A Vida é Movernos organiza unha xornada gratuíta de promoción da petanca que terá lugar o vindeiro sábado 18 de decembro no contorno do campo da festa de Marcón

56

Na súa teima por animar á cidadanía a retomar o exercicio físico ao aire libre e de organizar actividades para tódolos gustos e idades, o exitoso programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, celebrará o vindeiro sábado 18 de decembro no contorno do campo da festa de Marcón unha xornada gratuíta de promoción da petanca aberta á participación cidadá. O evento, organizado en colaboración coa Agrupación de Petanca de Pontevedra, contará con dúas actividades principales: un Taller de Iniciación no que poderán tomar parte tódolos pontevedreses que así o desexen e un Torneo de Nadal para o que están inscritos nove equipos da Liga do Concello.


Baixo o título de ‘A Petanca como Actividade Saudable’, este obradoiro de A Vida é Movernos desenvolverase en horario de mañá, entre as 10:30 e as 13:00 horas, e de tarde, desde as 15:30 até as 18:00 horas. “A petanca está en pleno crecemento no noso municipio, estando prevista a creación de nove novas pistas para o vindeiro ano. De feito, un mínimo de 150 persoas tomarán parte nesta iniciativa aberta á cidadanía, co obxectivo de que a xente coñeza este deporte, pase un día entretida e quede ‘enganchada’ para sempre”, sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.


Os equipos que participarán no torneo e o desenvolvemento do taller son Centro Social Pontevedra, Verducido, O Mirador de Monte Porreiro, San Martiño, Petanca Marín, Salcedo Norte, Amigos de Campolongo, Corticeira de Bora e SCD Marcón.