Mentres o Concello agarda que a Xunta poña a disposición os terreos que está expropiar, inicia o proceso de licitación por máis de 1,3 millóns de euros.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o inicio do expediente de contratación para executar a nova vía para ampliar o hospital Gran Montecelo. Trátase dunha contratación que asumirá o Concello de Pontevedra a través dos convenios coa Deputación provincial.
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías manifestou esta mañá que con este trámite o Concello “continúa a cumprir co proxecto do Gran Montecelo”. A esta iniciativa súmase a construción do novo depósito de Mourente, unha instalación xa rematada, que permitirá dotar de auga potábel ao centro sanitario, novas instalacións eléctricas así como as distintas achegas económicas pactadas nos distintos procesos de licitación da obra do propio hospital.
Ao respecto da vía de acceso ao hospital terá un prezo de licitación de 1.369.951,30 euros e un prazo de execución de 12 meses.
Mentres o Concello agarda recibir os terreos, que dependen das expropiacións que realiza a Xunta de Galicia cun custe de preto de 124.500 euros, inicia o proceso de contratación da nova estrada que prevé circunvalar o Hospital Montecelo, contando cun inicio e un fin na avenida Montecelo.
Será unha vía de calzada única, cun carril por sentido e beirarrúas a ambos os dous lados, coa velocidade limitada a 30 quilómetros por hora, e pasos de peóns elevados para o calmado do tráfico. Seguirá o esquema do modelo Pontevedra, ao igual que outras rúas da cidade, contando con catro redondas, unha ao final, outra ao comezo, e dous no traxecto intermedio. Tamén contará cunha iluminación de seu, potenciada nos pasos peonís.