Yoya Blanco entrega os diplomas acreditativos aos 15 alumnos que completaron o terceiro curso gratuíto de Operador de Carretillas Elevadoras impartido en colaboración con Ara Formación

242

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu esta mañá nas instalacións de Ara Formación o acto de entrega de diplomas acreditativos aos 15 alumnos que veñen de completar o terceiro curso gratuíto de Operador de Carretillas Elevadoras impartido en colaboración co centro que dirixe Paco Rial. Coa finalización deste curso, que se desenvolveu ao longo de 16 horas cunha parte teórica entre os días 22 e 25 de novembro (10 horas) e outra práctica o sábado 27 (6 horas), xa son 47 as persoas que grazas a esta iniciativa obtiveron en 2021 a cualificación necesaria para traballar neste eido.


Non obstante, tal e como lembrou Yoya Blanco, “esta frutífera colaboración con Ara Formación permitiu favorecer as ferramentas e posibilidades de colocación laboral duns 80 pontevedreses en ámbitos nos que existe unha elevada demanda de persoal capacitado”, xa que “á marxe dos alumnos que superaron os cursos de Operador de Carretillas Elevadoras, celebráronse outros de Limpeza de Aloxamentos Turísticos (Camareiro/a de Pisos) e de Limpeza Hospitalaria, que completaron 17 e 16 alumnos, respectivamente, coa incorporación case inmediata ao mercado laboral de varios deles”.

Ao longo da formación, os alumnos que hoxe recibiron o seu diploma de mans da concelleira do PSOE abordaron aspectos teóricos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis…); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de producirse situacións de risco, retención do operador… No que atinxe á parte práctica, os alumnos poderán reproducir manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en ramplas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (contidos axustados aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 kg).