Iván Puentes destina 60.000 euros ao plan para remodelar o parque de Amalia Álvarez e dotalo dunha área de xogos de 284 metros cadrados

117
  • O proxecto de reforma paisaxística impulsado por Desenvolvemento Sostible deixa aberta á creatividade e deseño dos licitadores a proposta concreta para os distintos elementos de xogo
  • A intervención contempla a colocación de oito metros de banco corrido dentro do parque infantil, dotando de respaldo aos xa existentes. Instalarase un punto de recarga con enchufe e USB

Tras remitir á Deputación Provincial o convenio que permitirá executar a remodelación da pasarela da rúa José Adrio, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, está agora a piques de sacar a contratación outro proxecto esencial para incrementar a calidade urbanística desta parte da cidade e ampliar e optimizar o uso das súas zonas verdes e de lecer: o plan de reforma paisaxística do concorrido parque de Amalia Álvarez. A intervención deseñada polo enxeñeiro de Montes Diego Pereira (da firma Acroa) e mailo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, á que se destina unha achega económica de 59.875,14 euros, contempla a creación dunha área de xogos infantís de 284 metros cadrados para rapaces de 4 a 10 anos na zona sur do parque, así como a mellora da xardinería e a plantación de especies arbustivas e tapizantes.

Tal e como indica Iván Puentes, “o plan de reforma de Amalia Álvarez entra de cheo en fase de contratación e só lle resta que a Xunta de Goberno Local lle dea o seu visto e prace para poder licitarse”. “Trátase dun proxecto/guía básico que define as características técnicas que rexerán a contratación dos novos equipamentos de lecer para nenos e nenas. Así, no documento formúlanse uns elementos tipo de xogo cun prezo estipulado, deixándose aberta ao deseño e creatividade dos licitadores a proposta concreta dos mesmos, sempre dentro duns requirimentos mínimos e do cumprimento das normativas de seguridade”, explica o edil do PSOE.

No prego de prescricións técnicas tamén se definen, ademais dos xogos, o tipo de pavimento amortecedor, o peche do perímetro do parque infantil e unha zona de descanso para os acompañantes xerada mediante a creación dun banco corrido de oito metros ancorado no muro que delimita o terreo polo norte. A nova área de lecer infantil estará pechada en todo o seu perímetro e será obrigado que haxa: cando menos un elemento de xogo conte con criterios de accesibilidade universal (debendo ser este un elemento dinámico ou do tipo carrusel, que xere movemento ao introducirse no seu interior); cando menos un bambán cunha cadeira tipo cueiro e outra plana; un xogo combinado con alomenos tobogán, rede de escalada, plataforma e escada; un elemento composto mediante combinación con casiñas de xogo, e a subministración e instalación dun xogo tipo resorte con capacidade para dúas persoas.

Tódolos elementos de xogo adaptaranse e cumprirán co disposto no Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís, e especialmente no que se refire aos capítulos III e IV do devandito Decreto e ás normas UNE-EN 1176.

Aumentar a capacidade de acollida e confort do parque

Segundo apunta Iván Puentes, entre o proxecto permitirá “mellorar o valor paisaxístico deste espazo mediante a dotación dunha óptima composición a nivel de xardinería e de instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada; xerar ámbitos de socialización comunitaria, ao crear lugares de encontro e realización de actividades lúdicas a través da instalación dunha zona de estancia cun banco corrido de madeira dentro do parque de xogos, e incrementar a capacidade de acollida e confort coa reforma dos bancos existentes, dotándoos a todos de respaldo”.

Dende un punto de vista paisaxístico e de confort, apréciase a necesidade de incorporar árbores que envolvan o novo parque, propoñéndose neste proxecto a plantación de especies arbóreas do tipo do bidueiro branco (betula alba) e buscándose tamén un cromatismo agradable. A incorporación dun estrato arbustivo e tapizante neste parque é imperativa para mellorar o actual estado que presenta este espazo, en particular a zona do noiro, para o que se formula unha composición con diversas especies arbustivas e vivaces que garantan unha alta calidade paisaxística ao longo das distintas estacións do ano. 

Asemade, proxéctase a mellora do sistema de rego existente mediante o soterrado de tubarías e o acondicionamento con sistema de rega por goteo, aspersión e difusión entre estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central. 

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible precisa que “entre as melloras contempladas no plan de actuación inclúense unha ampliación da superficie de malla antiherbas, arborado e plantas vivaces e a subministración e instalación dun punto de recarga cun mínimo de dous conectores USB de 2,1A e 5V e un enchufe (toma schuko), soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación ‘recargando’”. “O prazo de execución previsto é dun mes e medio desde o inicio das obras, polo que agardamos que esta remodelación integral sexa realidade para o uso e desfrute de tódolos veciños a principios de 2022”, avanza Iván Puentes.

O edil socialista subliña que “o parque de Amalia Álvarez atópase nunha das máis importantes bolsas de solo urbano no centro de Pontevedra e cómpre dotalo dun equipamento público dedicado aos máis cativos e axeitado ás novas demandas futuras do barrio”. “Está previsto que nos vindeiros anos haxa un aumento significativo de edificios residenciais na contorna do parque -engade o concelleiro- e faise necesaria a consolidación e mellora do parque para que a rapazada poida ter un espazo de lecer ao aire libre e veciños de tódalas idades conten con áreas específicas de estancia”.