- Entre as intervencións inclúese a renaturalización e adaptación ao cambio climático de ámbalas marxes, desde a Ponte dos Tirantes ata o contorno da ponte do ferrocarril (As Aceñas)
- A proposta impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible co respaldo da Xunta foi incluída na liña de financiamento do Goberno central para potenciar o Camiño de Santiago
Tras ser elixido polo Goberno de España e a Xunta para financiar o seu Plan de Sostibilidade Turística con dous millóns de euros a través dos fondos europeos Next Generation, o Concello de Pontevedra volverá beneficiarse agora dunha nova partida, neste caso dun millón de euros, para acometer o proxecto de restauración ambiental do Ben de Interese Cultural (BIC) que discorre pola ribeira do Lérez, desde a zona das Xunqueiras ata As Aceñas, incluíndo a Illa das Esculturas. Esta intervención para renaturalizar e adaptar o contorno das marxes fluviais ao cambio climático, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, foi incluída polo Goberno central dentro dunha das liñas aprobadas recentemente polo Consello de Ministros (a proposta da Xunta e o Concello de Pontevedra) coa finalidade de priorizar os investimentos relacionados co Camiño de Santiago e de potenciar a importancia do Xacobeo na imaxe turística de Galicia e de España.
Trátase dunha partida económica global de 22,7 millóns que se destinará ao financiamento de 12 proxectos sobre BIC en 17 concellos da nosa comunidade autónoma, centrados na recuperación do patrimonio histórico para uso turístico e enmarcados no ámbito da mellora da competitividade, ao enriquecer as ofertas turísticas dos destinos e favorecer o coñecemento do patrimonio de forma sostible e segura. A proposta de Pontevedra, que foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo propio Iván Puentes e pola concelleira de Turismo, Yoya Blanco, enmárcase no Ben de Interese Cultural que se localiza nas inmediacións do río Lérez, en ámbito periurbano, desde a zona das Xunqueiras e a Illa das Esculturas (ata a Ponte dos Tirantes), percorrendo ámbalas ribeiras do río, ata a altura da actual praia fluvial, a antiga ponte do ferrocarril e o contorno do Mosteiro de San Salvador de Lérez, tamén catalogado como BIC (a partir dese punto, río arriba, o río e o seu contorno fluvial están considerados como unha Zona de Especial Conservación que forma parte da Red Natura 2000).
Segundo lembrou Puentes, “o BIC foi catalogado como tal no ano 1946 polo entón Ministerio de Educación Nacional, tendo a consideración de paisaxe cultural”, e localízase en terreos de titularidade pública, “parte deles pertencentes ao propio concello de Pontevedra, sendo os restantes de Dominio Público Marítimo-Terrestre (Dirección Xeral de Costas) e de Dominio Público Hidráulico (Augas de Galicia), se ben o mantemento e xestión ordinaria de todo o espazo público é realizada de forma ordinaria pola Administración municipal”. “O conxunto de actuacións que se van desenvolver neste BIC -explicou o edil do PSOE- ten como finalidade recuperar e poñer en valor esta paisaxe cultural, incorporándoo como un reclamo turístico de primeira orde para a cidade e fortalecendo a conectividade e mobilidade entre o casco urbano, o contorno do Mosteiro de San Salvador de Lérez e o espazo natural de As Aceñas, así como co espazo Rede Natura Río Lérez”.
O proxecto deseñado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e respaldado polo Goberno de España e a Xunta abrangue os seguintes obxectivos:
- Recuperación ambiental, renaturalización e adaptación das marxes do río Lérez ao cambio climático, en ámbalas marxes, desde a Ponte dos Tirantes (inicio da Xunqueira-Illa das Esculturas) ata o contorno da ponte do ferrocarril (As Aceñas). Tal e como precisou Iván Puentes, “cómpre aclarar que esta zona foi intensamente modificada na segunda metade do século XX, o que reduciu o espazo natural do río, canalizando parte das súas ribeiras e reducindo a área de xunqueira orixinal”. As principais intervencións neste eido serán:
- Eco-rehabilitación da marxe esquerda do río, mediante a naturalización da ribeira e a liberación do espazo público actualmente ocupado por viais.
