- O programa Ponte ao Choio! busca que os participantes teñan un papel activo na busca de emprego e dotalos de ferramentas que optimicen as súas posibilidades de inserción laboral
- A iniciativa desenvolverase durante os días 17 e 18 de decembro na Casa das Campás e contará cun ‘dream team’ de expertos en RRHH, formación, fotografía e viodecurrículo
Lograr que as persoas participantes adquiran un papel activo no seu proceso de procura de emprego e proporcionarlles a formación, adestramento e imaxe persoal que melloren as súas posibilidades de inserción laboral son os principais obxectivos do proxecto ‘Ponte ao Choio! Desenvolvendo o teu futuro’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración cun equipo de profesionais de diferentes ámbitos que lles axudarán a optimizar a súa imaxe e ‘venderse’ mellor. Así, as accións que se levarán a cabo no marco deste programa de asesoramento integral permitirán dotar aos asistentes das ferramentas necesarias para crear un CV único e orixinal, axustado á súa profesión ou obxectivo profesional e ofrecerlles material gráfico de calidade (fotografía e videocurrículo) que poidan utilizar en función das súas necesidades, xa sexa online ou offline.
Esta iniciativa de mellora da empregabilidade desenvolverase na Casa da Luz en dúas xornadas consecutivas, o venres 17 e o sábado 18 de decembro, e tal e como subliñou esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, durante o acto de presentación da mesma, “contará cun auténtico ‘dream team’ de profesionais: Noela Quintana, consultora en RRHH e formadora; Beatriz Císcar, fotógrafa profesional, e Damián Pazos, da firma Pixelecer Audiovisual e experto na confección de videocurrículos”. “Dentro do Circuíto Curricular que organizamos -explicou a edil socialista, que estivo acompañada por Quintana e Císcar- poderemos atopar precisamente tres áreas de intervención diferenciadas: obradoiros de mellora da empregabilidade, fotografía profesional e videocurrículo. Estes tres prismas permitirán ás persoas asesoradas customizar cada detalle da súa procura de emprego, en concordancia coa súa personalidade e aspiracións laborais”.
Baixo os títulos ‘Que di o teu CV de ti?’ e ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’, os obradoiros/charlas de mellora da empregabilidade celebraranse ámbolos días en horario de 18:00 a 20:00 horas. No primeiro, as persoas participantes aprenderán técnicas para elaborar un bo CV, coa finalidade de transmitir de forma axeitada o seu perfil profesional nos procesos de selección nos que participen. Estes tallares organizaranse de dous xeitos: en sesións individuais ou reunións ‘one to one’ de 25 minutos (con reserva previa) nas que os participantes terán unha sesión coa orientadora, centrada en analizar o seu CV e establecer melloras personalizadas en función da súa experiencia profesional, habilidades, competencias; e nunha sesión grupal con enfoque práctico e participación activa, na que a orientadora exporá aos asistentes pautas, ideas, consellos, recomendacións e boas prácticas de formato e contido para a correcta redacción e estruturación do CV e/ou carta de motivación (que información incluír, erros típicos, uso de plantillas…), así como ferramentas innovadoras para a promoción persoal (CV 2.0 ou CV dixital, videoCV ou perfil profesional na rede).
No obradoiro/charla sobre ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’, as persoas que participen poderán aprender técnicas de preparación dunha entrevista de traballo para acadar o éxito, expoñéndoselles a estrutura xeral dunha entrevista, tipoloxía, probas psicotécnicas e dinámicas de grupo, preguntas frecuentes, que facer antes e despois da entrevista e consellos para o seu desenvolvemento. O enfoque desta sesión será práctico, levándose a cabo exercicios de ‘role playing’ e simulacións de entrevistas entre os participantes.
A nosa mellor imaxe: fotografía profesional e videocurrículo
O Circuíto Curricular deseñado neste Ponte ao Choio!, que funcionará en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas, tamén disporá dun apartado de fotografía profesional, no que Beatriz Císcar realizará fotografías en alta calidade axeitadas á tipoloxía de perfil de cada persoa, xa sexa para CV ou para redes sociais vinculadas á procura de emprego. Con este tipo de fotografía búscase transmitir a personalidade e reflectir os valores, actitude e presenza das persoas participantes. Para conseguilo, crearase un contorno de creatividade, utilizando diferentes fondos (branco e madeira) e fomentando a interacción coa persoa a retratar, creando un ambiente distendido e adecuado para sacar o mellor de cada unha delas. “O CV -sinalou Yoya Blanco- é o noso primeiro contacto con posibles empregadores, polo que unha imaxe limpa, clara e axustada ás nosos obxectivos é clave para ter éxito”.
No que atinxe á terceira pata deste asesoramento integral, a da creación do noso propio videocurrículo, os asistentes aprenderán a elaboralos de dous tipos:
- Videocurrículo express: un vídeo máis rápido e sinxelo, para a xente que non pode contar demasiado no currículo e non necesita adornalo innecesariamente.
- Videocurrículo estándar, que ademais de ter os puntos clave do videocurrículo express, profundiza na experiencia e naquelo que poda contar o suxeito se o require.
En opinión de Yoya Blanco, “para a cidadanía resulta fundamental saber como afrontar unha entrevista de traballo”, posto que “non todo o mundo sabe como facelo ou como elaborar un currículo e a todos nos dá moito medo esa primeira experiencia cunha entrevista laboral”. “Mesmo á hora de escoller unha fotografía para o CV -apuntou a socialista- moitos de nós poñemos a primeira fotografía que atopamos e é moi importante saber expresar a nosa personalidade a través das fotos á hora de atopar un traballo… Imos achegar estas ferramentas a todas aquelas persoas que estean interesadas”.
“Moitas veces me pregunto como alguén puido escoller esa foto”
Noela Quintana explicou que Ponte ao Choio! nace da “necesidade” detectada nos diferentes ámbitos profesionais polos tres impulsores do proxecto: “Cando fago selección de persoal, vexo que os currículos non están adaptados ás características e competencias dos candidatos… Trátase de coller as carencias que teñen eses CV para darlles unha volta e achegar a nosa experiencia nas diferentes áreas”. “Como comentaba Yoya -indicou a consultora de RRHH-, unha fotografía poder ser moi importante. Non vos podedes imaxinar cantas veces, en todos estes anos traballando en recursos humanos, a de veces que vin currículos e me preguntei como alguén podía poñer esa fotografía”.
Quintana considera que “hai que aproveitar que estamos a final de ano para deixar todo preparado en decembro e poñernos con forza e ilusión en Xaneiro a buscar eses traballos”.
Todos aqueles que estean interesados en obter máis información sobre Ponte ao Choio! ou inscribirse neste Circuíto Curricular disporán da dirección de correo electrónico ponteaochoio@gmail.com (tamén se habilitará un enlace de Google Phone onde poderá escollerse o horario e reservar cita).