Pontevedra xa ten o seu Conto de Nadal e está protagonizado por 85 comercios

39

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inauguroou esta tarde na Praza do Teucro a abraiante decoración de fantasía que narra o Conto de Nadal de Pontevedra, protagonizado por 85 comercios locais da cidade e creado para darlles visibilidade e incentivar as compras neles durante estas festas. Entre o mobiliario de Nadal deste relato de fábula (no que aparecerán os nomes dos distintos establecementos participantes cun produto ou servizo destacado) inclúese unha fermosa árbore e un buzón no que os clientes poderán depositar as participacións entregadas polos negocios adheridos á campaña, tomando así parte nun sorteo de dez cheques regalo por valor de 25 euros cada un para trocar por artigos e servizos en calquera dos establecementos. Dito sorteo terá lugar na Casa da Luz o día 7 de xaneiro e os gañadores serán notificados por vía telefónica.

Aínda que a historia estará exposta durante toda a campaña (ata o 6 de xaneiro), aquelas persoas que se acheguen ata a Praza do Teucro para visitar a mostra do Conto de Nadal de Pontevedra terán as opcións de lela ou escoitala, ao dispoñerse dunha guía audiolibro cun código QR que, ao escanearse, reproducirá a historia en audio. Ademais, haberá seis días nos que se celebrarán sesións de Contacontos a cargo da empresa ‘Onde viven os contos’ para que os máis pequenos poidan vivilo e desfrutalo como se dun espectáculo se tratase:


Sábado 18 de decembro: 17:30 horas. Con intérprete de lingua de signos


Domingo 19 de decembro: 17:30 horas. Con intérprete de lingua de signos


Xoves 23 de decembro: 17:30 horas.

Domingo 26 de decembro: 17:30 horas. 


Venres 31 de decembro: 12:30 horas.

Martes 4 de decembro: 17:30 horas.