- Creación dun bosque de ribeira e zonas de estancia con especies autóctonas con fins ambientais e de uso turístico.
- Xeración de zonas de estancia e de acceso ao río, inexistentes ao longo do percorrido.
- Eliminación e renaturalización do extremo norte da escolleira do río Lérez e o brazo de auga que bordea parte da Illa das Esculturas.
- Mellora do réxime hidromorgolóxico da canle interior do Lérez na Illa das Esculturas, reconstruíndo e naturalizando a conexión co río, o que aumentará o caudal de auga soportable.
- Recuperación ambiental e mellora da accesibilidade no contorno das Aceñas e a paraxe do Mosteiro de San Salvador ata o río Lérez. Iván Puentes indicou que “na marxe esquerda do río localízanse os antigos Salóns do Lérez, espazo tradicionalmente empregado como zona de baño pola poboación e onde se celebran romerías populares e no que, na actualidade, se localiza a praia fluvial da cidade”. “A zona do lugar das Aceñas atópase ambientalmente degradada e non é posible o acceso peonil deste contorno co Mosteiro de Lérez. A actuación permitirá recuperar a esencia desta antiga paisaxe cultural e conectar peonilmente a cidade co Mosteiro de Lérez, percorrendo o espazo natural do BIC”, subliñou o socialista. As principais intervencións neste ámbito serían:
- Realización dun estudo da calidade visual do contorno para o diagnóstico dos principais impactos paisaxísticos do contorno das Aceñas e proposta de solucións para a súa posta en valora turística e recreativa.
- Eco-rehabilitación do contorno das Aceñas, en ámbalas marxes, naturalizando as ribeiras, eliminando focos degradados a nivel paisaxístico e especies exóticas e xerando un contorno natural máis axeitado para o seu uso social e turístico.
- Mellora da accesibilidade na zona das Aceñas, coa creación dunha senda peonil para conectar a marxe esquerda do río Lérez co Mosteiro. Tamén se lle dará continuidade á senda proxectada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible sobre a antiga ponte do ferrocarril.
- Creación de zonas de estancia no contorno do río.
- Mellora de equipamentos e servizos públicos da paisaxe natural do BIC, coas seguintes accións enfocadas principalmente ao seu uso turístico e recreativo:
- Iluminación ornamental das pontes do Lérez, dando continuidade a esta actuación xa posta en marcha nas pontes de O Burgo e As Correntes e a pasarela peonil da Illa das Esculturas, dotándose de luz ornamental a antiga do ferrocarril.
- Mellora da iluminación do conxunto da paraxe natural do BIC, desde a Ponte dos Tirantes ata o lugar das Aceñas, por ámbalas ribeiras do Lérez, incluíndo a Illa das Esculturas.
- Dotación de puntos de conexión wifi e recarga no lugar das Aceñas e en parte das novas zonas de estancia.
- Recuperación dun servizo recreativo de barcas tradicionais para o seu funcionamento no contorno da Illa das Esculturas e As Aceñas.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible matizou que “o orzamento global da intervención ascende a un millón de euros sen IVA, coa seguinte distribución: 600.000 euros á renaturalización e adaptación ao cambio climático as marxes do río Lérez, 295.000 á recuperación ambiental e mellora da accesibilidade do contorno de As Aceñas e a paraxe do Mosteiro de San Salvador e 105.000 á mellora de equipamentos e servizos públicos da paisaxe natural do BIC”. “En próximas datas, á volta do Nadal, agardamos ter unha reunión coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia para precisar as intervencións concretas que se poderán efectuar con este orzamento. Será a propia Administración autonómica a que se encargue de licitar estas actuacións, que deberán executarse nun prazo de tres anos”, avanzou Iván Puentes.