A rehabilitación auditiva, a escola inclusiva e os puntos en común entre xordeira e autismo centran o programa da V Xornada Xuntos Avanzamos

449
  • Co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o congreso de Diversidade Sensorial terá lugar o vindeiro sábado 11 de decembro no Pazo da Cultura, con entrada de balde
  • O evento contará cun espectáculo de humor sobre ‘A vida en parella’ a cargo do matrimonio de actores xordos The Maloes Show e a entrega do II Premio Xuntos Avanzamos a Andrés Caamaño

Co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro), Pontevedra volverá reivindicarse como capital galega da diversidade sensorial ao acoller a V Xornada Xuntos Avanzamos, impulsada pola organización Xoga en colaboración coa Concellería de Benestar Social, a Deputación Provincial. O evento celebrarase no Salón de Actos do Pazo da Cultura o vindeiro sábado 11 de decembro pola mañá, será presencial e accesible e terá entrada de balde, ata completar aforo, previa inscrición ata a medianoite do venres día 10 de decembro. 

O programa da Xornada de Diversidade Sensorial, que dará comezo ás 9:10 horas co acto oficial de apertura das autoridades, contará con destacados relatores de diferentes ámbitos socio sanitarios. A primeira charla iniciarase ás 9:30 horas, centrarase na ‘Rehabilitación Auditiva Pre e Post Adaptación’ (sobre as terapias necesarias antes e despois da colocación dun audífono, implante ou prótese) e estará protagonizada por Marlene Rodríguez Ferreiro, diplomada en Logopedia (UDC), técnica superior en Audiopróteses (CIFP Ánxel Casal) e experta en Audioloxía (USAL). Ás 10:30 horas terá lugar unha mesa redonda titulada ‘Escola Inclusiva para todos’, na que se abordará o caso da Escola Infantil Abelliñas e na que participarán a súa directora, Cristina García, a psicopedagoga Cristina Rubío e a educadora infantil Natalia Souto.

Tras un descanso, en torno ás 11:40 horas comenzará un novo relatorio centrado en ‘Xordeira e autismo. Puntos en común’, a cargo da psicóloga educativa Cristina Pereira Romero.

Tal e como explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “ao igual que na súa edición anterior, na que houbo un pequeno concerto, ademais de acoller interesantísimas conferencias, este congreso autonómico da diversidade sensorial tamén deixará un espazo para o espectáculo, neste caso humorístico: The Maloes Show, unha parella de actores xordos, interpretará situacións cotiás en parella no seu espectáculo ‘A vida en parella, o matrimonio’, co que sen dúbida imos botar unhas boas risadas (previsto para as 12:30 horas)”. “Este matrimonio, cos seus fillos, é moi recoñecido no campo do humor a través da plataforma Youtube. Debido á pandemia, o humor vía redes sociais e outras canles fíxonos rir -asegura o edil socialista- e precisamos rir para seguir vivindo. O espectáculo, tremendamente gracioso, será obviamente en lingua de signos, pero mesmo os oíntes que non a coñezan van entendelo todo moi ben”.

Recoñecer o labor de Andrés Caamaño a prol da lingua de signos

A presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, subliña que “este ano teremos o orgullo e honra de entregar o II Premio Xuntos Avanzamos, co que poremos en valor o inxente labor de Andrés Caamaño Hermida, unha persoa xorda que estivo toda a súa vida nos diferentes movementos asociativos e institucións, apoiando e conservando a lingua de signos galega”. O acto de entrega do galardón, baixo o título ‘Identidade da diversidade sensorial’, celebrarase ás 13:30 horas e servirá pechar o programa desta V edición, antes do xa tradicional xantar.

Segundo destaca Monterde “estas xornadas contan cada ano cunha maior implicación de diferentes entidades, profesionais (mestres, otorrinos, logopedas…), empresas e asociacións que traballan a prol da diversidade sensorial”. “Como ben di o nome, o evento chámase Xuntos Avanzamos, porque sen ese traballo conxunto de tódalas partes da sociedade non poderiamos avanzar. Paseniño, paseniño, conseguimos moitas cousas, pero como movemento asociativo aínda nos falta moito por lograr para acadar unha equidade e unha inclusión real e efectiva”, afirma.

O tenente de alcalde e concelleiro de Saúde, Tino Fernández sinala que as instalacións do Pazo da Cultura “contarán cun bucle magnético para que o poidan empregar as persoas con perda auditiva e que usan próteses, e tamén haberá intérpretes e mediadores comunicativos a disposición das persoas xordocegas e que empregan a lingua de signos”. O edil do PSOE salienta “o peso que ano a ano está acadando este evento, no que agardamos que, pese ás restricións da Covid-19, se supere o centenar de asistentes”. “Da man de Xoga e da Deputación Provincial, queremos lograr que Pontevedra se converta tamén en referente como capital da integración e a diversidade sensorial, asegura Fernández.

Pola súa banda, a deputada de Cohesión Social, Olga García Ballesteros, destaca que tanto a Deputación de Pontevedra como Xoga “temos o obxectivo compartido de construír unha provincia máis cohesionada, na que todas as nosas veciñas e veciños, sen ningún tipo de discriminación, teñan unha mellor calidade de vida e benestar”. Neste eido, a deputada provincial fai fincapé no “firme compromiso” da institución provincial con Xoga, “coa que levamos colaborando xa dende fai máis de seis anos” e adianta que “seguiremos impulsando, cóbado con cóbado e da man, proxectos tan marabillosos, humanos e xustos como este, que son exemplo do mellor da sociedade”.