Volve Etiqueta Negra. Volve a Feira do Gourmet Galego cun centenar de produtores, showcookings, degustacións e moitas delicatessen galegas

32
  • Tras o parón obrigado pola Covid, a feira do gourmet galego volve os días 10, 11 e 12 de decembro con más ganas que nunca e contará coa presenza dun centenar de produtores
  • Degustacións, cociña en vivo, catas comentadas, presentacións de produtos e outras moitas actividades sucederanse durante os tres días de feira

Tras o parón obrigado pola Covid o pasado ano, a cidade de Pontevedra volverá a converterse no epicentro do gourmet galego coa celebración da feira profesional Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora que este ano celebra a súa quinta edición. Profesionais, produtores e consumidores daranse cita o venres 10, o sábado 11 e o domingo 12 de decembro no Recinto Feiral da cidade do Lérez co obxectivo de coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais, difundir a excelencia dos nosos produtos e saborear Galicia.

Impulsada pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco, Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como consumidores que valoran o que comen. O evento foi presentado esta mañá no Gastroespazo do Mercado de Abastos nun acto que estivo protagonizado pola propia Blanco; o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada provincial Ana Laura Iglesias, e o Trade Marketing manager para Galicia de Estrella Galicia, Pedro Pasteur, ao que tamén asistiron o concelleiro Xaquín Moreda; a vicedirectora do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, Pilar Tallón; o Estrella Michelin Iñaki Bretal, chef do restaurante O Eirado da Leña, e Miguel Ángel Becerra, de Estrella Galicia.

No transcurso deste acto, que se pechou cun Almorzo Etiqueta Negra servido polo barista e expositor Gonzalo Rodríguez Acuña, do Club del Café, que preparou en vivo uns cafés que se serviron acompañados de produtos doutros expositores (Via Nai, Natural Snack Lab, Xacobleas e Alcrique), Yoya Blanco, que fixo de mestra de cerimonias, salientou que “este ano teremos como novidade unha cafetería con estrela, porque dela vaise encargar Iñaki Bretal” e agradeceu o traballo desenvolvido polas empresas organizadoras para facer de novo realidade esta Feira do Gourmet Galego. 

O alcalde de Pontevedra asegurou que esta quinta edición de Etiqueta Negra volve “con forza”, contribuíndo a situar á nosa cidade “tamén como referente gastronómico, con Estrellas Michelin, con cociñeiros e cociñeiras do Grupo Nove e cunha calidade de produtos extraordinaria e aos que se lles está dando unha voltiña con iso que se chama innovación e a través de showcookings”. Na súa opinión, “temos que ir mudando o esquema mental, xa que non somos moitas veces conscientes do potencial que ten este país”. “Podemos discutir e pelexar con quen queiramos -sinalou Miguel Anxo Fernández Lores- e seguiremos gañando en capacidade de traballo, produto primario e innovación”.

A deputada Ana Laura Iglesias destacou “a aposta por Pontevedra como capital gastronómica de toda España”, porque, ao seu xeito de entender, “en ningún outro lugar se come e se bebe tan ben como nas Rías Baixas”. “Os produtos galegos son sinónimo de calidade, tradición e autenticidade -afirmou- e diso son unha boa mostras as nosas Estrellas Michelin e Soles Repsol. Somos a segunda comunidade con máis Estrellas Michelin do Estado e iso nos ten que encher de orgullo e ledicia, e se non fora polo produto galego estas Estrellas non poderían terse acadado… Etiqueta Negra busca poñer en valor e consolidar a imaxe dos sector da alimentación gourmet ante un público cada vez máis especializado e esixente, que se informa para coñecer o que está a consumir e ao que lle gusta experimentar sabores e texturas novas”.

Pedro Pasteur expresou a ledicia de Estrella Galicia “por poder colaborar nunha iniciativa como esta, que é xa un referente en toda Galicia e que sen dúbida axuda a poñer en valor a gastronomía de calidade da nosa terra, da que facemos bandeira aló por onde imos”.

Espazo feiral

A feira volverá a contar coa presenza de máis dun centenar de produtores, escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, vermús, cervexas e outras bebidas sorprendentes como o hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, carnes, caracois, embutidos, conservas, setas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un sen fin de delicias que farán gozar ao padal.

Moitos destes produtos poderán degustarse tanto na Zona de Catas como na Viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada cada trinta minutos. Xunto coa Tetería da Deputación de Pontevedra que volverá para dar a coñecer o té galego, feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas (20 persoas para as catas).

Cafetaría con estrela

O Anfiteatro contará cada tarde cunha sesión maxistral de cociña en directo protagonizadas por recoñecidos chefs galegos. Iñaki Bretal, o primeiro estrela Michelín da cidade, será un dos protagonistas destacados. Así, na tarde do sábado 11 fará unha viaxe polos pratos que compoñen o menú degustación do seu seu restaurante O Eirado da Leña. Ademais deste showcooking, dirixirá a cafetaría de Etiqueta Negra, onde ofrecerá diferentes propostas culinarias para desfrutar do seu savoir faire.

Ademais, os centros de formación de hostalería volverán a estar presentes, un ano máis, nesta nova edición. Deste xeito, o CIFP Carlos Oroza e o Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés desenvolverán o venres pola mañá cadanseu showcooking con degustación das diferentes creacións elaboradas in situ para 100 persoas.

Estrella Galicia, patrocinador principal da feira, desenvolverá o venres catro catas comentadas, sobre as cervexas, a sidra Maeloc, o vermú Rivera –elaborado con lúpulo cascade cultivado en Galicia–, e o viño Ponte da Boga. Na sesión da tarde realizará no Anfiteatro un espectáculo de cociña con degustación e maridaxe das cervexas 1906.

Punto de Encontro Profesional

Etiqueta Negra será unha gran plataforma de negocio para as empresas do sector. Ao longo das tres xornadas desenvolveranse no Punto de Encontro Profesional e nos propios stands numerosas reunións dos expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. 

Etiqueta Negra conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá, como auga oficial, Deputación de Pontevedra, Eroski, Gadis, e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, colaboran nesta quinta edición Froiz, CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Efímera Espacios Temporais e Labauh Factory.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o venres e o sábado de 11.00 a 21.00 h e o domingo, ata as 20.00 h. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.