Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego, abre mañá as súas portas cun centenar de produtores para saborear Galicia

133
  • Cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, exhibicións, catas comentadas, maridaxes e outras moitas actividades sucederanse durante os tres días de feira
  • Como preludio á feira, desenvolveuse esta mañá no CITA unha actividade dirixida a 30 profesionais da hostalaría da cidade e da comarca na que o chef Iñaki Bretal maridou produtos dos expositores de Etiqueta Negra con Cervezas 1906

Etiqueta Negra volve este ano coa súa quinta edición; e volve con más forza que nunca, para converterse no epicentro do delicatessen galego. A feira do gourmet galego abrirá mañá venres 10 ás 11 horas as súas portas coa presenza dun centenar de expositores que destacan pola singularidade e alta calidade dos seus produtos. A feira contará ademais cun amplo programa de actividades, tales como cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, maridaxes e catas para saborear Galicia.

Como preludio á feira, esta mañá celebrouse no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) a actividade “1906 / ETIQUETA NEGRA”, dirixida a 30 profesionais da hostalaría da cidade e da comarca e coa concellaría de Promoción Económica e Cervezas 1906 como impulsores. Esta iniciativa tivo por obxectivo impulsar a cociña colaborativa co fin de xerar riqueza e valor na comunidade local a través da alianza con provedores e outros profesionais do sector. 

Así, desenvolveuse en primeiro lugar a mesa redonda “Gastronomía Colaborativa” na que participaron Iñaki Bretal, chef do Eirado da Leña; Carlos Ávila, responsable de Cultura de Cervexa de Hijos de Rivera, así como os produtores Xesús Mazaira e Milagros Castro propietarios da queixaría Airas Moniz e das conservas Los sabores del Camino, respectivamente. Ao finalizar, tivo lugar unha degustación maridaxe destes produtos con Cervezas 1906.

Tal e como apuntou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “quecemos fogóns para Etiqueta Negra cun acto eminentemente profesional, pensado para os profesionais da hostalería”, destacando a participación de Iñaki Bretal, “que está desde a primeira edición e que este ano levará tamén a cafetería da feira”. “Convidamos a todo o mundo a que se achegue ao Recinto Feiral a desfrutar desta feira, que é xa unha marca consolidada e que sen dúbida será un éxito”, sinalou a edil do PSOE.

A excelencia dos produtos galegos

Desde o venres 10 ata o domingo 12 público profesional e público gourmet daranse cita no Recinto Feiral co obxectivo de descubrir, degustar e difundir a excelencia dos nosos produtos galegos. Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, vermús, cervexas e outras bebidas sorprendentes como o hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, carnes, caracois, embutidos, conservas, setas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un sen fin de delicias que farán gozar aos padais máis esixentes.

Moitos destes produtos poderán saborearse tanto na Zona de Catas como na Viñoteca, espazos destacados que ofrecerán unha intensa programación continuada. Xunto coa Tetería da Deputación de Pontevedra que volverá para dar a coñecer o té galego, feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro. A participación nestas actividades é gratuíta pero require inscrición previa en cada un dos espazos, xa que as prazas son limitadas (20 persoas).

Cociña en directo

Os centros de formación de hostalería serán os encargados de abrir a programación no Anfiteatro Cervezas 1906 o venres pola mañá. Deste xeito, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra amosará ás 11.30 horas diversas Bebidas e snacks saudables, deseñadas e elaboradas polo alumnado de 2º curso do ciclo medio de Servizos baixo a coordinación dos profesores Carlos Rodríguez e Jorge Verdeal.

A continuación, ás 13.00 horas, o alumnado do Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés fará o propio no showcooking Petiscos do Salnés, grazas ao patrocinio da Mancomunidade do Salnés. O alumnado, coa supervisión dos profesores Paco Caneda e Pilar Amoedo, preparará e servirá para 70 persoas dumplings recheos de centola con crema de marisco, bocadillo de xarda lañada con pisto confeitado e salsa de lima, ademais dunha escuma de queixo galego con crema de marmelo, licor café e galleta de mazá. Estas elaboracións serán acompañadas por un mojito de Albariño e un Chupito Piruleta.

Ás seis e media da tarde chegará –da man de Estrella Galicia– toda unha aposta pola cociña urbana, os produtos galegos de temporada, a innovación e a creatividade. Trátase da degustación maridaxe “Coruña Cociña-Pracer” con Moncho Bargo by 1906. O copropietario do restaurante coruñés Pracer presentará catro pratos dos que dous daranse a degustar a 75 persoas: croqueta de centola & 1906 Reserva Especial, Navalla & 1906 Galician Irish Red Ale; Cervo & 1906 Red Vintage; e tarta de queixo Savel & 1906 Black Coupage.

A programación no Antiteatro continuará o sábado ás 18.30 horas con Iñaki Bretal, o primeiro estrela Michelín da cidade, quen fará unha viaxe polos pratos que compoñen o menú degustación do seu restaurante O Eirado da Leña esta temporada. 

E o domingo, a IXP Grelos de Galicia e o cociñeiro José Manuel Mallón prepararán diferentes elaboracións culinarias desta hortaliza tradicional da nosa gastronomía.

Punto de Encontro Profesional

Etiqueta Negra será unha gran plataforma de negocio para as empresas do sector. Ao longo das tres xornadas desenvolveranse tanto no Punto de Encontro Profesional como nos propios stands numerosas reunións dos expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para iso, contactáronse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, así como 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais.

Tamén persoal do ICEX visitará a feira o venres pola mañá co obxectivo de informar aos expositores interesados sobre os servizos que ofrece a entidade pública para axudar á internacionalización das PEMES galegas.

Horario ininterrompido

Impulsada pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco, Etiqueta Negra conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais de Cabreiroá, como auga oficial, Deputación de Pontevedra, Eroski, Gadis e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, colaboran nesta quinta edición o CIFP Carlos Oroza, Froiz e Gráficas Anduriña.

A feira do gourmet galego permanecerá aberta, en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas, agás o domingo que pechará ás 20.00 h. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 5 euros.