo facer fincapé no importante investimento realizado ao longo dos últimos tempos por parte do Concello de Pontevedra á hora de renovar a iluminación LED nas parroquias de todo o municipio. «Podemos xa confirmar que levamos máis do 90 % do territorio coa luminaria exterixor renovada», explicou a portavoz. «Facémolo co convencemento de que é necesario adaptar a nosa rede a esta nova tecnoloxía por cuestións básicas. Dunha banda é unha tecnoloxía de alta calidade que permite dirixir a luz con máis precisión, aproveitar todos os recursos enerxéticos dos que dispoñemos e evitar, algo tan molesto, como é a luz intrusa nas vivendas».

«Dixemos que ía ser o mandato da excelencia do rural,e cremos que investimentos tan importantes coma este son boa mostra do conseguido até o momento. Contan con luminaria LED a contorna da Canicouva, Acevedo, Rañadoiro, Bora, Lourizán, Verducido, Santa María de Xeve e San André de Xeve, Marcón, Mourente, Cerponzóns, Campañó, Alba, Ponte Sampaio e as entradas da cidade», comentou Gulías. En total, o Concello xa instalou preto de 9.000 luminarias LED, o que supón un aforro de 3.168.565,49 KW o ano.  Isto tradúcese nun aforro enerxético dun 75 % e que deriva tamén nun aforro económico, algo realmente importante se se teñen en conta «os prezos da luz hoxe en día», tal e como sinalou a portavoz.

Máis de 350.000 euros é o aforro anual que permite este novo alumeado, logo dun investimento de algo máis de seis millóns de euros no rural pontevedrés, para «buscar calidade e compromiso contra o medio ambiente e que pode ser realizado desde calquera punto do planeta, desde as grandes cidades ás parroquias como Marcón ou Alba. Ese é o compromiso do Concello». Doutra banda, Gulías lembrou que a instalación desta tecnoloxía tamén supón vantaxes na renovación de cadros de luz, mais tamén permite unha redución nos custes de mantemento —duran moito máis—, o que deriva noutro aforro a maiores.

Co novo contrato, iniciado este luns o seu expediente, o Concello afirma que o 90 % do rural pontevedrés está cuberto con tecnoloxía LED e que se seguirá traballando até lograr a cifra do cen por cen, en puntos moi pequenos situados nas parroquias de Tomeza, Salcedo e Lérez. «Agardamos que neste mandato poidamos finalizar este cometido», finalizou a edil.