Aprobada a estrutura de custes do novo contrato do lixo que permitirá licitar o servizo

21

Este trámite é o paso previo á contratación do servizo, unha tramitación que poderá poñerse en marcha nas vindeiras semanas.

O Concello de Pontevedra aprobou esta mañá a estrutura de custes do novo servizo de recollida de residuos urbanos e limpeza viaria, é dicir, do novo contrato do lixo. Trátase dun trámite necesario para poder iniciar o proceso de licitación do novo contrato que o departamento de xestión o lixo agarda comezar nas vindeiras semanas. A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou que o proceso para sacar a contratación do novo servizo “é todo un reto” e supón “un desafío ambiental para a cidade e un reto para todo o mandato”.

A estrutura de custes do novo servizo do lixo é un documento que fixa a fórmula que servirá para a actualización do custe contrato durante os anos que estea vixente. Para facer este documento, o Concello solicitou a participación de oito empresas do sector para que fixeran estimacións do custe do servizo atendendo a gastos fixos como o persoal, material, reparacións, infraestrutura informática…. As empresas ás que se solicitou colaboración foron: Valoriza, Urbaser, FCC Medio Ambiente, Ferrovial, Elson-OHL, Ascan, ONET-Servalia e Servizos dos Concellos Galegos SLU. Delas, contestaron os catro primeiros.

O documento da estrutura de custes recibiu hoxe, na Xunta de Goberno, a aprobación definitiva, polo que foi enviada á Xunta de contratación consultiva de Galicia para que emita o informe pertinente. Unha vez que o Concello dispoña dese informe preceptivo poderá abrir o proceso de licitación.