Santa Clara recibe a súa primeira visita como patrimonio público

83
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que hoxe Pontevedra «cumpría un soño» coa «incorporación urbana máis importante realizada nos séculos XX e XXI»
Nos vindeiros días, o Concello informará do programa de accións e actuacións previsto para o espazo

Santa Clara, alén de formar parte da cidade de Pontevedra, xa é da cidade de Pontevedra. A sinatura acontecida esta mañá deu paso á primeira visita como patrimonio público realizada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda; a portavoz do Goberno, Anabel Gulías; e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.

Os membros do Goberno municipal entraron no edificio até agora posesión da orde das Clarisas acompañados dun par de ducias de xornalistas, que fixeron de cronistas neste primeiro paso de carácter público, co obxectivo de amosarlle a toda a cidade de Pontevedra o que os seus muros gardaron até o día de hoxe, sendo este un dos espazos que menos transformacións recibiu ao longo dos seus 750 anos de historia, permanecendo case inalterable ao paso do tempo, namentres a Boa Vila mudaba e evolucionaba.

Agora, os seus segredos, recunchos e posibilidades pasarán a formar parte da cidade. Nese sentido, o Concello de Pontevedra xa está a traballar nun programa de actuacións e accións a realizar neste espazo, e que será desvelado nos vindeiros días. Polo momento, na porta de entrada, xa figura unha placa que conmemora e sinala o día da sinatura. 

«Nun día chuvioso coma hoxe, e tendo en conta a tradición de Santa Clara coa choiva, pregunteille durante a sinatura a abadesa, que podería significar que estivese chovendo un día como hoxe que incorporamos ao patrimonio municipal Santa Clara. Díxome que claramente era que ‘Santa Clara estaba chorando’ de mágoa, por deixar o convento que ocuparon durante tantos anos», comezou o alcalde a súa intervención. «Nós tamén choramos, mais choramos de emoción. Non son capaz de transmitir a importancia que ten este feito de incorporación logo de 750 anos da súa construción nas aforas da cidade».

Miguel Anxo Fernández Lores recoñeceu que hoxe toda Pontevedra «cumpría un soño», ao poder incorporar este convento ao patrimonio público. «Fixemos realidade ese soño». O convento, que forma parte da historia propia da cidade, estivo aquí dun xeito «discreto», e cando nace nin existían espazos hoxe tan emblemáticos como Santa María ou a Peregrina. Viu caer os muros da cidade e viu pasar a época de esplendor e a a súa época de decadencia. E hoxe comeza un novo capítulo, logo de ser pechada «a operación urbana máis importante dos séculos XX e XXI» e que teríamos que viaxar até o século XIX para achar unha incorporación semellante ao patrimonio da cidade, como foi a operación de incorporación e construción da Alameda e as Palmeiras deseñado por Sesmeros.

O alcalde tamén quixo agradecer á congregación relixiosa a súa dispoñibilidade á hora de chegar ao acordo hoxe e para que o convento teña hoxe un uso público. O rexedor, finalizou a súa intervención lembrando que o Concello «fará todo o posíbel para facilitar que todos os pontevedreses e pontevedresas poidan coñecer en profundidade esta xoia da que eu non podo sinalar máis que a miña satisfacción por ter conseguido a súa incorporación».

A continuación da súa intervención, alcalde e concelleiros percorreron as diferentes estancias do convento, como as celas, as salas de traballo, a cociña ou a enfermaría. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, fixo de guía aos presentes, comentando diferentes aspectos do edificio e os seus corredores e habitacións, amais de elementos tan rechamantes como o órgano, situado no coro alto. Tamén comprobaron o estado dos xardíns e do chamado ‘bosque’, que conta con castiñeiros e maceiras.