O proxecto de Desenvolvemento Sostible para crear un novo parque na pasarela de José Adrio suporá un investimento de medio millón de euros

88
  • O Concello aproba en Xunta de Goberno a remisión á Deputación da proposta do convenio que permitirá financiar o proxecto, asumindo a Administración provincial o 100% do custe
  • Iván Puentes explica que a actuación contempla a dotación dunha área de tránsito peonil cunha liña de árbores, un espazo para xogo libre e un xardín cunha fonte e unha zona de auga

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, asinou esta mañá a proposta do convenio de colaboración que o Concello pechará coa Deputación para abrir ao público e dotar dun novo parque a parcela de 5.500 metros cadrados existente na pasarela de José Adrio Barreiro, entre as rúas da Estrada e As Hortas (nas inmediacións de Santa Teresa de Jesús Jornet). A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe nunha sesión extraordinaria a remisión á Administración provincial deste informe-proposta, no que se establece que a Deputación asumirá ao 100% do financiamento desta ambiciosa actuación valorada en 499.998,86 euros.

Segundo explica Puentes, “unha vez que a institución provincial o aprobe na súa Xunta de Goberno, que agardamos que poida ser este venres, o Concello de Pontevedra estará xa en disposición de sacar o proxecto a contratación, previo paso por Xunta de Goberno e obtendo antes a pertinente autorización da Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), que xa está solicitada”. “Este plan -subliña o edil do PSOE- permitirá darlle continuidade á área recreativa existente na rúa José Adrio Barreiro, dotando a zona Leste da cidade dun amplísimo espazo verde en conexión co do parque Amalia Álvarez e o que se executará no parque da palmeira de Joaquín Costa”. 

A actuación deseñada para a pasarela sobre o tren dividirase basicamente en tres zonas de intervención lonxitudinais:

  1. A máis próxima á rúa, en chan de terra, que se converterá nunha zona mixta, verde e con pavimento, destinada esencialmente ao tránsito peonil. Tal e como avanza Iván Puentes, “levará unha liña de árbores para separar a calzada do espazo da pasarela e, en paralelo, cara dentro, beirarrúa para conectar a que agora mesmo vén de Eduardo Pondal coa que xa existe no lateral da outra parte da pasarela, permitindo así o tránsito de peóns por ese lado da rúa, cousa que agora mesmo resulta imposible”.
  2. A parte da cuberta do túnel, actualmente en formigón, que pasará a ser unha zona de estar tamén con pavimento mixto (verde e duro), na que se emprazará a meirande parte do mobiliario urbano e que está pensada para paseo e xogo libre.
  3. A zona situada entre a lousa do túnel e as medianeiras (fachadas traseiras) dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet, que se manterá ao 100% en terra e que será a principal área verde deste contorno, con arborado (a distancia dos inmobles), xardín, unha fonte e un espazo con auga. “Deste xeito -apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible- axudaremos a naturalizar un contorno tan urbano e duro como este”.

Iván Puentes salienta que o proxecto “permitirá acometer a conexión peonil con Santa Teresa de Jesús Jornet, eliminando o fondo de saco que é nestes momentos esa rúa e dándolle saída á nova pasarela e á rúa das Hortas (cara aos novos edificios dos Xulgados)”. Asemade, iluminarase de xeito potente todo o espazo, combinando luz área con luz ornamental no chan. “A intervención será fundamental para a naturalización dun contorno actualmente moi duro e para complementar o outro lado da pasarela sobre o tren, centrada en xogos infantís, fronte a esta, máis verde e pensada para o paseo e o descanso”, considera o concelleiro do PSOE.