O Concello prepara dúas xornadas de portas abertas para que a cidade coñeza os xardíns de Santa Clara

824
Amais destas xornadas de apertura libre, que serán o 18 e o 19 de decembro, xa están contempladas varias visitas de corte institucional e sectorial
O interior do convento poderá ser coñecido a través dunha serie de visitas guiadas regulares que serán de balde e precisarán de inscrición previa a través da web oficial de Sta. Clara

Un día despois da sinatura que oficializa a compra do convento de Santa Clara e os terreos e que ambos os dous elementos pasen a ser de dominio municipal, o Concello de Pontevedra anunciou xa os primeiros pasos para poder achegar este novo espazo á veciñanza, que durante 750 anos viviu allea ao seu interior.

O concelleiro de Patrimonio Histórico volveu comparecer perante os medios de comunicación para informar da programación dunha serie de visitas, de diversos tipos, que se realizarán ao longo dos vindeiros meses. Porén, o edil tamén fixo fincapé na creación dunha marca de seu para Santa Clara, que quedará ligada a este novo espazo e que representará a nivel público o interese que este posúe. Polo momento, onde máis recoñecíbel é, é nas redes sociais, que conta con tres perfís dixitais tamén propios 
—Twitter, Instagram e Facebook— onde se divulga información sobre o lugar e as diferentes accións que vaian ser realizadas neste.

Alén destas tres contas institucionais, tamén é posíbel consultar a web oficial de Santa Clara, que conta con numerosa información divulgativa sobre o convento e os xardíns, amais de fotografías de alta calidade, listas de Spotify e mesmo mapas interactivos. 

No referente as visitas, está confirmada unha visita guiada este venres, 3 de decembro, para a corporación municipal co obxectivo de coñecer de primeira man o estado do convento. Tamén está prevista unha para as autoridades da idade, outra para Deputación e Museo de Pontevedra, xunto con outras incursións guiadas de carácter sectorial —arquitectos da cidade, historiadores, aparelladores, asociacións…—. Ningunha delas ten unha data pechada aínda, mais pronto serán fixadas.

Sexa como for, a veciñanza de Pontevedra si ten dúas datas no calendario xa marcadas, o 18 e o 19 de decembro, que será o día na que se realicen as xornadas de portas abertas para coñecer os xardíns deste novo patrimonio municipal. Serán dúas xornadas con horario de 10 a 18 horas, con entrada libre, e permitirán a entrada a todos os veciños e visitantes que queiran entrar no recinto amurallado e descubrir pola súa conta ese espazo verde que se erixe entre altos muros de pedra no centro da cidade. 

O interior do convento tamén poderá ser visitado pola veciñanza pronto, pero por mor do seu estado actual, só será posible a través de visitadas guiadas acoutadas, que precisarán dunha inscrición previa —a través da páxina web oficial—. Serán tamén gratuítas e, en principio, acontecerán nas fins de semana e serán moi semellantes ás visitas realizadas no ciclo da ‘Semana do Patrimonio Invisible’, realizado polo departamento de Patrimonio Histórico, e que invitaba a entrar en espazos singulares e ocultos da vila. O seu comezo está previsto ao remate das festas do Nadal. 

Doutra banda, o concelleiro tamén confirmou que se fará unha «posta a punto do xardín», que está «non abandonado, pero si que habería que poñelo un pouco curioso de cara a chegada destas visitas que comentamos», sinalou Moreda. «Estamos tamén facendo un traballo de planimetría que xa estaba contratado, ante a necesidade de saber as superficies reais da parcela e do construído, para facer unha diagnose de que dispoñíamos realmente».

Entre os traballos previstos esta a sega de toda a herba alta, a recollida da froita que se ubica por todo o terreo con árbores de froita, e o acondicionamento xeral do espazo, como a cuberta dos pozos e a retirada de material roto ou inútil. Moreda sinalou que esta actuación contará cun orzamento próximo aos 14.000 euros.